Encontro coa xornalista e escritora mexicana Elena Poniatowska

A Asociación de Escritores en Lingua Galega convoca un encontro dos medios de comunicación galegos coa xornalista e escritora mexicana Elena Poniatowska hoxe martes 5 de maio a partires das 17,00 horas no Hotel Virxe da Cerca en Santiago de Compostela.

Elena Poniatowska chega a Galicia invitada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega para recibir o galardón “Escritora Galega Universal”, que lle será entregado o mércores 6 de maio no Salón Nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago, onde a autora dará unha conferencia co título “La literatura que viene de la calle”. Poden ler a axenda completa da estadía de Elena Poniatowska en Galicia neste enderezo.

Fanny + Alexander volven poñer música aos novos poetas galegos

alfaiasOs composteláns Fanny + Alexander están de volta co seu terceiro disco, Alfaias, de novo editado baixo licenza Creative Commons tanto en formato físico a traves de A Regueifa Discos coma en formato mp3 no netlabel A Regueifa Plataforma. Ao longo de once novos temas o duo percorre as distintas aristas do poliédrico Pop contemporáneo, indo dende o pop indietrónico de temas coma Setecentos e Espida de credo até o pop acústico e canónico de músicas coma Tardes de domingo e Na febre dos incendios, sen renunciar nunca á atitude experimentadora e permanente vontade de penetrar en estilos aínda inéditos na nosa lingua, coa firme vocación de levar o pop galego aos sons do século XXI.

Continuando coa liña dos seus dous primeiros traballos, as letras de todos os temas son adaptacións de textos de autores galegos da súa xeración (Mario Regueira, Emma Couceiro, Diego Ameixeiras, Lara Dopazo Ruibal, Xiana Arias, Igor Lugris, Pedro Lamas, Yolanda Castaño, Estibaliz Espinosa, Daniel Salgado e Alberte Momán), e contan ademais coa colaboración das voces de Carlos Valcárcel de Projecto Mourente en Artefacto Burbur, Martin Wu de The Homens en Toda esa enerxia escura, Alex Charlón de Ataque Escampe en Vigo ou Berlin e o hammond de Banin de Los Planetas en Tardes de domingo.

Descargar disco completo: arquivo zip 84 MB.

Gondomar: encontro co escritor Gonzalo Navaza

Espazo Lectura, en colaboración coa librería Libraida e Edicións Xerais de Galicia, convocan para este martes 5 de maio o Club de Lectura Sete Vidas co presenza do escritor Gonzalo Navaza. O club de lectura Sete Vidas centrarase no libro de relatos Erros e tánatos de Gonzalo Navaza, publicado por Xerais. A sesión terá dúas partes, unha primeira, ás 20.00 h, na Biblioteca de Gondomar, onde os asistentes falarán libremente sobre o libro; e unha segunda parte, ás 21.00 h, na libraría Libraida, aberta a quen o desexe, onde haberá un encontro co escritor e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, que nos falará desta e doutras obras súas. O escritor Gonzalo Navaza, natural de Lalín, reside desde hai varios anos na parroquia de Peitieiros, en Gondomar.

A Coruña festexa o Día das Letras

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, en colaboración coa Concellaría de Cultura, está a organizar as actividades para festexar o Día das Letras Galegas. A maioría destas actividades van estar dentro dunha carpa móbil que se colocará todos os sábados do mes de maio (agás o sábado 16) e mais os dous primeiros de xuño en distintos barrios da cidade da Coruña. Estas son as actividades previstas para mañá:

Carpa en Monte Alto (Campo da Leña). Entrada de balde

11:00.- Animación de rúa a cargo de Manicómicos
11:45.- Xogos
12:45.- Actuación musical: “Cancións para Antía”.
17:00.- Teatro de monicrecres: “Albízaras”, da compañía “Falcatrúa”
18:15.- Actuación musical: Mamá Cabra

O sorriso de Claudia, Premio Frei Martín Sarmiento

A obra O sorriso de Claudia, escrita por X.H. Rivadulla Corcón e ilustrada por Andrés Meixide, acadou o Premio Frei Martín Sarmiento 2009. O Premio desta V Edición do certame, organizado pola Comisión da Normalización Lingüística da Federación de Colexios de Ensino Concertado de Galicia e no que participaron trinta centros educativos con cinco mil cincocentos rapaces, foi outorgado en Vilagarcía nun acto no que estiveron presentes os alumnos, os profesores e os autores finalistas dos premios.

Libro aberto, programa do 29 de abril

Esta semana visita o programa Libro aberto o escritor ourensán Xosé Carlos Caneiro, que falará do seu último libro, Blue Moon, unha novela publicada por Biblos Clube de lectura.

A reportaxe semanal abordará os Premios Biblos, galardóns para menores de 25 anos concedidos polo Biblos Clube de Lectores. O club organiza xa a quinta edición destes premios que lle permiten ao gañador rematar a súa novela asesorado por un escritor de renome.

Con motivo do vixésimo aniversario da fundación de Gálix, a asociación galega do libro infantil e xuvenil, o programa falará da súa actividade, especialmente o seu club literario “Tendendo redes”, que pretende instaurar un espazo de reunión e análise para autores, críticos e editores. Libro aberto conversará ademais coa escritora Marilar Aleixandre sobre a súa última novela A cabeza de medusa, que aborda o tema da violencia sexual. A obra foi galardoada co premio Fundación Caixa Galicia.

No espazo de crítica literaria Xavier del Valle Inclán fará análise do libro Correspondencia con el exilio que recolle as case mil cartas que Cela cruzou con trece escritores exiliados. O experto en teatro Carlos Franco falará de Cartas de amor a Stalin, Himmelweg e A Paz perpetua, de Juan Mayorga, unha colección de teatro que publica Galaxia en colaboración coa Escola de Arte Dramática de Galicia. O programa pecha cunha reportaxe sobre Rosalía 21, un proxecto que combina tres propostas coas que reler a obra de Rosalía de Castro nun espectáculo audiovisual.

Libro aberto emítese hoxe mércores 29 de abril á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.

Programa da estadía de Elena Poniatowska en Galicia

Programa da estadía da escritora mexicana Elena Poniatowska en Galicia con motivo do seu nomeamento como “Escritora Galega Universal”:

Martes 5 de maio: Tarde reservada para atender á prensa a partires das 17 horas

Mércores 6 de maio, 19.30h: no Salón Nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, conferencia de Dona Elena Poniatowska co título La literatura que viene de la calle. Laudatio do escritor Manuel Rivas. Interven o Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias. Intervencion de representante institucional e entrega da Escultura como “Escritora Galega Universal”.

Xoves 7 de maio, 20.00h: Carpa da Feira do Libro de Santiago de Compostela: Presentación do libro A filla do filósofo, tradución ao galego dunha serie de relatos da autoría de Elena Poniatowska. Inclúe lectura de textos por parte dalgúns dos/das tradutores/as (Rosa Aneiros, Eva Veiga, Xabier López, Anxos Sumai e Francisco Castro) Coa presenza de Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia, que publica o libro, e Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Venres 8 de maio 20.00h: Conferencia de Dona Elena Poniatowska no II Encontro Cidade da Coruña, co título La literatura que viene de la calle, na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11, A Coruña)

Sábado 9 de maio: Cea das letras, 20.30h. Hotel Porta do Camiño. Entrega da pluma estilográfica que a acredita como “Escritora Galega Universal”.

Contacto: AELG