A presentación de Pan e coitelo (Galaxia), de Bieito Iglesias, terá lugar o xoves 29 de maio ás 20:30 na Fundación Torrente Ballester (Rúa do Vilar, 7, Santiago). O acto contará coa presenza de Víctor Freixanes, Paulino Vázquez e o autor.
Eduardo Estévez gaña o premio de poesía González Garcés
«O poeta Eduardo Estévez gañou este martes o premio Miguel González Garcés pola súa obra Construccións, un poemario en galego que estivo exposto ao público en internet en todas as fases da súa creación.
O autor, informático ademais de poeta, publicou os textos deste libro na rede, xunto ás súas versións anteriores, e detallou o seu proceso de escritura nun blog, durante boa parte do ano 2006. […]» (Galiciae)
Luis Rei Núñez na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña
O mércores 28 de maio Luis Rei Núñez charlará cos participantes do obradoiro de escritura da Biblioteca Municipal de Estudos Locais e dos clubes de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña sobre a súa novela Urbano Lugrís e a negra sombra, Premio Nacional da Crítica en 2007.
Alberte Momán en Montealto
No Centro Social Gomes Gaioso de Montealto terá lugar a presentación d’ O alento da musa, de Alberte Momán.Será o venres, 30 de maio, ás 20:30 horas. O autor tamén lerá uns textos do seu último libro Ferrol e o que queda por chover.
VI Certame de Teatro Infantil e Xuvenil “ATENEA” 2008
Estase a desenvolver a primeira fase do Certame de TeatroInfantil e Xuvenil Atenea 2008 que organiza o Ateneo Ferrolán, co patrocinio de Caixanova dende o ano comezado na ano 2003, polo cal estes días a actividade teatral dos grupos das asociacións e colexios que aspiran a estar na fase final é moi intensa, así como a dos membros do Xurado que teñen a encomenda de asistir a tódalas representacións que se realizan en horarios lectivos e outros de tarde.
O ditame e entrega de premios terá lugar na primeira quincena de xuño no salón de actos do Ateneo Ferrolán.
Yolanda Castaño no Festival Mundial de Poesía de Venezuela
Co lema “Sen tregua, coma as nubes” a 5ª edición do Festival Mundial de Poesía de Venezuela está a ter lugar no país caribeño dende o día 18 e ata o 25. O evento, organizado polo Ministerio do Poder Popular para a Cultura –que dirixe o galego Francisco Sesto- a través da “Casa Nacional das Letras Andrés Bello” celébrase en todo o territorio nacional, dedicándose este ano ao poeta margariteño Gustavo Pereira (Premio Nacional de Literatura 2000).
Nun percorrido pola totalidade dos 24 estados do país, 200 poetas venezolanos súmanse aos 38 internacionais provintes de 30 diferentes países de Europa, América, Oriente Próximo, África e Oceanía. Entre eles, a galega Yolanda Castaño, única chegada dende as linguas minorizadas do Estado, e que completa xunta Mª Ánxeles Pérez López a delegación española.
Este Festival Mundial, que xa contara con outro galego –Miguel Anxo Fernán-Vello- na súa segunda edición hai dous anos, experimenta un constante crecemento dende os seus comezos, colocándose coma o segundo en importancia en toda América Latina, despois do de Medellín (Colombia). O programa inaugurouse o día 19 ás 18:30, no emblemático Teatro Teresa Carreño da capital. Recitais, obradoiros e presencia editorial darán respaldo a este acontecimento cultural.
Premio Abrente de Textos Teatrais
Como mostra de apoio aos novos creadores, durante a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia entrega cada ano o Premio Abrente de Textos Teatrais, convocado polo Concello de Ribadavia. O galardón, dotado con 3.000 euros e a publicación da obra, concédese á mellor obra presentada, de tema e extensión libre e escrita en galego. O prazo de admisión remata o día 30 de xuño, e os orixinais deben enviarse ao Concello de Ribadavia. Bases.
Presentación libro Para dicir abril, de Xosé Vázquez Pintor
A presentación será ás 20:00 do xoves 22 de maio na Galería Sargadelos de Pontevedra, coa presenza de Mercedes Vázquez, da Asociación “Máis libros” Ánxela Gracián, de Sotelo Blanco Edicións e Xosé Vázquez Pintor.
III Terceira xuntanza do obradoiro “Cousas de mulleres”, organizado por Herbas de Prata
(Bos Aires, 15 de maio) – O colectivo de galegas na emigración Herbas de Prata organiza o sábado 31 de maio a terceira xuntanza dos seus obradoiros “Cousas de Mulleres” coa intención de abrir un espazo para a voz das mulleres, un sitio no que elas sexan escoitadas e teñan a liberdade de falar de todo canto viven, pensan e sinten.
A cita será no Centro Noia Rianxo o vindeiro sábado 31 de maio ás 15,30 horas na rúa Gral. Urquiza 1021, da cidade de Bos Aires.(Herbas de Prata)
Presentación en Ferrol do libro de Ceferino Díaz A esforzada conquista da autonomía. 1979-1981
O xoves 22 ás 20:00 a Galería Sargadelos Ferrol e a A. C. Fuco Buxán organizan a presentación do libro de Ceferino Díaz A esforzada conquista da autonomía. 1979-1981 (Galaxia). No acto intervirán o autor do libro, Ceferino Díaz, e Manuel Cendán. (Galería Sargadelos de Ferrol)