Convocatoria da AELG para o Día das Letras

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que forma parte da Plataforma Queremos Galego, contará con pancarta propia na manifestación convocada para o vindeiro luns 17 de maio, ás 12 da mañá, e que partirá da Alameda de Santiago de Compostela. A AELG convida os seus Socios/as, e en xeral a todos os escritores e escritoras en lingua galega, a sumarse a esta manifestación tras a pancarta da Asociación, que estará na entrada da Alameda.
Podes ver a lista de autobuses dispoñíbeis e os contactos para solicitar praza neles, clica aquí. Podes ver a pancarta e información actualizada, clica aquí.

Esperando contar coa túa presenza, recibe un sempre cordial saúdo do Consello Directivo da AELG.

A Estrada: roteiro histórico-literario

“…Chegamos eiquí con esta forza
e agardamos non perdela xa
por maior embate ou escuro longo.
Sabemos que o misterio
i a necesidade nos protexen
e coma na profecía feita ca nosa luz
cando un mesmo non vía
volvemos,
volveremos proclamar a certeza…”
(Uxío Novoneyra. 1991)

«O roteiro terá lugar o día 16 de maio a partir das 18:30 desde a Casa do Pobo (pola parte de atrás do Mesón O Pote), na Estrada:

1. CASA DO POBO. Ben sindical. Inaugurada por Llopis, sendo o seu primeiro presidente Sánchez de Ouzande. Os precursores da obra foron canteiros da Somoza afiliados á UGT, sendo o canteiro que a dirixiu Ramiro da Forxa.
2. RÚA DOS MUÍÑOS. Camiño habitual de M. García Barros e lugar de veciñanza e encontro social.
3. CASA DE XOSÉ OTERO ABELLEIRA. Sede galeguista e imprensa do Emigrado.
4. CASA DE PEPA VARELA. Memoria de honra para unha poetisa e mestra amorosa da Galiza.
5. IRMÁNS VALLADARES. Van alá corenta anos da homenaxe das Letras a Marcial Valladares.
6. INSTITUTO VELLO. Centro piloto de Ensino Secundario da Institución Libre de Ensinanza ( 1932-2ª república ).
7. CASA LOSADA DIÉGUEZ. Hai 30 anos das “súas” Letras galegas.
8. SALÓN “NOVEDADADES”. Lugar de mitins galeguistas e escenario de textos teatrais de M. García Barros.
9.SEDE P. GALEGUISTA. Antonio Fraguas, Mundo Blanco e Manuel Varela.
10. CASA VIRXINIA PEREIRAS. Parella Virxinia e Castelao co seu fillo Chuchiño.
11. CASA CONCELLO-CÁRCERE. A carón da Praza do Mercado.» (Queremos Galego)

Barcelona: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

En castellano no hay problema, de Carlos Callón, presentarase en Barcelona (Galería Sargadelos, Provença, 276) o xoves 20 de maio ás 19:30 horas. O acto contará coa participación de Sabela Labraña, Joaquím Arenas e Carlos Callón. Organizan a Galería Sargadelos e Edicións Xerais de Galicia.

Actos A. C. O Facho para as Letras Galegas

O próximo 18 de maio, às 12 e 1/2 da manhá a Agrupaçom Cultural O Facho promove unha oferenda floral nos jardins de Mendes Nunes diante do monumento a Curros Henriques. Falará o presidente d’O Facho, José Luís Rodrigues Pardo e dará a conhecer os ganhadores dos prémios convocados pola nossa Agrupaçom: Concurso de Contos de nenos para nenos “Carlos Casares” e Concurso de Teatro Infantil.

Às 8 do serám no local da Fundaçom Caixa Galiza (Cantom Grande da Corunha) o poeta e ensaísta, Júlio Lopes Valcárcel falará sobre a figura do grande poeta do Caurel, Uxío Novo Neira. A sua intervençom intitula-se:

O 22 de maio, às 8 do serám no local da Fundaçom Caixa Galiza (Médico Rodrigues n.º 2) da Corunha efectuara-se a entrega dos prémios Concurso de Contos de nenos para nenos “Carlos Casares” e Concurso de Teatro Infantil.

Fisterra: estrea de Camiño ao mar, de X. H. Rivadulla Corcón

Camiño ao mar é o titulo do novo libro de poesía de X. H. Rivadulla Corcón, que edita Auga Editora, e serve como base para o espectáculo poético do mesmo titulo, onde o poeta estará acompañado polo trompetista cubano Franky Valencia, e que se estrea o próximo domingo 16, as 19:00 horas no Faro de Fisterra.

O espectáculo englóbase dentro do proxecto poetico músical que se pon en marcha dentro da programación do Xacobeo 2010, e que leva por título xenérico CAMIÑOS DE AMOR E LÚA, no que tamén se ofrecerán espectáculos poéticos Xosé Carlos Caneiro, María Lado, Olalla Cociña e María Canosa.

Camiño ao mar de X. H. Rivadulla Corcón, é un poemario narrativo, no que un mariñeiro que vive de vagabundo en Compostela, atopa unha gaivota morta na Quintana dos Mortos, e este feito motívao para iniciar a viaxe de regreso ao seu mundo, o mar, coa intención de enterrar unha pluma desa gaivota nunha praia da Costa da Morte. A viaxe transcorre a través do Camiño Xacobeo de Santiago-Fisterra-Muxía. En realidade trátase dunha viaxe na procura da verdade interior do vagabundo.

O poemario está estruturado en cinco partes, compostas cada unha delas por un poema longo de 126 versos cada un. A primeira parte refírese a cidade de Compostela, e as outras catro aluden cada unha as catro etapas que tradicionalmente configuran a rota Xacobea a Fisterra e Muxía.

A Coruña: “A imaxe reinventada”, por Luís Rei Núñez e Marcos Calveiro

O xoves 13 de maio, ás 20:00 no Macuf (Avda. de Arteixo, 171, A Coruña), Marcos Calveiro e Luís Rei Núñez ofrecerán “A imaxe reinventada”, dentro do ciclo de conferencias literarias “Mestres de papel”.

«Luís Rei Núñez e Marcos Calveiro tenderon unha ponte entre literatura e pintura e literatura e cine a partir do laborioso traballo de reconstrución imaxinaria dunhas vidas que brotan da contemplación duns cadros ou do visionado dunha pelí­cula, actos ambos que desencadean o feitizo febril da emoción narrativa.» (MACUF)

A Coruña: presentación de Milu, de Manuel Rivas

A Fundación Meniños é a promotora da publicación de Milu, un álbum infantil escrito por Manuel Rivas, con ilustracións de Aitana Carrasco e editado por KALANDRAKA, que pretende reflectir a situación dos nenos e nenas en situación de desvantaxe social. O libro presentarase o mércores 12 de maio a partir das 20:00 horas na Fundación Luis Seoane da Coruña, en vésperas da celebración do Día da Familia (15 de maio). Participan o autor da obra, Manuel Rivas, o vicepresidente da Fundación MENIÑOS, Xosé Manuel Villanueva, e o director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros.

Curso de Verán de Lingua e Cultura Galega para Estranxeiros

O SNL, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca a terceira edición do Curso de Verán de Lingua e Cultura Galega para Estranxeiros, que ten como obxectivo proporcionarlle ao alumnado un achegamento á lingua e á cultura propias de Galicia combinando as actividades teórico-prácticas con actividades culturais. (Universidade da Coruña)

Culleredo: Espello Cóncavo representa Anxeliños, de Roberto Vidal Bolaño

O vindeiro venres día 14 de maio ás 20:30 horas no Edificio de Servicios Múltiples do Burgo, terá lugar a terceira das funcións teatrais que forman parte do Ciclo de Teatro Profesional “Adolfo Marsillach” incluído no programa dos Encontros Culturais de Primavera. Letras Galegas 2010 que organiza a Concellería de Cultura coa actuación da compañía teatral “ESPELLO CÓNCAVO” que poñerá en escena a obra “ANXELIÑOS” escrita por Roberto Vidal Bolaño , dirixida por Arturo López e interpretada por: Fernando Morán, Rodrigo Roel, Estíbaliz Veiga, Isabel Risco e Manu Fernández.