Vigo: presentación de Un home impuntual, de Pepe Cáccamo

Dentro das actividades da Feira do Libro de Vigo, o venres 9 de xullo, ás 20:30 horas, Pepe Cáccamo presenta o seu libro Un home impuntual, publicado en Galaxia. No acto participan o autor acompañado de Francisco Castro.
Previamente, a partir das 20:00 horas, Pablo Díaz e Marc Taeger asinarán exemplares do seu libro–disco Tic Tac, publicado por Kalandraka Editora.

Ferrol: conferencia de Ramón Loureiro na Galería Sargadelos

O xoves 8 de xullo, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María), desenvolverase a conferencia de Ramón Loureiro De León de Bretaña ao Camiño de Santiago: os camiños dos vivos e dos mortos nos libros da Terra de Escandoi. Diálogo de Ramón Loureiro con Manuel Vivero e Esperanza Piñeiro de San Miguel. Ao finalizar o acto o autor asinará exemplares das súas últimas publicacións.

Vigo: presentación de O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro

Dentro das actividades da Feira do Libro de Vigo, o xoves 8 de xullo, ás 20:30 horas, preséntase O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto participarán Xesús Domínguez Dono, Ledicia Costas e o propio autor.

Vigo: presentación de Níxer, con Alfonso Costa, Francisco Fernández Naval e Camilo Franco

No marco das actividades da Feira do Libro de Vigo, o xoves 8 de xullo, ás 19:30 horas, preséntase Níxer, publicado por Edicións Xerais. No acto participarán os seus autores, Alfonso Costa, Francisco Fernández Naval e Camilo Franco, acompañados por Isabel Iglesias Santos, responsable en Galicia de Acción contra a Fame e Fran Alonso.

AELG: comunicado ás/aos socios/as sobre o Acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro

Acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía

Prezada/o Socia/o,

Como vimos informando, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) promove, coa colaboración de diversos colectivos, como as asociacións culturais O Galo, Medulio, Auriense, MaioLongo, Solfa e a Asociación Cultural de Meira, e fundacións como Manuel María e Bautista Álvarez, entre outras organizacións culturais que se irán sumando, para o vindeiro 15 de xullo un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, que tivo lugar o 25 de maio de 1891. Tedes toda a información actualizada aquí.

Indicámosvos mediante a presente que é indispensábel que, de quererdes facer o traxecto Padrón-Santiago en tren, fagades reserva de praza contestando a esta mesma mensaxe, indicando o número de prazas a reservar. Tamén o podedes facer no telf. da AELG 981 133 233, de luns a venres, de 08.00 a 15.00.

Desde a AELG agradecemos que Rosalía estea presente e visíbel ao longo do percorrido, polo que cómpre facérmonos acompañar de iconografía rosaliana (chapas, camisetas, fotos, libros da autora, etc.) que a converta a todos os ollos na auténtica protagonista da xornada, así como de flores coas que realizar a ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres.

Agardando poder contar coa túa presenza, recibe un ben cordial saúdo,
O Consello Directivo da AELG.