Compostela: presentación de Ond’o sol facheaba ô amañecer, de Xosé Luna Sanmartín

A Coruña: presentación do poemario Embernallúas, de Eva Méndez Doroxo

O 17 de marzo, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, preséntase o poemario Embernallúas, de Eva Méndez Doroxo, publicado por Urutau. No acto acompañará á autora Emma Pedreira. As persoas que queiran asistir deben cubrir este formulario.

A AELG adhírese ao Manifesto polo Día Internacional da Narración Oral 2022, obra de Antonio Reigosa

Manifesto Día Internacional da Narración Oral 2022

Antonio Reigosa

“Escoita!
Achégate! Non oes o burbullar das palabras dentro da miña cabeza! Estanse preparando para contarche algo.
Quizais un conto feito con esas palabras que agora se acicalan para estaren o máis fermosas posible cando as escoites. Para gustarche cando chas conte coa miña boca, cos meus ollos, coas miñas mans, cos meus abrazos e co meu corazón que está cheo de sorrisos e silencios pero, sobre todo, de amor. De infinito amor!

Escoita!
Era unha vez unha fonte que quería ser regato. Despois imaxinaba que podería ser lago ou río con pozos, meandros e fervenzas. E aínda, se cadrar, medrar e medrar ata chegar a ser mar.
Mentres daba os primeiros pasos xa imaxinaba a música, ora calma ora estrepitosa, do seu andar.
E aínda, postos a imaxinar, gustaríalle chegar a ser océano para bicar a terra de varios continentes, aínda que isto xa é moito para unha fonteliña que naceu no monte, ao abrigo dos abrazos das raíces dun carballo vello e sabio.

Escoita!
Pero a fonte non pensara —aínda non tiña memoria— que por estar feita de palabras de auga, e por moito que medrase, e aínda que chegase a ser un gran océano, acabaríase evaporando pinga a pinga, palabra por palabra ata esvaecerse nun vento cálido e agarimoso onde soñar.
A fonte non sabía que despois de pasar unhas vacacións nas nubes volvería ser chuvia ou neve ata desprenderse e caer para soterrarse no profundo da terra antes de volver a ser algún día, outra vez…
… unha fonte.
Un manancial de palabras de auga, frescas e cantareiras, listas para recomenzar a contar.

Escoita!
Contar é abrir o ollo da fonte do saber. Contar é dicir palabras de auga que serán regato, lago, río, mar ou océano, e que un día se evaporarán pero non para morrer senón para volver á terra e renacer entre as raíces de quen as agarda para amalas.
As palabras de auga deixan memoria en quen as bebe, e quen as bebe con sede de saber e gozar converterase nun cano desa fonte que, ao seu xeito, contará as historias que aprendeu para matar a sede de escoitar de todas as criaturas.
Sen auga non hai vida e sen as voces que aloumiñan as fantasías, tampouco haberá mañá!”

Compostela: palestra “Festas con representacións de mouros e cristiáns en Galicia e terras do noroeste veciñas”, por Xosé Manuel González Reboredo

Obrigatorio anotarse en comunicacion@ogalo.gal antes do 16 de marzo as 13 h. e indicar o nome, os dous apelidos e o número de teléfono de cada unha das personas que acodan a esta palestra. Nela será obrigatoio o uso de mascariña.