Santiago: simposio O libro e a lectura. O libro dixital: presente e futuro

simposio

A Asociación Galega de Editores (AGE) e o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) organizan, coa colaboración do Consello da Cultura Galega, o VI Simposio O libro e a lectura. O libro dixital: presente e futuro, que terá lugar o xoves 12 e o venres 13 novembro nas instalacións do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. Arredor de 120 persoas asistirán a este debate sobre o formato do libro electrónico. Podedes descargar o programa en PDF neste enderezo.

Santiago: presentación de Sol de inverno de Rosa Aneiros

A novela de Rosa Aneiros Sol de inverno, gañadora do Premio Xerais 2009, preséntase o xoves 12 de novembro en Santiago nun acto que contará coa participación de Helena Soto, Manuel Bragado e a autora. Será na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6 de Santiago) a partir das 20 horas, con entrada libre.

Lugo: presentación de Mercurio de Emilio Alonso

Mañá mércores 11 de novembro preséntase en Lugo a novela Mercurio de Emilio Alonso, Premio La Voz de Galicia 2008. O acto contará coa participación de Manuel Bragado e Emilio Alonso e comezará ás 20,00 horas no Salón de Actos do IES Lucus Augusti, Avda Rodríguez Mourelo, s/nº de Lugo. Pola mañá, ás 13,30 horas, terá lugar un encontro entre Emilio Alonso e parte do alumnado do IES Lucus Augusti.

Xerais pon á venta os seus primeiros libros electrónicos

Edicións Xerais vén de poñer á venta os primeiros libros electrónicos do seu catálogo, Sete palabras de Suso de Toro e Dime algo sucio de Diego Ameixeiras. Os libros poden ser descargados dende o espazo de Xerais en Todoebook. Polo momento só poden obterse en formato PDF-Adobe DRM, aínda que nos vindeiros días estarán dispoñibles tamén en E-PUB. Máis información, no blog de Xerais.

Galaxia publicará 50 eBooks antes de fin de ano

Editorial Galaxia porá no mercado dixital 50 títulos da literatura galega antes de fin de ano. Trátase dunha primeira fase dun proxecto que ao longo do ano 2010 irá incorporando ao libro electrónico o catálogo completo da editorial (1500 títulos aproximadamente), tanto de autores clásicos como contemporáneos. En colaboración con Publidisa, e na mesma liña estratéxica que iniciou hai un ano con Google Books, Galaxia desenvolverá no próximo ano a primeira librería dixital do libro galego: descargas para eBooks e noutras plataformas. Máis información, no blog da editorial.

A Coruña: conferencia de Anselmo López Carreira

O historiador Anselmo López Carreira impartirá mañá martes 10 de novembro ás 20 horas na Fundación Caixa Galicia da Coruña unha conferencia sobre a desaparición do Reino de Galiza na Historia española. O acto está organizado pola asociación cultural O Facho e insírese no ciclo Economia e História da Galiza. A entrada é libre.

50 anos do pasamento de Ramón Cabanillas

Hoxe nove de novembro cúmprense cincuenta anos da morte do poeta de Cambados Ramón Cabanillas, autor de Vento mareiro, Da terra asoballada, Na noite estrelecida ou a obra de teatro O mariscal. Xerais anunciou a próxima aparición dun volume que recolle en 1032 páxinas a Poesía galega completa do lendario autor galego, compilada polos catedráticos Xosé Ramón Pena e Xosé María Dobarro.