Bertamiráns: presentación de As manifestacións relixiosas ao longo da Historia, de Manuel Lamas

O martes 19 de outubro ás 20:00 h., no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, preséntase o libro As manifestacións relixiosas ao longo da Historia, de Manuel Lamas, publicado por 3C3. No acto participarán, co autor, Xesús Ferro Ruibal e X. Amancio Liñares Giraut.

Concesión dos premios Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

A Feira Galega das Artes Escénicas botou a andar en Santiago coa concesión dos premios de escrita dramática: o Álvaro Cunqueiro, o Barriga Verde (nas dúas modalidades) e o Manuel María, todos eles dotados con 6.000 euros e a posibilidade da súa publicación. Dolores Vilavedra, presidenta do xurado desta edición, fíxolles un chamamento ás editoriais para que continúen colaborando coa Agadic na edición destes textos que permitan “crear un corpus de literatura dramática”. Despois, pasou a ler o fallo do xurado que lle concedeu, por maioría, o premio Álvaro Cunqueiro a Raúl Dans pola súa obra Chegamos despois a unha terra gris. Canda el Xavier Lama gañou o Manuel María por Os reloxos preguiceiros de Néboa, mentres que Xose Antón Neira Cruz e Inacio Vilariño fixéronse cos premios Barriga Verde para adultos e infantil, respectivamente.
Raúl Dans agradeceu o seu premio Álvaro Cunqueiro, recoñecendo que a súa obra fala dos medos e das frustacións. “O meu teatro peneira das zonas escuras do ser humano” apuntou ao tempo que denunciou que “un premio é a única forma de publicar e de chegar aos escenarios”. O xurado recoñeceu da súa obra a súa “singular xenealoxía das mulleres”, a sobriedade do seu texto e o tratamento non oportunista dun tema de actualidade. Xavier Lama, gañador do premio Manuel María apuntou que a súa obra, pensada para público infantil, fala “do concepto do tempo, dunha autoestrada infinita cada o nunca máis”. O xurado recoñeceu a “orixinalidade do tema, a fantasía na concepción dos personaxes e a singularidade ontolóxica do mundo creado”. A modalidade de adultos do Barriga Verde (teatro para monicreques) foi para Xosé Antón Neira Cruz (un autor que xa resultou premiado en numerosas ocasións nos certames convocados por Agadic) quen fixo un alegato do Mestre Mateo e que lle dedicou o galardón ao seu pai, finado recentemente. O xurado recoñeceu “a capacidade para demostrar que un motivo artístico tradicional, como é o Pórtico da Gloria, pode ser susceptible de tratamentos novidosos”. Non estaba para recoller o seu premio Inacio Vilariño, de cuxa obra o xurado destacou “a frescura e a axilidade dos diálogos”. A entrega dos galardóns rematou coa intervención de Juan Carlos Fasero, director de Agadic, desexando que os textos “cheguen pronto aos escenarios”. Recollido tamén en Xornal, La Voz de Galicia e Galicia Hoxe.

A Coruña: presentación de Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo

O xoves 21 de outubro, ás 20:30 h., na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 16-18) da Coruña, preséntase o libro Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo, publicado por Laiovento, coa participación dos autores Luís Villares e Carlos Amoedo, acompañados por Francisco Pillado.

A Coruña: presentación de En defensa do poleiro

O xoves 21 de outubro ás 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, preséntase En defensa do poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e no que participaron máis de 60 escritores galegos. No acto estarán presentes os representantes da Plataforma, con Xoán Carlos Domínguez Alberte á cabeza,  o presidente e secretaria da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas, así como a totalidade dos autores do entorno coruñés que participan nesta iniciativa: Olga Patiño, Diana Varela, Xulio López Varcárcel, Lino Braxe, Paco Souto e Francisco X. Fernández Naval. Expoñeranse tamén as ilustracións da pintura Mané Boán que ilustran o libro e proxectarase o audiovisual: O Iesplicable.

Santiago: presentación de Pressing Catch, de Paula Carballeira

O martes 19 de outubro, ás 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Pressing Catch, de Paula Carballeira, publicado en Edicións Positivas. No acto participa, coa autora, Paco Macías. O texto teatral xa foi levado á escena baixo a dirección de Quico Cadaval. Chiqui Pereira, Hugo Torres, Anabel Gago e a propia Paula Carballeira interpretaban os catro papeis protagonistas nun espectáculo que se estreou na Sala Nasa o pasado marzo e que se puido ver durante setembro en Vigo.