Obradoiro de creación literaria Facer poesía en Celanova, con Xoán Carlos Domínguez Alberte
O Obradoiro de creación literaria Facer poesía en Celanova é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración da Fundación Curros Enríquez e o patrocinio da Xunta de Galicia, a cargo de Xoán Carlos Domínguez Alberte e cunha sesión especial de Baldo Ramos.
Creación poética chea de tradición
Espirais milenarias de pedra que moldean os vendavais da historia.
Ecos senlleiros de voces descifrando os latexos do auténtico.
O trazado da letra ou a música de cicelarmos as palabras intensas.
O brillo do cristal refulxe na emoción pura do poema.
Achégate á escrita en Celanova da man de grandes poetas
– Terá lugar na Casa dos Poetas de Celanova (Rúa Curros Enríquez, 37).
– 20 prazas, gratuítas, para maiores de 18 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude. A inscrición, gratuíta, pode realizarse no correo electrónico oficina@aelg.org
Calendario e horarios
– Sábados 1, 8, 15, 22 e 29 de outubro; e 5 de novembro de 2022, de 10:00 a 13:00 h.
– Sábado 12 de novembro de 2022, de 10:00 a 12:00 h.
Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.
Xoán Carlos Domínguez Alberte: “A linguaxe audiovisual non dista do poético, compleméntanse”
Alberto Ramos gaña a XVI edición do Premio de Narrativa Breve Repsol
Desde Galaxia:
“A obra Os corpos de Romanov. Matthias Lentz, de Alberto Ramos, resultou gañadora da XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou o 29 de setembro a portavoz do xurado, Diana Varela, na sede da Real Academia Galega na Coruña.
O acto do ditame contou coa presenza de representantes das cinco entidades impulsoras do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o académico correspondente da Real Academia Galega, Ramón Nicolás, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
O xurado da XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: Marcos Calveiro, director de Edicións da Galaxia, Xosé Monteagudo, escritor e gañador da XV edición do premio Narrativa Breve Repsol, Ramón Nicolás, o académico correspondente da Real Academia Galega, Diana Varela, a escritora nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e Dolores Vilavedra, profesora da literatura galega na USC e crítica literaria.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.
Na súa XVI edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 28 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Diana Varela, voceira do xurado desta edición, trasladou no acto que Os corpos de Romanov. Matthias Lentz é unha novela escrita con un estilo de gran precisión, onde salienta a presenza dun narrador solidario que apela á conciencia de quen le, e na cal “destaca igualmente a acaída engrenaxe das diversas tramas, que encaixan como as pezas dun reloxo”. Unha historia na que o azar das relacións humanas xunta unha serie de personaxes, solidamente construídos, nos que se reflicten as inquedanzas e os traumas individuais e colectivos do pasado.” (…)”