Vigo: presentación de Trevo. Triloxía do outono, de Manuel Seixas
Inma López Silva e Ana Romaní gañan os Premios da Crítica 2020 en narrativa e poesía en lingua galega
Desde Nós Diario:
“Este sábado entregáronse os Premios da Crítica 2020, organizados pola Asociación Española de Críticos Literarios, resultando galardoadas as escritoras Inma López Silva e Ana Romaní nas categorías de narrativa e poesía en lingua galega respectivamente.
O libro da filla, a obra narrativa escrita por Inma López Silva, e A desvértebra, o libro de poemas da man de Ana Romaní foron os traballos seleccionados polas colegas de gremio das autoras galegas. (…)
En lingua catalá, os galardóns foron Albert Pijoan, por Tsunami; e María Josep Escrivà, por Sempre és tard.
Na categoría de mellores obras en éuscaro, Pello Lizarralde, por Argiantza; e Jon Gerediaga por Natura berriak, foron os premiados.
Con respecto a selección de autoras e autores en lingua castelá, a elección recaeu en Arturo Pérez-Reverte, coa novela Línea de fuego e en Ramón Andrés por Los árboles que nos quedan.”
Conversas con Sibila, de Rosa Aneiros, na Libraría Couceiro de Santiago os martes de xuño ás 19:00 h.
Desde Xerais:
“Os martes de xuño terán lugar as conversas con Sibila de Rosa Aneiros na Libraría Couceiro de Santiago. Reunións dun máximo de 7 persoas para pequenos encontros arredor de Sibila. Hai café e te -cortesía da casa anfitrioa- para axudar a engulir as palabras. As persoas interesadas poden confirmar asistencia por mensaxe interna de Facebook da autora ou da libraría, na propia libraría Couceiro ou por correo electrónico a rosaneiros@hotmail.com. É imprescindible confirmación de dispoñibilidade.
Martes 8, 15 e 22 de xuño de 2021
Libraría Couceiro. Santiago de Compostela
Inscrición previa obrigatoria.”
Helena Villar Janeiro, Tesón de luz, entrevista por Montse Dopico
“Decálogo da crítica literaria”, por Inma Otero Varela
Desde Euseino?:
“O ano pasado, en euseino.org iniciamos o proxecto do Decálogo da novela convidando algúns novelistas a escribir sobre a súa concepción da novela a través dun decálogo. Consideramos agora que había ser unha boa idea ampliar esa sección coa reflexión dos críticos literarios sobre a función do seu labor e a relación deste coa literatura. Os usos da crítica literaria: a crítica como interpretación dunha obra e tamén a crítica como literalidade, como obxecto escrito.
Comezamos con Inma Otero Varela, quen desde o realismo especulativo nos achega a unha idea da crítica literaria como obxecto. Partindo da teoría dos campos de senso de Markus Gabriel e da noción de texto como inscrición na que se basea o novo realismo de Maurizio Ferraris, a autora de O obxecto muller e o xiro ontolóxico (en setembro, en Euseino? Editores) defende o obxecto crítico como aquela cousa que existe para achegarnos á beleza.
Sección coordinada e editada por Iván García Campos.
♦
O obxecto crítico e a beleza
1) Pacto. Cómpre aceptar os roles desde o comezo. Non hai negociación, só admitir a situación real de cada cousa no espazo e na existencia. A relación establécese a tres bandas, de maneira máis ou menos organizada, aínda que sen recato nin tabús. Por forza debe ser impúdica e, a poder ser, promiscua. Nesa relación a tres sempre hai un obxecto (a obra da que se parte), un suxeito (a persoa que media) e outro obxecto (o texto final).
2) Agnosticismo. A crítica ocúpase do que está xa creado, non da demiurxia. Non procura unha conexión transcendental. É o dedo na chaga, non a fe. A eséxese que refuga o sagrado das escrituras. O coñecemento parte do estímulo material que é obra literaria. E o resultado é outra obra. Os suxeitos que están detrás das obras (ou no medio dunha e outra) son secundarios unha vez que estas existen. Localízanse noutro lugar. A crítica non é un diálogo entre persoas, só é un obxecto que aparece no mesmo campo de senso que a obra literaria. Aínda que na súa orixe precisase un suxeito que despois xa non está. Como acontece para a existencia dunha culler. (…)”