O VI Certame de Poesía Torre de Caldaloba xa ten obras gañadoras

“O VI Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, xa ten obras gañadoras.
O pasado mércores, 22 de novembro, o xurado formado por Armando Requeixo, Xosé Otero Canto e Maurizio Polsinelli acordou por maioría de votos o seguinte fallo:
1º PREMIO para Xurxo Alonso García, pola obra Non deixedes na mesa nin leite nin pan, da cal o xurado destacou que é un poemario onde a palabra xorde como unha fervenza que escorrega polo regueiro da ausencia.
2º PREMIO para Paulino Peña Álvarez, pola obra Vaira e Cristal, da que dixo o xurado que se trataba dun poemario en verso breve que destaca pola capacidade de entregar ao lector unha memoria aínda intacta de vivencias pasadas, grazas tamén á eficacia dunha linguaxe culta e refinada.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro 2 de decembro, a partir das 12 h., no local social de Pino.”

Roteiro literario por Ribeira. Os camiños do mar, con María Xesús Blanco, o 22 de decembro

O Roteiro literario por Ribeira. Os camiños do mar, guiado por María Xesús Blanco, é unha iniciativa da AELG subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Ribeira.

Esta proposta pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria. O texto completo deste roteiro estará dispoñíbel para a súa descarga nas seguintes semanas.

O roteiro presencial vai ter lugar o venres, sexta feira, 22 de decembro, a partir das 17:00 horas, tendo como punto de saída a Praza do Concello de Ribeira.

Agradecemos que a inscrición, libre e gratuíta, se faga previamente enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org, indicando o nome deste roteiro, así como o nome e apelidos da(s) persoas(s) interesada(s) en participar como público. Hai un total de 30 prazas dispoñíbeis.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Cangas: presentación de A liña da vida, de Xosé María Álvarez Cáccamo

O 29 de novembro, ás 19:00 horas, na Libraría Wells de Cangas (Praza do Arco, 5), Xosé María Álvarez Cáccamo presenta A liña da vida, publicado por Chan da Pólvora. No acto, xunto ao autor, participan Luís López Alonso e Antón Lopo.