Pilar García Negro: “O lugar da lingua galega”

Artigo de Pilar García Negro no Xornal de Galicia:
“É ben certo o aserto de que cantos menos índices de normalidade ou de soberanía existen nun país verbo da súa lingua ou da súa economía, máis proliferan as sofisticacións do problema. Téñoo por axiomático: a mesma falta de normalidade e –no caso galego– unha persistente tendencia ao pactismo (“Deus é bon e o demo non é mau”) típica da nosa historia político-cultural fabrican a cada paso reviravoltas artificiosas que, no canto de esclarecer, confunden, iso si, con aparencia de recoñeceren que o problema en si existe e cómpre resolvelo. O problema, claro está, é a absoluta anemia institucional do galego, de novo agredido, nesta lexislatura, con armas ilegais e propagandísticas que visan sen máis a súa destrución.
Esta leria preliminar vén a conto do informe do IGEA, de que se fixo eco Xornal de Galicia, verbo da situación do idioma da Galiza e das alternativas defendíbeis. Chámame a atención, en primeiro lugar, a desmemoria dos redactores. Desde aquel lonxincuo 1979, en que se dita, por parte do MEC, o chamado Decreto de Bilingüismo, este termo, na contemporaneidade galega sempre foi usado pola contra do galego con fins nada benéficos: non para lle dar entrada ao galego nun ámbito público, senón para todo o contrario, coartar o seu mínimo desenvolvemento no ensino ou noutro dominio social. Os ferreños monolingüístas españois de antonte viraron, por conveniencia, bilingüistas onte e hoxe (Lei Villar Palasí; Informe sobre enseñanza de las lenguas españolas y bilingüismo, elaborado por comisión designada polo MEC e presidida por Lázaro Carreter; AGLI; Galicia Bilingüe…). Por iso se dicía –e diciamos–, parafraseando a célebre sentenza marxiana, que o bilingüismo era o opio da normalización das linguas europeas que a precisaban.
De por parte, nen os máis antigos textos doutrinais e/ou parlamentares do nacionalismo galego enredaron considerando “estranxeira” a lingua española na Galiza. A cousa é cómica, por non dicer dramática, xa que era, e é, o galego, a todos os efeitos, a estranxeira na súa patria, por expresármolo con lapidario título rosaliano. Por exemplo, a Proposición de Lei do BN-PG / PSG (9 de Marzo de 1982) parte de definir o problema lingüístico da Galiza como colectivo e por situar a alternativa ou solución como aplicábel a todo o territorio e a toda a sociedade galega. A normalización do galego visa, pois, instaurar unha pauta pública en galego, independentemente do recoñecemento dos dereitos individuais exercíbeis en español. Isto é, o contrario mesmamente do que ocorre hoxe. Tal pauta normalizadora foi a que se instaurou en Cataluña, onde non se dubidou naturalmente de que a normalización do catalán había facerse en catalán, como, entre nós, a normalización do galego faise en galego e non en “bilingüe”.
¿Coñecen os autores a realidade de moitos textos “bilingües” que existen aquí e agora? Por exemplo: programas de man onde o galego, en tinta suave e cursiva, ocupa a páxina par, co cal os ollos de quen le van inevitabelmente á páxina impar, letra negra e ben lexíbel. O mesmo diriamos de moitos rótulos ou letreiros en exposicións e lugares de tránsito público. Mais é que, a maiores, se algún resultado masivo, popular, mesmo dentro de proporcións minoritarias, conseguiu a loita lingüística pro-galego do nacionalismo foi a de desvendar como o suposto uso bilingüe, pretensamente igualitario, non era máis que a tampa dun uso diglósico (por tanto, disimétrico e sempre subordinado para o galego) con que se xustificaba o baileou cambio do galego para o español.” (…)
O artigo completo pódese consultar aquí.

Cipriano Jiménez Casas: “Se non defendemos o galego só nos queda ser unha colonia embrutecida”

Entrevista a Cipriano Jiménez Casas en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Cal é a reflexión do mundo e a aira de Galicia no particular. O autoodio, a diglosia, a colonización, a autocolonización sempre servil e ignorante, a nación bendicida, entregada… Cal é, xa que logo, a túa resposta?
Cipriano Jiménez Casas (CJC): O proceso de globalización, nos presenta un panorama complicadísimo. Internet, que é unha ferramenta estupenda, pode facer estragos polo mal uso desta. Por máis que reflexiono, en relación con Galicia, vexo cousas a día de hoxe que me abraian. Non se asume sentirse galego que debería ser un orgullo de seu. É do particular que se pode ir a posicións máis globais. Un débese á súa Terra, que aínda que a critiquemos é, a nosa terra. Aínda hoxe, hai persoas que renegan da súa condición de galegos. Un “nacionalista”, como o foron: Castelao, Otero, Curros… ¿Que dicir de Rosalía? Non poden ser persoas reducionistas, senón, abertas, comunicativas, coñecedoras doutras culturas e linguas…en fin todo o contrario do que nos intentan facer crer. (…)
GH: Que tal te levas coa poesía e coa narrativa, son “santos” do teu camiño?
CJC: A literatura e poesía galega, teñen moi boa saúde. No relato curto, hai verdadeiros especialistas, continuadores de Castelao, Cunqueiro, Fole…Despois da Esmorga de Blanco Amor, bótase en falta outra grande novela que aínda está por facer.
GH: Galicia está a vivir e polo tanto a facer a mellor literatura de toda a súa Historia ?
CJC: Non sei se é a mellor época, pero se esta Nación se salva, será por mor dos nosos poetas e escritores. Actualmente Galicia conta cunha serie de escritores dunha categoría fantástica. Outra cousa é, que estean convenientemente lidos e divulgados como se merecen. Retomar o listón tan alto como os nosos devanceiros, non foi tarefa fácil, pero aí están.”

Henrique Rivadulla Corcón: “A parálise do audiovisual é dramática”

Entrevista a Henrique Rivadulla Corcón no Xornal de Galicia:
“Xornal (X): Que nos achega Rivadulla Corcón neste nova obra (Os papeis do vagabundo)?
Henrique Rivadulla Corcón (HRC): É un libro que continúa a mesma liña dos anteriores en dúas constantes. A primeira é o mundo mariñeiro e a segunda é ese concepto de vagabundo que tanto me atrae, xa que ese mariñeiro é ao mesmo tempo un vagabundo. É unha obra cun carácter moi narrativo, aínda que esteamos ante un feixe de poemas. Neste libro atopamos, por outra banda, unha diferenza cos anteriores. Normalmente, eu ambiento as miñas obras en Muxía, pero nesta ocasión regreso ao meu barrio natal, ao barrio de Monte Alto. (…)
X: O libro escribiuse cando o debate da memoria histórica estaba en pleno apoxeo. Os autores sérvense deste tema por pura atracción literaria ou segue a conservar un valor reivindicativo?
HRC: Ten un pouco das dúas cousas, pero o poso reivindicativo é moi importante. Falamos de ficción, pero hai unha realidade que truncou moitas vidas e que segue a afectar as persoas que a viviron, os seus fillos e os seus netos. Nós posicionámonos contra iso e escribimos para que se lembre o que pasou e como pasou. É unha forma de achegar algo a que iso non se volva repetir. Iso é moi importante cando hai sectores sociais que están a dicir sempre cousas como que iso xa está cerrado, que non se pode volver o pasado ou que non se debe falar diso. Non estamos de acordo con iso, por ese motivo escribimos esa historia.”

Xosé Neira Vilas: “Os galegos ignoran aínda o moito que lle deben á emigración”

Entrevista a Xosé Neira Vilas no Xornal:
“Xornal (X): Imaxinou algunha vez que Memorias dun neno labrego sería tan popular?
Xosé Neira Vilas (XNV): Nunca. Eu só tiña a necesidade de contar como era a vida dun rapaz galego dos anos corenta, como un recordo persoal. Xa levaba dez anos emigrado daquela. Nin sequera pensei que fose ir máis alá de Bos Aires, pero Fernández del Riego, que era daquela o xerente de Galaxia, pediume que lle mandase 300 exemplares. Dos 2.000 que se fixeron, 300 viñeron para Galicia. Con todo, aquí tardaron sete anos en reeditalo. Publicouno en 1968 Ediciós do Castro, aínda que o ía sacar Arturo Reguera en Rúa Nova. (…)
X: Que a Galicia actual se construíse fóra explica tamén a escasa autoestima?
XNV: Non se pode amar o que non se coñece, por iso na emigración dos anos 50 tomamos conciencia de Galicia, e por iso a amabamos. Estudabamos Sempre en Galiza nun centro galego capítulo a capítulo. Tiñamos o privilexio de ter clases e conferencias de economía, arte, xeografía, literatura e lingua galega. E os profesores chamábanse Blanco Amor, Dieste, Valenzuela, Baltar… Se coñeces o país e tomas conciencia de como foi burlado, escamoteado e desprezado, esfórzaste máis en defendelo e prestixialo, sobre todo se estás fóra. Armabamos escándalo á porta dos cines cando se estreaba unha película que denigraba a muller galega. Conseguimos que Alberto Vaccarezza cambiase un personaxe dunha obra de teatro porque ridiculizaba os galegos. Había un actor nos anos cincuenta que se chamaba Pepe Iglesias El Zorro que facía varios personaxes. Un deles era un paisano galego que falaba de forma grotesca, torpe e zafia. Fomos protestar á porta da radio até que o eliminaron. E non só iso, senón que conseguimos que os ultramarinos de galegos que había en Bos Aires deixasen de vender espontaneamente o aceite que se anunciaba naquel programa. O tal Pepe liscou de alí e veu para Madrid a facer o mesmo programa co mesmo personaxe grotesco. Aquí non protestou nin dios.”

A Coruña: presentación de Luís Suárez. Fútbol de seda, de Xan Fraga

O sábado 4 de decembro, a partir das 19:00 h., no Kiosko Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez) da Coruña, preséntase a biografía Luís Suárez. Fútbol de seda, de Xan Fraga, publicado en Baía. No acto participarán, alén do autor e Luís Suárez, Arsenio Iglesias, prologuista da obra, e o concelleiro de Deporte, Xan Martínez Caxigal.