Concurso Musicando Carvalho Calero

A Associaçom Galega da Língua e Komunikando.net convocan o Concurso Musicando Carvalho Calero, que consiste en poñerlle música a un poema do autor ferrolán, que logo se deberá enviar en formato mp3 a esta dirección de correo electrónico: aperloca@komunikando.net. A dotación é unha semana nun estudio profesional para gravar todos os temas que se queiran, máis 3 días para masterizar o disco resultante. Toda a información sobre o concurso e os temas que van chegando pode ser consultada aquí.

Celanova: actos de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O domingo 29 de agosto varios poetas das Redes Escarlata, entre os que figuran Claudio Pato, Alberto Lema e Elvira Riveiro, Rafa Balado, Xabier Xil Xardón, Brais González, Aitor Rivas, Xosé Antón Laxe Martiñán, Oriana Méndez e Silvia Penas, desenvolverán a súa Acción de ferreiro, acto que coincide coas celebracións de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro que cada ano teñen lugar en Celanova, a súa vila natal. Con esta acción pretenden manifestar as posibilidades dos individuos como unidades dun proxecto común. Durante o percorrido dos membros da asociación pola vila, que manteñen en segredo para manter o efecto sorpresa, recitarán textos de Celso Emilio ou doutros poetas que os participantes seleccionen. Todos eles confluirán nun punto predeterminado no que recitarán, “en efusión polifónica”, o poema do poeta celenovés Lingua proletaria.
Ese mesmo domingo 29, a partir das 11:00 h., no cemiterio de San Breixo de Celanova, onde está enterrado o autor de Longa noite de pedra, organizouse unha homenaxe colectiva ao poeta, impulsada pola Fundación Celso Emilio Ferreiro, o Colectivo Arraianos e as propias Redes Escarlata. No transcurso do acto, presentarase a nova entrega da revista Arraianos, un número especial titulado Vivir na raia, co que a publicación, segundo os seus impulsores, pecha un ciclo comezado hai seis anos nese mesmo espazo e como homenaxe tamén ao poeta. A continuación haberá un recital poético e musical onde intervirán Anxo Angueira ou Xosé Luís Méndez Ferrín, e músicos como MC García -da formación Dios Ke Te Crew-, Leo e Arremecághona ou os Labregos no tempo dos Sputniks, que interpretarán cancións con letras de Celso Emilio en clave contemporánea. O acto pecharase co gaiteiro de Lobeira, Daniel Romero.

Carlos Quiroga entre clássicos universais

‘A obra narrativa Inxalá, de Carlos Quiroga, foi, por primeira vez, distribuída maciçamente entre público português, ao formar parte da ‘Biblioteca de Verão’ de Diário de Notícias e Jornal de Notícias. A tiragem do livro poderia ter atingido entre cem e cento vinte mil leitores no 27 de Julho passado. Inxalá apareceu na coleçom de clássicos universais em que foram integrados autores como Lewis Carroll, Oscar Wilde, Victor Hugo, Joseph Conrad, Henry James, Bram Stoker, Poe, Eça, Herculano, Tolstoi, Dostoievsky ou Borges, entre outros.’ Máis información no Portal Galego da Língua).

Carballo: Praza dos libros actos do 27 de agosto

Dentro das actividades da Praza dos libros de Carballo, este venres 27 de agosto, desenvólvense as seguintes actividades:
19:30 h. Sinaturas de: En clave de sol, publicado por Lumieira, por parte de Rosalía Fernández e Mon Lendoiro; as obras de Alberto Varela Ferreiro (as primeiras 60 persoas que se achegaren a asinar un libro deste autor, serán agasalladas coa súa obra 1809. A rebelión Neria; e de O náufrago, publicado por Sotelo Blanco, por parte do seu autor, Xosé Antonio Pet Posse.
20:30 h. Presentación de Covalladas. Prosa vertical, de Xurxo Borrazás, publicado en Galaxia, na que participan Belén Puñal e o propio autor.