Santiago: Foro Encrucillada, Repensar a Teoloxía. Recuperar o cristianismo, en homenaxe a Andrés Torres Queiruga
A
revista Encrucillada homenaxea ao escritor Andrés Torres Queiruga, un dos teólogos galegos con máis peso no mundo católico celebrando nos vindeiros 28, 29 e 30 de outubro o seu tradicional Foro de Relixión e Cultura (que celebra a súa XXV edición) en Santiago de Compostela. Nesta edición, Encrucillada quere render, tamén, unha homenaxe ao seu antigo director, Torres Queiruga, quen se xubila este mesmo ano, pasando a ser profesor emérito da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago. Participarán nesta homenaxe compañeiros e escritores como Victorino Pérez Prieto, Xesús Ferro Ruibal ou Xosé Luís Barreiro Barreiro. O programa e emprazamentos pódense descargar neste enlace.
Vigo: conferencia de Xesús Alonso Montero sobre Bibliofilia na Galicia do século XX. A personalidade de Fermín Penzol
O
xoves 28 de outubro, ás 20:00 h., no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n.) de Vigo, terá lugar unha conferencia co título: Bibliofilia na Galicia do século XX. A personalidade de Fermín Penzol, a cargo do profesor Xesús Alonso Montero.
A radical profundidade
Culleredo: presentación de Miguel González Garcés, mineiro de luz, de Xulio L. Valcárcel
O
mércores 27 de outubro, ás 20:00 h, na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra, en Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), preséntase o libro Miguel González Garcés, mineiro de luz, de Xulio L. Valcárcel, publicado en Laiovento.
Oleiros: presentación de Raíz e soño (Canción de Oleiros) 1976-2008, de Xavier Seoane
O mércores 27 de outubro, ás 19:00 horas, preséntase na Biblioteca Central Rialeda de Oleiros o libro Raíz e soño (Canción de Oleiros) 1976-2008, de Xavier Seoane, publicado pola Editorial Trifolium. No acto participan, co autor, o poeta e presidente da AELG Cesáreo Sánchez, e a directora da Biblioteca Central Rialeda de Oleiros, Luz Corral.
Santiago: presentación da versión do Sempre em Galiza en portugués
O
mércores 27 de outubro, a partir das 19:30 h., preséntase na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela a primeira versión en portugués do Sempre em Galiza, publicado en Avante Editora, da AGAL, onde intervirán Fernando Vásquez Corredoira, Camilo Nogueira, Francisco Rodríguez e Miguel R. Penas.
Lugo: presentación de Cautivério de Fingoi. Os anos lugueses (1950-1965) de D. Ricardo Carvalho Calero, de Ramón Reimunde
O
mércores 27 de outubro, ás 20:00 h., no Salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), preséntase o libro Cautivério de Fingoi. Os anos lugueses (1950-1965) de D. Ricardo Carvalho Calero, de Ramón Reimunde, editado polo servizo de publicacións da Área de Cultura da Deputación.
Brais Rodríguez gaña VI Premio Castelao de Banda Deseñada con A man do diaño
“Un alegato humanista e antibelicista”. Así cualificou o xurado do Premio Castelao de Banda Deseñada a historieta A man do diaño do debuxante Brais Rodríguez (Brión, 1980) que onte gañou a súa sexta edición. O galardón, convocado pola Deputación da Coruña, supón para este ilustrador un pulo para a súa motivación -a obra publicarase o vindeiro ano-, ademais dunha axuda económica -está dotado con 6.500 euros-. O presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda fixo público onte a resolución xunto co comisario do certame, Miguelanxo Prado e a deputada responsable da área de Cultura, Caridad González Cerviño. O xurado destacou que “a partir dunha anécdota sinxela”, A man do diaño elabora “nun relato ucrónico, un alegato humanista e antibelicista”. Segundo comenta o debuxante, a historieta é “a historia de tres soldados que teñen unha visión bélica propia, pero mentres van cumprindo a súa misión, ven a dimensión humana da guerra”. Segundo explicou Miguelanxo Prado, A man do diaño sitúase “nun espazo de utopía e ucronía”, dende o que o debuxante “vai amosando un catálogo de situacións e implicacións dos personaxes” durante unha situación bélica, que levan ao lector a “unha reflexión sobre o absurdo das guerras”. A través diso, o debuxante coruñés afonda no “carácter humano do antibelicismo”, xa que os tres personaxes se formulan se a súa misión bélica ten sentido ou non. “Como en moitas películas bélicas, atopámonos nun escenario infernal, que non é humano, que non atopa sentido”, asegura o autor do cómic. De feito, o autor non quixo tampouco localizar a historieta nun país concreto. “Non concretei unhas coordenadas espazo-temporais. Podería suceder tanto nos países de Europa do Leste como en Suramérica. Non quixen remarcalo, senón que me centrei no aspecto antibelicista”, engade o autor. A acta do xurado destaca tamén o acertado uso dos recursos narrativos da obra premiada, “cun estilo moderno, claramente vencellado á banda deseñada europea máis nova”. Neste sentido, en opinión do debuxante, as súas influencias dentro do mundo da banda deseñada é unha “cuestión xeracional”. “Hai autores que levan creando moitos anos e que me influíron como Chester Brown”, comenta Brais Rodríguez, con referencia a un dos referentes do cómic independente dos anos 90 en Estados Unidos. Con todo, o debuxante nado en Brión non circunscribe as súas influencias só ao ámbito europeo ou americano. “Teño máis próximos a ilustradores españois como Bruguera, Vázquez ou Superlópez, que sempre están aí”, indica. (De Galicia Hoxe, tamén aparece a nova en Xornal, La Voz de Galicia).