Brétemas da memoria, o quinto disco de Víctor Aneiros, que nunhas semanas chegará ás tendas. Un traballo que afonda na alma de blues do poeta Ramiro Fonte (1957-2008). (GaliciaHoxe.com)
Carlos Negro achégase ós mozos e á velocidade no libro Makinaria
Nace Edicións Barbantesa para atender á literatura de periferias
Méndez Ferrín: “Novoneyra é o noso poeta máis radical en política do século XX”
Miro Villar gaña o XIII Certame de poesía “Concello de Carral”
Miro Villar, coa súa obra As crebas, resultou gañador do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano. O xurado escolleu o libro de Villar de entre as 46 obras presentadas ao certame pola mistura que presenta de clasicismo, culturalismo e compromiso social; polo acerto co que integra as alusións mitolóxicas no discurso poético; e tamén polo novidoso tratamento que fai da modernidade temática dentro do clasicismo.
O xurado estivo formado polos poetas Eli Ríos, Baldo Ramos e Tati Mancebo, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Mª José García Fariña, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 28 de maio, na Casa da Cultura de Carral.
Retornan as Polafías
A AELG, a través da súa sección de Literatura de Tradición Oral e coa coordinación de Antonio Reigosa, comeza neste mes de maio a temporada de polafías na vila de Ponteceso o vindeiro venres 21, ás 20.30, na Fundación Eduardo Pondal. O día 22 terá lugar outra en Mesía.
Durante 2010 organizaranse un total de seis polafías. Cos patrocinios da Consellaría de Cultura e Turismo e das Deputacións Provinciais da Coruña e Lugo.
Conferencia de Alberto Manguel Manguel no III Encontro Cidade da Coruña
Organizado conxuntamente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, mañá martes día 11 do mes que andamos, ás 20,00 horas, terá lugar na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas 11, A Coruña) a cuarta conferencia inscrita no III Encontro Cidade da Coruña, nesta ocasión a cargo do escritor, tradutor e editor arxentino Alberto Manguel, baixo título “O camiño da lectura”. O escritor arxentino será presentado por Manuel Rivas.
O III Encontro Cidade da Coruña, baixo lema “Literatura e viaxe”, contou xa coa presenza do poeta arxentino Juan Gelman, do escritor galego Miguel Anxo Murado, da escritora portuguesa Hélia Correia (5 de maio) e pechará o vindeiro 19 de maio coa intervención do escritor galego Xavier P. Docampo.
Alberto Manguel
Nado en Buenos Aires en 1948, viviu en Italia, Reino Unido, Tahití e Canadá. Na actualidade reside en Francia. Ten cultivado o mundo das letras practicamente en todas as súas facetas –o ensaio, a novela, a crítica literaria, a antoloxía, a tradución e a edición-, acadando unha moi notable reputación internacional.
Manguel ten reflexionado por escrito sobre a importancia do lector e o seu propio acto de ler, desde a perspectiva de este se converter en destino e orixe de toda creación literaria, ao tempo que acredita en que ler non será só no futuro un acto de rebeldía, senón un acto de supervivencia.
Entre os títulos destacados da súa obra, poderiamos citar: Una historia de la lectura, En el bosque del espejo, Noticias del extranjero, Leer imágenes, Diario de lecturas, Con Borges e Guía de lugares imaginarios.
Paiosaco: presentación de En castellano no hai problema, de Carlos Callón
Culleredo: presentación de A distancia do lobo. Biografía sobre Uxío Novoneyra, de Antón Lopo
O vindeiro mércores 12 de maio, ás 20:00 na Biblioteca da Poesía “Uxío Novoneyra” de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo),terá lugar a presentación do libro A distancia do lobo. Biografía sobre Uxío Novoneyra (Galaxia), de Antón Lopo. No transcurso do acto tomarán a palabra Celestino Poza Domínguez (concelleiro de Cultura) e o autor.
.jpg)

