Entrevista de Marta Río a Abraham Pérez en El Progreso:
“(…) Na presentación, o lucense estivo acompañado de Xerardo Quintiá, con quen mantivo unha conversa sobre a obra. “El tamén ten un libro de relatos de fai anos que pasou bastante desapercibido. Temos moita afinidade literaria”, relatou.
Os relatos que se plasman no libro son “tecnicamente distintos” pero “sinxelos” de ler. “Todos teñen diferentes capas de complexidade”, explicou o autor. “O lector, en base á súa experiencia e ao seu contexto, quedará con algo distinto”, relatou.
As inquietudes do autor atravesan toda a súa obra, desde os seus poemarios até algún ensaio. “Hai diferentes formas de comprender o mundo e a miñá é a literatura”, explicou. “As miñas preocupacións están detrás de todo o que fago”, engadiu. (…)”
Tomiño: presentación de Non creo en máis vida ca esta, de J. Benito Fernández
Vigo: presentación de Perder o norte, de María Quiroga
Monforte: presentación de Nailía, de Loli Rodríguez Rodríguez
Salceda de Caselas: contacontos e presentación de As aventuras de Joe e Fonte, de Aurora Corbacho e Chimay
A AELG lamenta fondamente o pasamento da Mestra da Memoria Elba Requeijo
Elba Requeijo Barro, Mestra da Memoria en 2014, faleceu o 29 de novembro de 2025, aos 82 anos de idade.
Lembramos aquí o texto que no seu momento lle dedicara Antonio Reigosa:
Nacera en Arca, Montouto, en 1943. Criouse onde no lugar das Basilias, na parroquia de Labrada, concello de Abadín. Alí medrou entre os traballos propios do medio, da idade e do sexo, e os xogos con xoguetes de fabricación propia. Aprendeu na escola básica, a que ensina a ler e a escribir, e as catro regras, e tamén aprendeu outras moitas cousas imprescindibles para sobrevivir: os nomes das árbores e das plantas, os dos animais, os dos penedos, fontes, camiños e leiras, os das ferramentas e os dos labores que se fan con elas, e tamén aprendeu unha lingua para falar, contar e cantar; a lingua nai. Casou e tivo fillos que agora lle van achegando netos; fillos e netos que van e veñen…
Coñecémola en 1992 cando os do Equipo Chaira andabamos cos traballos de campo para a realización dun inventario de literatura de tradición oral do concello de Abadín. Petamos á súa porta na procura de Aurora, a súa sogra, sabedores de que dominaba un amplo rexistro de coplas e cántigas, como así foi, pero ninguén nos avisara de que naquela casa tamén vivía outra persoa que atesouraba inmensas riquezas na súa memoria. Aquel mesmo día gravámoslle romances, parrafeos, contos…, e volvemos outros días, e outros… O resultado está publicado no libro Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín (O. Carnero, X. R. Cuba, A. Reigosa e M. Salvador, 2004) ao que Elba achega tres contos: “Ben pode ser”, “O fillo do cura” e un interesantísimo “Como naceron os lobos” que esconde, en realidade, un mito. Tamén nos recitou tres versións dos coñecidos romances “Xerineldo”, “Albaniña e “O conde Alarcos”, parrafeos e romances de cego como “Os paraugüeiros”, “Tres casamentos nun día”, “As catorce mentiras”, “Cuarta feira”, “Boas tardes, rapaciña”; unha panxoliña e numerosas coplas do cancioneiro popular.
Anos máis adiante, no 2007, Elba Requeijo participou en dúas sesións (Serra de Outes e Mondoñedo) do poxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) denominado Polafías, reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais que pretenden rescatar do esquecemento e poñer en valor o valioso patrimonio oral, literario e musical galego. Tamén participou na revista oral “Tesouros vivos”, promovida pola Asociación Cultural e Pedagóxica “Ponte nas Ondas” que tivo lugar no Museo Verbum de Vigo o 5 de xuño de 2009, na 3ª edición da revista oral “O pazo das musas”, 29 de setembro de 2005, editada polo Museo de Lugo, un número especial dedicado a divulgar e apoiar a candidatura para o recoñecemento por parte da UNESCO da Tradición Oral Galego-Portuguesa como Obra Mestra do Patrimonio Oral e Intanxible da Humanidade.
Máis recentemente interveu no curso “As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. Reescrituras actuais do conto popular” organizado pola USC e colaborou no proxecto da AELG que leva por título “Mestres da memoria”, unha mostra representativa dos saberes dos máis vellos para divulgalos a través de internet como modelos de excelencia da literatura de tradición oral galega.
Elba Requeijo recrea o que lle escoitou aos vellos, especialmnte a un dos seus avós, e tamén o que leu nas “historias” que lle emprestaban ou que mercaba na feira de Gontán. Sempre gustou de memorizar os textos e logo recitalos coa maior fidelidade posible o que a convirte nunha transmisora fiable e única; Elba foi un Tesouro Humano Vivo.
Aquí pode consultarse o fondo videográfico coas súas participacións no Proxecto Polafías.







