Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Coeducamos?, con Eva Mejuto, o 25 de outubro

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Coeducamos? é unha actividade coa que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

Desenvolverase os martes 4, 11, 18 e 25 de outubro, sempre ás 17:00 horas, na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense. As persoas interesadas na actividade deben inscribirse previamente cubrindo un formulario, ao que se pode acceder nesta ligazón. Está en proceso a solicitude de recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección. O programa pode descargarse aquí.

O programa previsto é o seguinte:

25 de outubro
Eva Mejuto
Álbums para entender o mundo

Lois Pérez gaña o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación

Desde a Deputación da Coruña:
“O xurado do XVI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña acordou conceder o galardón á obra A tribo do mar, que unha vez aberta a plica resultou ser da autoría de Lois Pérez.
O xurado desta edición estivo composto por cinco escritoras e escritores de diferentes xeracións e cuxas obras figuran entre as máis lidas polo público infantil e xuvenil en Galiza, como son Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, Antía Yáñez, Érica Esmorís e a gañadora da última edición, Andrea Maceiras. A reunión estivo presidida polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, e en calidade de secretaria actuou a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández-Albalat Ruiz. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, a comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira.
No seu informe o xurado salientou que a obra gañadora está conformada “por diferentes voces que se enfían para amosar un relato que recolle a realidade actual da emigración”. Tamén anota que A tribo do mar está narrada “cun estilo áxil e atractivo para o público xuvenil ao que vai destinada”. (…)”

Mambrú volveu da guerra, do dramaturgo Carlos Labraña, primeira obra en galego que gaña o Premio SGAE de Teatro Infantil

Desde Nós Diario:
“A Fundación SGAE vén de conceder o XXIII Premio SGAE de Teatro Infantil 2022 a Mambrú volveu da guerra, obra do dramaturgo galego Carlos Labraña (Cedeira, 1969) que reivindica a memoria histórica e que se converte no primeiro texto en lingua galega en facerse con este galardón.
O texto impúxose entre 39 orixinais “polo seu transfondo de recoñecemento á memoria histórica e a todos aqueles esquecidos en cunetas e tapias de cemiterios”, todo iso “cunha gran dozura literaria e escénica”, segundo informou a Fundación SGAE nun comunicado.
Labraña, cunha ampla experiencia como autor de teatro infantil, afirmou sentirse “moi agradecido por recibir un premio tan importante e con tanto alcance para un xénero tan minorizado como este, a dramaturxia para nenos”. Aliás, sinalou que escribiu o texto “desde a emoción” e apuntou que a “maior dificultade” deste proceso foi “tratar a historia con delicadeza, mais sen ocultar nada”.
En concreto, o texto narra a historia dunha nena chamada Xana que chega a un parque infantil recentemente construído nos arredores do pobo. Alí atopa a única compañía dun vello soldado de porcelana que alguén esqueceu. A partir desta formulación, constrúese un relato que reivindica a memoria histórica e leva, segundo o xurado do premio, a “un belo e inesperado desenlace”.
“Creo que a nosa obriga é loitar contra o esquecemento e gústame que este premio chegue precisamente agora, coincidindo coa entrada en vigor da Lei de memoria democrática en España”, expresou o dramaturgo, quen lamentou que “durante demasiado tempo se silenciasen historias que agora empezan a agromar”.
Así mesmo, subliñou que “é importante contar estas historias aos nenos”. “Recuperar os nomes e as historias do esquecemento é darlles vida de novo, mais tamén é darnos vida a nós mesmos”, concluíu.
O xurado do premio estivo presidido por Rafael Alcaraz (IV Premio SGAE de Teatro Infantil, 2004) e integrado por Sara Pinet (gañadora do certame en 2021), a directora escénica Puri Fariza, o dramaturgo especializado en teatro infantil Juan Rodríguez Santiago (director de Caramuxo Teatro) e Pablo Cruz (editor de literatura infantil e xuvenil no Grupo Anaya).”

Beatriz Dourado gaña o IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

Desde Somos Comarca:
“«Beatriz Dourado naceu en Barcelona pero é de Lugo, porque os de Lugo nacen onde queren». Así introducía Anxo Baranga —o conductor da gala do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán— á que despois se revelaría como a gañadora do certame deste 2022. O seu poema, Ancorar toda esta auga, foi o escollido polo xurado entre as máis de cento setenta propostas recibidas.
A entrega do galardón estivo a cargo de Emilio Vega, o único membro do xurado que onte estaba presente no Teatro Lauro Olmo do Barco. Os cinco restantes, non acudiron por diferentes circunstancias e mandaron vídeos celebrando que existise o certame e saudando ao público e aos finalistas. Entre eles, tamén faltaron dous ao evento, Fran Fernández Davila, a quen representou un amigo no acto, e Lois Pérez.
Estas ausencias arrancaron as bromas de Baranga, quen tirou de retranca convidando aos presentes a apostar: «O seguinte veu ou non? Que credes?». En todo caso, quen si estivo foron a premiada, Beatriz Dourado e as outras dúas finalistas, Ana Barja e Patricia Carballal, que tamén leron os seus poemas no escenario e recibiron o trofeo de finalista co rostro de Florencio de mans dos alcaldes da comarca, do Instituto de Estudos Valdeorreses e da Asociación de Mulleres Rurais de Córgomo.
Ademais da creación poética contemporánea, a outra protagonista da velada foi a comunidade educativa, moi activa neste ano de Florencio e a quen se lle quixo recoñecer a súa implicación na promoción das Letras dándolle un lugar especial no acto. (…)

Arancha Nogueira: “Vivimos nun momento dunha instantaneidade tan tremenda que altera os nosos estados de ánimo”

Entrevista de Ana G. Lista e Arancha Nogueira en Praza:
“(…) – Praza (P): Ti que es moi activa nas redes sociais, dirías que as redes son unha forma máis de comunicarse ou máis de mostrarse?
– Arancha Nogueira (AN): Supoño que en como nos mostramos tamén hai unha forma de comunicación, non? Cando menos de intencionalidade e de crear unha parte da nosa identidade. Isto é algo sobre o que reflexiono moito: somos o que somos, somos o que proxectamos ou somos o que outras vén de nós? Ao final sempre chego á conclusión de que somos un pouco unha mestura de todas: do que somos, do que queremos ser, do que o resto concibe de nós e do que nós tamén proxectamos. O que non cabe dúbida é que o tema da identidade –con todo o que significa, pois non deixa de ser o gran tema do mundo– nestes momentos se ve afectado por como nos comunicamos co resto e como o plasmamos no exterior. Teño recibido moitos comentarios sobre o uso das redes na miña poesía e da maneira na que están presentes, e realmente creo que vivindo neste mundo sería un pouco hipócrita non introducilas dalgunha forma. Penso que esa forma que temos de desenvolver a nosa identidade –a través das redes– ten que estar presente. Non cabe dúbida de que o contexto nos inflúe a todas, é o natural.
– P: No teu último poemario, Antese, hai un diálogo entre nai e filla que por momentos non precisa nin palabras e tamén unha comunicación cun ′ti′ externo que non sabemos se é bidireccional. Como cando dis ólloa coa miopía dunha filla ou nese Cursor → abrir → navegador → nova pestana → webwhatsapp/ [ti]/ emoji da margarida (dobre tic azul). Que tan especial é a relación nai / filla que atravesa todos os momentos, non?
– AN: Absolutamente, antes dicía que o gran tema da humanidade é a identidade e aí, mesmo facendo parte, está a relación maternofilial, que ao final nos configura desde o comezo da nosa vida e ata o final da mesma. Hai unha canción de La Bienquerida que di ″todo el mundo tiene una infancia″, e é verdade. Polo tanto, todo o mundo ten unha nai, independentemente das circunstancias, de que estea presente nese momento ou non. Creo que non fago unha procura voluntariosa das nais e das fillas cando escribo, simplemente aparecen. É un tema que todas temos aí, que moitas veces nos axuda a vernos nun espello, ou mesmo a configurar o que queremos ser de forma diferente. Ao final, as nosas nais son os nosos primeiros modelos do que queremos e do que non. Tamén penso que, ao longo da vida, levamos a cabo –polo menos, eu– un proceso de reconciliación con eses modelos. Imos comprendendo que esas nais que de pequenas pensabamos perfectas e absolutamente totémicas, tamén son criaturas coma nós, que o fan o mellor que poden, que ás veces se trabucan e que poden compartir con nós os mesmos medos e anhelos aínda que sexa –tal vez– con códigos distintos.
– P: En que circunstancias foi concibido este Antese?
– AN: Concibino no confinamento estrito, mais cando máis escribín foi no período das fases no que se podían ir facendo cousas pouco a pouco. Despois houbo un proceso de re-escrita naquel segundo confinamento despois do verán, cando volveran as restricións. Para min foi moi duro, parecía que volvía a normalidade e non foi así. Nese momento fixen unha re-escrita que penso que –particularmente na poesía– o muda todo. Si que é un poemario pandémico total.
– P: Algo dese encerro da pandemia percíbese nos poemas. Como cres que serán lidos estes versos pandémicos dentro de trinta nos?
– AN: Créame moita curiosidade. Primeiro que ogallá se sigan lendo en trinta anos, sexa como sexa. Penso que esa lectora hipotética de dentro de trinta anos atopará algunha referencia e algunha ligazón co seu contexto dese momento porque é certo que nós o asociamos coa pandemia, porque esa é a súa verdadeira orixe e o que nós temos máis preto, pero penso que eses sentimentos de precisar liberdade, de irse construíndo dentro dun espazo que nós mesmas non escollemos mais no que temos que estar… Son cousas bastante universais, penso que poderán ser lidas fóra do contexto pandémico. (…)”

Brais Lamela: “Na literatura galega hai exemplos de mulleres desaparecidas que viven experiencias extremas”

Entrevista de Laura Veiga a Brais Lamela en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Cal era a intención ao escribir Ninguén queda?
– Brais Lamela (BL): Quería facer un libro sobre vidas cruzadas, experiencias que parecen distintas, separadas no tempo e no espazo, mais que se tocan na experiencia do desprazamento. A novela segue a historia dun mozo galego en Nova York que investiga sobre a colonización da Terra Chá. Ás veces temos unha idea do mundo intelectual ou académico como algo separado da nosa experiencia persoal, mais non creo nesa diferencia. Observar unha figura que pensa sobre o desprazamento e ao mesmo tempo o experimenta, pór en tensión o peso da historia coa nosa vida cotiá, o privado co público… Supoño que desas intuicións nace o libro.
– ND: A obra abre a colección Rúa de Lagarto, de Euseino??
– BL: O libro non existía hai un ano, máis ou menos cando a colección apareceu, así que podemos dicir que as dúas cousas naceron xuntas. Cando Berta Dávila me escribiu para preguntarme se quería presentar algo, o que máis me interesou foi poder escribir en diálogo con ela. En xeral, o proceso de escritura pode ser algo solitario e gustábame o experimento de pensalo como unha conversa.
Interesoume tamén o ángulo elixido pola fundación para a colección, unha literatura de textos híbridos e singularidades; unha aposta polos xéneros que están nas marxes. Penso que o libro causa nas persoas lectoras certa perplexidade: é unha novela? ou outra cousa? Ás veces chámolle novela simplemente porque me parece que en moitos sistemas literarios textos moito máis radicais que este reciben o nome de novelas e, polo tanto, paréceme importante que esteamos dispostos a chamarlles novelas a cousas que xogan coas nosas expectativas do que unha novela debería ser. Pero interésame máis a perplexidade que buscar unha definición fixa: a literatura ten que xogar coas nosas ideas do que pode ser o literario, e agradezo que Euseino? crease unha colección que explicitamente nos convida a iso. (…)”

Pablo Nogueira Campo, gañador do VI Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade

Desde o Instituto de Estudos Chairegos:
“O Xurado, reunido o día 22 de outubro de 2022, no local do IESCHA, sito na Casa da Cultura de Vilalba, ACORDOU, por unanimidade, outorgar o VI Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á obra titulada
RINGO. MEMORIAS DUN COELLO FEDELLO
presentada baixo o lema ou seudónimo de
RINGO
Unha vez aberta a plica, resultou ser o/a seu/súa autor/a
PABLO NOGUEIRA CAMPO
O Xurado salienta o humor intelixente, escrita imaxinativa dunha historia trepidante localizada no Circo Fantastibuloso, unha comunidade de artistas nas que cadaquén expresa a súa singularidade. Unha narración na que se mestura aventura e imaxinación para abordar algúns temas esenciais como o valor da amizade, a empatía e o amor.”

Compostela: 4º Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia