O próximo luns 11 de maio ás oito e cuarto da tarde na Aula de
Cultura do Liceo de Ourense terá lugar unha conferencia impartida por Miguel Ángel González García, arquiveiro da Catedral de Ourense e Director da Sección de Arte e Historia do Liceo, co título Aspectos de la Beneficiencia en el Ourense del Siglo XIX. A entrada é libre e gratuíta.
A Coruña: conferencia de Elena Poniatowska
Mañá venres 8 de maio, ás 20:00 a escritora mexicana Elena Poniatowska visitará a sede da Real Academia Galega (rúa Tabernas 11) para impartir unha conferencia, A literatura que vén da rúa. A entrada é de balde e libre até completar a capacidade do recinto.
Xornalista e narradora, Elena Poniatowska nace en París no ano 1933, filla dunha mexicana e dun nobre polaco. Na Segunda Guerra Mundial partiu coa súa nai cara México, mentres seu pai loitaba co exército francés e participaba no desembarco de Normandía. Doutora Honoris Causa polas Universidades de Sinaloa, Toluca, Columbia (Nova York), Florida (Miami) e pola Universidade Nacional Autónoma de México. A súa carreira iniciouse no exercicio do periodismo, mais ten publicado unha obra moi ampla que inclúe varios xéneros. Entre os seus textos destacan as novelas “Hasta no verte Jesús mío” (1969), “Querido Diego, te abraza Quiela” (1978), “La flor de lis” (1988), “Tinísima” (1992) e “La piel del cielo” (2001); os ensaios “Todo empezó el domingo” (1963), “La noche de Tialtelolco” (1971), “Gaby Brimmer (testimonio 1979)”, “Fuerte es el silencio” (1980), “El último guajolote” (1982), “Ay vida, no me mereces¡” (1985), “Nada, nadie. Las voces del temblor” (1988), “Juchitán de las mujeres (testimonio, 1989)”; as coleccións de contos: “Lilus Kikus” (1954), “De noche vienes” (1979), “Métase mi prieta entre el durmiente y el silbatazo” (1982) e os libros de entrevistas: “Palabras cruzadas, Era” (1961), “Domingo 7” (1982), “Todo México” (1990) e “Todo México, vol. II” (1994). Ten recibido múltiples premios entre os que destacan Premio Nacional de Periodismo (foi a primeira muller que recibiu esta distinción) (1978), Premio Mazatlán de Literatura (1992), e, o máis recente, Premio Alfaguara de Novela 2001, por “La piel del cielo”.
Elena Poniatowska utiliza a súa literatura combativa e crítica para deitar luz sobre as desigualdades e inxustizas que se producen decote en México, de maneira sobranceira, ten dado voz en múltiples foros internacionais á causa das mulleres asasinadas e desaparecidas de Ciudad Juárez.
A conferencia enmárcase dentro da homenaxe que este ano lle tributa a AELG, que lle outorgou este ano o Premio “Escritora Galega Universal”.
Santiago: presentación dun libro de Elena Poniatowska
Hoxe xoves 7 de maio ás 20.00h na carpa da Feira do Libro de Santiago de Compostela presentarase o libro A filla do filósofo, tradución ao galego dunha serie de relatos escritos por Elena Poniatowska. No acto participarán lendo textos algúns dos tradutores e tradutoras que colaboraron na edición desta obra: Rosa Aneiros, Eva Veiga, Xabier López, Anxos Sumai e Francisco Castro. Ademais da autora estará presente Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia, que publica o libro, e Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Libro aberto, programa do 6 de maio
Esta semana visita o programa Libro aberto a poeta e xornalista Olalla Cociña Lozano, que falará do seu terceiro poemario Libro de Alicia co que gañou o premio Fiz Vergara Vilariño.. A reportaxe semanal aborda a obra A Esmorga de Eduardo Blanco Amor, con motivo do cincuenta aniversario da súa publicación. O libro segue destacando pola súa modernidade, tratando unha historia na que se establece un diálogo no que non aparece un dos interlocutores..
O programa visitará a exposición Editar en galego baixo a censura franquista, organizada pola Fundación Penzol. A exposición, que recorrerá diferentes puntos de Galicia, aborda os avatares da edición en galego durante o Franquismo e o papel da censura como represor da literatura galega.
O investigador Xurxo Martínez falará do seu libro José Almoina, Pilar Fidalgo. EXILIO, obra que reivindica e rescata a historia de José Almoina, un lugués que foi vicecónsul da República en Burdeos.
Na sección de crítica, Carlos Quiroga falará do escritor portugués Miguel Real e da obra deste A Voz da Terra, refererida ao terremoto de Lisboa de 1755. Pola súa parte, Luis Alonso Girgado analizará a traxectoria literaria do nicaraguano Sergio Ramírez, cuxa obra reflicte a vida política e social de Nicaragua da segunda metade do século XX. Para rematar, imaxes do filme Parranda, a versión cinematográfica d’A Esmorga que o director asturiano, Gonzalo Suárez, dirixiu no ano 1977. Na película colaborou, como coguionista xunto ao director, o propio Eduardo Blanco Amor.
Libro aberto emítese hoxe mércores 6 de maio á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.
Santiago: entrega do premio “Escritora Galega Universal” á escritora e xornalista Elena Poniatowska
Hoxe mércores 6 de maio ás 19.30h no Salón Nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela entregaraselle o galardón Escritora Galega Universal á escritora e xornalista mexicana Elena Poniatowska, concedido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. No acto Elena Poniatowska dará unha conferencia co título La literatura que viene de la calle.
A Laudatio correrá a cargo do xornalista e escritor Manuel Rivas. No acto intervirán ademais o presidente da Asociación de Escritores en Lingua galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, o Reitor da USC, Senén Barro e o pechará o Conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Roberto Varela Fariña.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega decidiu outorgar o galardón Escritora Galega Universal á escritora mexicana Elena Poniatowska. O galardón ofreceullo o presidente da asociación, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, no transcurso da súa estadía na Feira do Libro de Guadalajara (México). Os anteriores premiados foron Mahmud Darwish, Pepetela e Nancy Morejón.
A Coruña: obradoiro de escritura creativa con Marina Mayoral
O xoves 7, venres 8 e sábado 9 de maio desenvolverase na Biblioteca González Garcés da Coruña un obradoiro de escritura creativa impartido por Marina Mayoral co título Técnicas narrativas e creación literaria. O curso vai principalmente destinado aos estudantes de Humanidades, mais tamén é útil para todos os interesados en facer literatura de ficción ou en xeral os que sinxelamente queren mellorar a expresión escrita das súas ideas e sentimentos. O horario das xornadas é de 10 a 13 horas e de 17 a 20. Para inscribirse é preciso chamar aos teléfonos 981170218 ou 981170219, ou ben mandar un correo electrónico a este enderezo, ou de maneira presencial na Sala de Consulta da Biblioteca. Colabora a Universidade da Coruña (solicitado un crédito de libre configuración na UDC).
Verín: presentación da nova novela de Xosé Carlos Caneiro
O próximo venres 9 de maio terá lugar en Verín a presentación da novela Blue Moon de Xosé Carlos Caneiro, editada por Biblos Clube, nun acto no que tamén se presentará o viño Quinta do Buble 2008. Será a partir das 13 horas en Casa Zapatillas, na rúa Luis Espada de Verín. Antonio Diz e Xosé Carlos Caneiro conversarán sobre as súas repectivas creacións, e posteriormente celebrarase un xantar no mesmo lugar no que se degustarán produtos propios da gastronomía do val de Monterrei.
Ás oito da tarde na Casa da Cultura de Verín levarase a cabo unha segunda presentación pública da novela Blue Moon; a entrada nesta ocasión será libre e gratuíta.
A Coruña: conferencia de Francisco Fernández Rei
A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro xoves 7 de maio terá lugar a primeira das conferencias do ciclo Lingua e Letras en conmemoración do Día das Letras Galegas. Nesta ocasión participará o catedrático de Filoloxía Románica e investigador do ILG Francisco Fernández Rei, que impartirá unha conferencia arredor da figura de Ramón Cabanillas no cincuenta cabodano do seu falecemento. Será ás 20:30 h no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º, A Coruña). A entrada é libre.
Ferrol: presentación do novo número dos Cadernos Ateneo Ferrolán

O próximo venres 8 de maio presentarase no Ateneo Ferrolán o número 19 da colección Cadernos Ateneo Ferrolán, A construción naval na Ría de Ferrol. O acto é de entrada libre e comezará ás 20 h.
Santiago: Pablo Núñez asina exemplares dos seus libros
O próximo sábado 9 de maio o escritor Pablo Núñez estará na Feira do Libro de Santiago asinando exemplares do seu libro As fillas do César, disponíbel tamén en edición castelá. Será a partir das 19:30 na Alameda de Santiago.