Santiago: Do máis fondo do silencio, saen voces, recital poético-musical da Asociación Panda

O martes 26 de outubro, ás 20:30 h., no Órgano da Igrexa da Universidade, en Santiago de Compostela, a Asociación Panda de RR. LL. e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da Universidade de Santiago organizan un recital, no que participan Ana Romaní, Marilar Aleixandre, Eva Veiga e Dores Tembrás, acompañadas dos músicos Martina Schobersberger e Daniel Oman, presentados por Teresa Seara. Neste arquivo pódese descargar máis información: Do máis fondo do silencio, saen voces.

A Coruña: conferencia sobre Os nosos apelidos galego-portugueses, de José-Maria Monterroso Devesa

O venres 29 de outubro, a partir das 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, e dentro do ciclo Lingua, Literatura e Nación da A. C. O Facho, José-Maria Monterroso Devesa falará sobre Os nosos apelidos galego-portugueses. Ten ditado conferéncias aquén e alén mar, no Brasil (con motivo do irmanamento Coruña-Recife), no Uruguai, na Arxentina (Buenos Aires, La Plata, Rosario) e en Santiago de Chile nas últimas décadas acerca da matéria xenealóxica e onomástica (froito dos seus estudos sobre antepasados galegos de familias rioplatenses e máis centrándose nos apelidos galaico-portugueses espallados polo mundo).

A Coruña: presentación de Onde houbo lume, de Marica Campo

O martes 26 de outubro, a partir das 20:30 h., na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 16-18) da Coruña, preséntase Onde houbo lume de Marica Campo, publicado por Biblos. No acto participan, ademais da propia autora, o editor Tucho Calvo e Pilar García Negro.

Cangas: presentación de Persépole, de Marjane Satrapi

O martes 26 de outubro, ás 20:00 h., no marco do Salón de Banda Deseñada que se celebra na Capela do Hospital de Cangas, preséntase  a tradución ao galego de Persépole, de Marjane Satrapi, título que abre a colección de novela gráfica de Rinoceronte Editora. O proxecto, que supón a entrada na BD do selo ubicado en Cangas, pretende publicar traducións á nosa lingua das principais obras da BD contemporánea internacional, coa intención de tirar seis títulos cada ano, tendo previsto seguir con Palestina e Safe Area Gorazde de Joe Sacco, ademais de Contrato con Deus de Will Eisner. A colección publicarase en formato de 17×24 centímetros e a branco e negro, procurando respectar, dentro deses límites o formato orixinal das obras.