O mércores 21 terá lugar a presentación do libro Historia da Asociación Cultural Alexandre Bóveda de Dna. Begoña Álvarez Bravo, acompañada polo presidente da Asociación, D. Roberto Catoira e do Vicepresidente da Deputación da Coruña, D. Pablo Villamar, ás 20:30, no local da asociación.
Vigo: exposición sobre a experiencia da pesca
Este venres (sexta-feira) as 20.00 no Museo do Mar de Vigo, inagúrase a exposición “Onde o Mundo se chama Terranova”. O núcleo desta exposición son as lembranzas, fotos, obxectos e experiencias vitais recollidas por cinco biólogos galegos (Anxo Fdez-Arroyo, Euloxio Vázquez, Lorenzo Suárez, Enrique álvarez Escudero e Xavier Queipo) a bordo dos navíos bacalloeiros faenando en Terranova entre 1982-1990. A importancia desta exposición está no carácter documental sobre unha pescaría que xa desdapareceu, vista tal e como era hai máis de dúas décadas.
Rubén Ruibal na Sargadelos da Coruña
O martes 20 de maio, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Rubén Ruibal e os amigos actores Xavier Pan e Sergio Zearreta, que ofrecerán o espectáculo “As voces en limpeza de sangue”.
Compañeiros/as da AELG:
Coa intención de facerlle fronte á globalización e dado que semella posíbel a revitalización e repoboación do noso agro, propóñovos que entre todos/as recuperásemos o nome dos produtos que nel se daban e quizais se volvan dar. Porque as novas xeracións non saben o que é unha saborosa camoesa ou un delicioso peruco e en troques coñecen a encerada “red winter” e a insípida “golden” que lles venden no supermercado.
Trátase de, ademais de achegar nomes de castes de froitas, verduras e outros produtos do campo, facer cando se crea necesario unha pequena descrición, resaltar as súas características.
Tamén sería interesante saber particulares tratamentos ou embutidos non comúns da carne do porco ou doutros animais.
Fundamental, como no resto das palabras con memoria, é poñer o lugar de escoita.
Enviade as vosas achegas ao e-mail da sección: palabra.con.memoria@aelg.org
Podedes ver aquí a colleita de palabras con memoria a día de hoxe. Espero que esta proposta sexa do voso interese.
Isidro Novo, Vogal da Aelg en Lugo.
Viaxe literaria a Lóuzara
VIAXE LITERARIA A LÓUZARA
Se viñeras a min polo avesedo
dunha norteira fraga de veludo,
o viño meu xa non sería acedo.
Nin acedo sería o tempo rudo,
pois farías da miña vida un ledo
paraíso de amor no vento mudo.
Fiz Vergara, Nos eidos da bremanza
Lóuzara a Xabreira, o val máis cheo de risos deste país, o berce da poesía do Fiz e o lugar máis máxico para todos os ERGUEITOS, un centro alimentador, un lugar de repouso. Os centos de castiñeiros a tripar polas encostas, o silencio, o río, a Fonte da Cova, o muíño do Fiz, a fervenza de Augadalte e o pozo de Beltrán. Porque ningún lugar hai mellor para metamorfosearse en auga como o Fanto Fantini de Cunqueiro e escapar dos cárceres da vida. Convidámosvos a todos a acompañarnos en xuño *(o día 14)* á nosa viaxe literaria a Lóuzara, para recitar aos outeiros os versos do Fiz que voarán polo ceo do seu val como bolboretas preñadas de ilusións. Quizais teñamos tempo para perdelo, coñezamos o noso interior como un mapa de sentimentos e escoitemos aos recitadadores como a música dos ríos de Lóuzara.
Agardaremos por vós na Casa da Cultura de Sárria ás 12:00 para saír cara Paredes de Lóuzara ao Mesón de Paredes onde nos agarda o comezo. Confirmade por mail (*mariacasar@hotmail.com* ) ou nos teléfonos 678 60 15 50 (María) ou 677 429 225 (Xerardo).
Concurso “Lugares con lenda” de Galicia Encantada
Con motivo da celebración o vindeiro 17 de maio do Día das Letras+Día Internacional de Internet, a web Galicia Encantada convoca un concurso denominado “Lugares con lenda”. O premio non son cartos, mais a emoción está asegurada. Propoñemos un concurso arredor dos lugares de Galicia con lenda. Facilitamos unha foto e un punto xeográfico no Google Maps.
Queda na vosa man identificar o lugar, co seu verdadeiro nome, e achegar as lendas que consigades sobre o mesmo. O que mandedes irase facendo público e entre todos completaremos un circo máxico: identificaremos e descubriremos os lugares lendarios de Galicia. Unha listaxe de honra dos que máis colaboren agarda polo nome dos aventureiros da internet. Todos os detalles na web de Galicia Encantada.
Solicitude de voluntarias/os
A ONGD Implicadas/os No Desenvolvemento solicita a colaboración de persoas voluntarias interesadas en participar e organizar un evento de sensibilización que se vai a celebrar en Santiago de Compostela o día 7 de xuño.
O Camiño da Auga é a actividade de sensibilización que consiste nunca peregrinaxe simbólica dende a Porta do Camiño ata a Praza da Quintana. Nesta peregrinaxe convidarase a mulleres do mundo da política, cultura e o deporte de Galicia e á sociedade de Santiago para cargar cos colectores de auga que levan as mulleres en Etiopía como un xesto de solidariedade e unha forma de visibilizar esta situación. Ao mesmo tempo realizaranse actividades de teatro e animación organizadas por grupos de voluntariado de Implicadas en diferentes prazas da zona vella de Santiago: Praza do Obradoiro, Praza de Cervantes e Praza de Praterías.
Na Praza do Quintana farase o acto central da campaña. Instalarase un escenario onde as participantes lerán un manifesto e realizarase unha actuación do grupo etíope de danza contemporánea Adugna e Nova Galega de Danza sobre o tema da auga. Tamén se contará cunha actuación musical.
Todas aquelas persoas interesadas en participar e/ou colaborar nesta actividade poden poñerse en contacto coa organización a través do seguinte número de teléfono: 650 798 163. Non perdas esta oportunidade única e implícate connosco! Agradecemos máxima difusión. Grazas!
Gabinete de comunicación de Implicadas No Desenvolvemento
VI Ciclo de conferencias visións de Galicia: ”Poetas Galegos da Posguerra”
Continuando co VI Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, con título “Poetas Galegos da Posguerra”, organizado pola Sección de Literatura do Liceo de Ourense, co patrocinio da Universidade de Vigo -Vicerectorado do Campus de Ourense e a Diputación Provincia, o 15 de maio as oito e cuarto da tarde, no Salón Noble da Entidade, será o turno de Ramón Nicolás Rodríguez, quen falará da obra e a vida do poeta celanovense Celso Emilio Ferreiro. O ciclo finaliza o vindeiro luns 19 coa conferencia de Marcos Valcárcel sobre Antón Tovar. (Liceo de Ourense)
Recital de Alberte Momán en Compostela
O próximo venres 16 Alberte Momán recitando no Pub Momo (Virxe da Cerca, 23) textos do caderno de poesía Déixanse levar. Será ás 21:00 horas. O caderno de poesía Déixanse levar, distribúese conxuntamente c’ O alento da musa (Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2007). Tamén se contará coa presenza de Óscar Antón Pérez García. (Alberte Momán)
Actos da Galería Sargadelos de Ferrol para esta semana
O martes 13 ás 20:00, organizada pola Mesa pola normalización lingüística, terá lugar a charla do profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato, sobre a situación actual da lengua galega, eivas e potencialidades: Propostas de cara á normalización.
O mércores 14 ás 20:00 terá lugar a presentación do libro Obra Dramática Completa de Jenaro Marinhas del Valle, editado por Espiral Maior. Participarán o deputado e Profesor Pablo González Mariñas, quen ademais é sobrino do autor, e experto no teatro do seu tío; Lino Braxe, que é un dos compiladores, xunto con Alexandrina Fernández Otero, da obra completa de Jenaro Marinhas del Valle; Rebeca Montero, actriz e Miguel Ladrón de Guevara, guitarrista. No acto abordarase o contido do libro, pois trátase dunha aportación moi singular á nosa dramaturxia. Máis de trinta obras, entre elas cinco inéditas, recóllense no presente volume. Tamén se explorará a variada temática do teatro de Marinhas e as influencias que nel se dan. Rebeca Montero recitará algún poema de Marinhas e Miguel Ladrón de Guevara acompañará á actriz cos acentos flamencos da súa guitarra.
Os días xoves 15 e venres 16, de 20:00 a 21:00, diversos escritores de Ferrolterra farán unha lectura da obra do escritor Xosé M. Álvarez Blázquez.
Así mesmo, o venres 16 farase público o fallo do xurado do II Concurso de Marcapáxinas Día das Letras Galegas.