Samuel Solleiro gaña o premio de relatos “Manuel Murguía” (Vídeo)

Samuel Solleiro (Tui, 1982) gañou o XVIII Premio “Manuel Murguía” de Narración Breve, convocado polo Concello de Arteixo. O xurado, formado por Xosé Manuel Martínez Oca, Xesús Pensado e Alba Martínez, concedeu por unanimidade o premio ao escritor e músico polo seu relato Caída de Abraham Rosenblath.

A Coruña: tertulia científica con Marilar Aleixandre

Hoxe 18 de maio ás oito da tarde a Domus acolle un club de lectura científica dentro do ciclo Os luns con ciencia. No acto colabora o Museo Emilia Pardo Bazán. Durante a actividade presentarase unha selección de libros e autores relacionados coa ciencia. O acto estará moderado por Marilar Jiménez Aleixandre, narradora, poeta, tradutora e profesora de Didáctica da Bioloxía e Educación Ambiental na Universidade de Santiago de Compostela. Ás presentacións das obras correrán a cargo de Pedro Ángel Ramos García, José Manuel Sande e Xurxo Mariño.

Os Luns con Ciencia é unha actividade patrocinada por Caixanova. A entrada libre e gratuíta

O blogomillo literario, artigo en Faro de Vigo

O blogomillo literario é o título dun artigo de Mar Mato no xornal Faro de Vigo que fala da actividade en Internet de varios membros da AELG e do recoñecemento que esta asociación lle outorga á creación na rede coa incorporación dun premio ao mellor blog literario nos seus galardóns anuais. Poden ler o artigo neste enderezo.

Ourense: conferencia de Carlos Fernández

Hoxe luns 18 de maio ás oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da Sociedade a Sección de Literatura do Liceo de Ourense continúa cunha nova edición do Ciclo de Conferencias “Visións de Galicia” adicadas este ano a Ramón Piñeiro e o Grupo Galaxia, cunha Conferencia de Carlos Fernández que leva por título O ensaismo na Xeración Galaxia. A entrada é libre.

A Coruña: conferencia de Marilar Aleixandre no ciclo “Mulleres na literatura”

Hoxe venres 15 ten lugar unha nova sesión do II Encontro Cidade da Coruña “Mulleres na literatura”, coa participación da escritora Marilar Aleixandre que pronunciará a conferencia Transgresoras: do tabú á corrección política. O acto comeza ás 20 horas na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) e a entrada é libre até completar a capacidade.

A AELG súmase ao comunicado da Real Academia Galega

A Asociación de Escritores en Lingua Galega súmase ao pronunciamento público difundido pola Real Academia Galega en que, desde a máxima autoridade que lle corresponde a esta institución, como depositaria do ordenamento normativo da lingua galega por decisión do Parlamento de Galicia e a Lei de Normalización Lingüística de 1983, demanda ao actual goberno da Xunta de Galicia o compromiso de continuidade na protección normativa da nosa lingua propia, desde a consideración de que a lingua galega é patrimonio histórico de toda a sociedade, do pobo que a creou como parte consubstancial da súa identidade como nación e como colectividade.

A condición real do galego como lingua recesiva no seo da sociedade galega, debido á ruptura da natural transmisión interxeracional, así como á non superación de prexuízos lingüísticos, reforzados recentemente desde unha apoiatura mediática interesada e partidista, obriga a apelar á inmediata restauración do respecto lingüístico e apostar por ofrecer ao conxunto da sociedade, e en especial á infancia e á mocidade, as ferramentas de coñecemento e uso necesarias para o (re)encontro e posta en valor da nosa lingua propia.

Rexeitamos, consecuentemente, os reiterados anuncios de derrogación do Decreto 124 realizados desde a Xunta de Galicia, porque o que cómpre, o que é urxente, é a aplicación dese Decreto e que se garanta que as nenas e os nenos, a mocidade, reciba ensino en galego, aprenda en galego, aprenda o galego, e poida así medrar coñecendo o seu idioma, facéndoo vivo na súa propia boca, manténdoo vivo cara ao futuro.

VI Certame de narración curta Concello de Curtis “Curtis treme”

Bases

1. Convócase o VI Premio de Narración Curta do Concello de Curtis “CURTIS TREME” (con temática de terror).

2. Os textos presentados deberán estar escritos en lingua galega.

3. Os orixinais, inéditos e non premiados en ningún outro certame, deberán ter unha extensión comprendida entre os 3000 e 5000 caracteres (espazos incluidos).

4. Presentaranse 4 copias de cada traballo, asinándoas todas cun lema ou pseudónimo. Achegarase tamén un sobre pechado que conteña os datos do autor/a (nome completo, fotocopia do D.N.I, enderezo e teléfono de contacto). No exterior dese sobre indicarase o lema ou pseudónimo e a categoría á que pertence.

5. Entregaranse antes do 20 de outubro na seguinte dirección:
“CURTIS TREME”, Concello de Curtis, Praza de España nº 1, 15310 Teixeiro-Curtis (A Coruña)

6. Establécense catro categorías: A, dos 12 ós 18 anos; B, dos 19 anos en diante; C, persoas que teñan entre 12 e 18 anos empadroadas no pobo de Curtis; e D, persoas de 19 anos en diante empadroadas no pobo de Curtis; e un premio económico para cada categoría: 150 euros (A), 250 euros (B), 150 euros (C) e 250 euros (D).

7. En calquera das categorías o premio poderá quedar deserto se o xuri considera que os presentados non acadan un mínimo de calidade.

8. Os traballos que non cumplan as presentes bases quedarán fóra de concurso.

9. O xuri estará composto por membros de recoñecido prestixio dentro do mundo da creación literaria.

10. Os traballos premiados pasan a ser propiedade do Concello de Curtis, que se reserva o dereito de publicación a través dos medios que considere oportunos e sen afán de lucro.

11. A presentación das obras supón a aceptación destas bases.

Para calquera dúbida, escribir ó correo electrónico do certame.

Ourense: conferencia de Freixanes sobre Fernández del Riego

Mañá venres 15 de maio as oito e cuarto da tarde na Sala de Tertulia da Sociedade a Sección de Literatura do Liceo de Ourense iniciase unha nova edición do Ciclo de Conferencias “Visións de Galicia” adicadas este ano a Ramón Piñeiro e o Grupo Galaxia, coa conferencia de Victor Freixanes que falará sobre a figura de Francisco Fernández del Riego.

Nacido en Vilanova de Lourenzá (Lugo) no ano 1913, Francisco Fernández del Riego é unha das figuras máis relevantes do ensaio e a crítica literaria galega. Avogado de profesión, comezou a militar nas filas do galeguismo durante o período republicano, intervindo en diversos proxectos do grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. Xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto, foi un dos principais artífices da Editorial Galaxia (1950), empresa que liderou o proceso de restauración cultural na posguerra. Desta iniciativa xurdiu a revista Grial (1963), que Del Riego dirixiu en colaboración con Piñeiro durante os primeiros cen números e onde participaría asiduamente con artigos e recesións literarias.

Vigo: presentación do libro Conversas con Celso Emilio Ferreiro

Mañá venres 15 de maio terá lugar a presentación en Vigo do libro Conversas con Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, editado por Xerais. Será na Casa do Libro (rúa Velázquez Moreno, 27) ás oito do serán, con entrada libre. O acto contará coa participación de Xesús Alonso Montero, Luís Ferreiro, Manuel Bragado e Ramón Nicolás.

Chamamento á participación na manifestación do domingo 17 de maio

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Confederación Intersindical Galega do Ensino (CIG-Ensino), apoian o manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego e fan un chamamento á participación na manifestación que o vindeiro 17 de maio sairá ás 12 da mañá da Alameda de Compostela.

A AS-PG, a AELG e a CIG-Esino coincidimos na necesidade de pór de manifesto a vontade de todas e todos os que amamos o noso idioma, e así o vindeiro 17 de maio convidamos a todas e a todos a participar na manifestación convocada pola Mesa Pola Normalización Lingüística, reclamando o noso dereito a convivir en galego, reclamando que o noso idioma, ese que é a meirande construción do noso pobo, lingua en que as escritoras e os escritores galegos edificaron a casa común da nosa cultura propia, teña os mesmos dereitos xurídicos có español.

Rexeitamos os reiterados anuncios de derrogación do Decreto 124/2007 realizados desde a Xunta de Galicia despois do 1 de marzo, porque o que cómpre, á vista das últimas investigacións sociolingüísticas que confirman o carácter recesivo da lingua galega no seo da súa propia sociedade, o que é urxente, é a aplicación dese Decreto e que se garanta que as nenas e os nenos, a mocidade, reciba ensino en galego, aprenda en galego, aprenda o galego, e poida así medrar coñecendo o seu idioma, facéndoo vivo na súa propia boca e na súa pluma, manténdoo vivo cara ao futuro.

Preocúpanos que se sigan repetindo argumentos que non se corresponden coa realidade, porque non é certo que o noso idioma se estea impoñendo, ben ao contrario, é a nosa vella lingua a que segue sometida á presión do español, inserida nun patente proceso de substitución lingüística, a que segue sen estar presente como lle corresponde no mundo da xustiza, no cine, nos medios de comunicación, na tecnoloxía, no ocio infanto-xuvenil, na nosa vida diaria, dificultándonos vivir en galego, impedindo que as xeracións futuras poidan medrar en galego.

Desde a AS-PG, a AELG e a CIG-Ensino facemos un chamamento a apoiar o manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego e a participar na manifestación do 17 de maio. E demandamos que o novo goberno da Xunta de Galicia cambie a súa postura sobre o noso idioma, que escoite ao pobo galego que xa está reclamando o apoio efectivo á lingua de noso e que o vindeiro día 17 deixará patente a súa vontade nas rúas de Compostela.