Entrevista a Arantza Portabales na revista Pincha:
“Tras a exitosa Beleza Vermella, Arantza Portabales publica A vida secreta de Úrsula Bas, unha nova aventura da explosiva parella formada polos detectives Abad e Barroso. Pero esta novela -que atrapa, madura- vai máis alá dos eternos desencontros destes dous policías composteláns. Tamén é unha reflexión da violencia sobre a muller, a soidade e o abatemento da vida cotiá.
Ano e medio despois de resolver o caso de Xiana Alén, os detectives regresan con feridas e cousas non ditas que deberán arranxar, nun difícil equilibrio entre o eido laboral e persoal.
Ana Barroso xa non é aquela moza fascinada por Santi Abad, poñendo en solfa o seu traballo, senón unha muller reivindicativa do seu espazo en todos os sentidos. Por iso non permite actitudes condescendentes ou abertamente machistas dos seus compañeiros, incluíndo ao propio Santi Abad, que deberá aprender a tratar con esta nova Ana e consigo mesmo, inmerso como está nun proceso de cambio. Ambos están a madurar, coa dor que iso supón.
A entrevista pode verse aquí.”
Bases do II Premio de Novela da Galicia Rural
“Entre os grandes retos que debe afrontar a Galicia de hoxe en día cómpre destacar a procura de alternativas para o desenvolvemento do rural de cara a garantir o seu futuro e adecuación ás novas realidades do século XXI, sen que iso derive na perda da súa identidade, tradicións e cultura. Así mesmo, considérase preciso potenciar a defensa da lingua galega e a promoción das actividades culturais no ámbito local. Neste sentido, co obxectivo de promover a visibilidade do mundo rural galego e reflexionar sobre as súas problemáticas, posibilidades e retos presentes e futuros a través da creación literaria, o Concello de San Xoán de Río, co apoio e patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia, convoca o II Premio de Novela da Galicia Rural. Trátase dunha convocatoria dirixida tanto autores e autoras xa consagrados como a novos talentos da nosa literatura que, coas súas novelas, queiran contribuír a poñer en contacto aos lectores e lectoras co presente, o pasado ou o futuro do mundo rural galego.
BASES
1. Poderán optar ao II Premio de Novela da Galicia Rural aquelas autoras e autores que presenten novelas orixinais e inéditas, non publicadas ou divulgadas, en todo ou en parte, por calquera medio físico ou electrónico, escritas en lingua galega segundo a normativa RAG/ILG, que sitúen a súa trama na Galicia rural ou que concedan a esta un protagonismo relevante na narración.
2. As obras deberán ter unha extensión mínima de 100 páxinas, en letra Times New Roman 12, interliñado 1,5 e marxes inferior e superior de 2,5 cm e marxes esquerda e dereita de 3cm.
3. Cada proposta deberá ser presentada exclusivamente en papel, entregándose 6 copias, impresas a dobre cara, debidamente encadernadas baixo lema e sen ningún dato que identifique á autora ou autor. No envío incluirase un sobre pechado que deberá conter no exterior o lema elixido e no seu interior os datos de autoría correspondente: Nome e apelidos, DNI, enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono de contacto e unha declaración xurada na que se indique que se presenta unha obra totalmente orixinal e inédita. Estas propostas serán enviadas ao Concello de San Xoán de Río, Praza Gabino Rodríguez Álvarez, 1, 32770, San Xoán de Río, Ourense, indicando no exterior do sobre II Premio de Novela da Galicia Rural.
4. As propostas serán enviadas antes do 15 de decembro do 2021 e o ditame do xurado farase público no mes de febreiro do 2022.
5. O premio consistirá na edición da obra por parte da Editorial Galaxia, unha contía en metálico de 2.000€, máis a entrega dun diploma acreditativo, que será entregado nun acto público organizado polo Concello de San Xoán de Río e ao que se compromete a asistir o/a galardoado/a. A contía do premio considerarase unha entrega á alzada en concepto de adianto polos dereitos de autor. O gañador ou gañadora comprométese a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos. A Editorial Galaxia resérvase o dereito de publicación, sen limitación do número de exemplares, da primeira edición e reimpresións, reservándose tamén os dereitos preferentes de edición tanto da segunda e seguintes edicións en lingua galega coma da súa tradución a outros idiomas.
6. Formarán parte do xurado cinco persoas pertencentes ao ámbito da crítica, a escrita, o ensino e o estudo da lingua galega, máis un secretario ou secretaria, con voz pero sen voto, en representación do Concello de San Xoán de Río. O premio será outorgado á obra que reciba o maior número de votos. Comunicarase a composición do xurado tras o peche da recepción de orixinais.
7. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado o estime oportuno por non reunir as obras a calidade necesaria ou non cumprir cos obxectivos da convocatoria. Esta decisión, así como a concesión, serán inapelables.
8. Os orixinais non premiados serán destruídos salvo que os autores/as acudan ao Concello de San Xoán de Río a recoller os orixinais. En todo caso, non se devolverán por correo postal.
9. A participación nesta convocatoria require a plena aceptación das normas contidas nas presentes bases.”
A Palleira: entrevista a Tamara Andrés
Edgar Costas Sanmartín gaña o IV Premio Roberto Vidal Bolaño 2021
Desde Galaxia:
“A obra gañadora do IV Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2021 é Casa de feras.
O 25 de xuño, ás 19 h, celebrouse, no Concello de Porriño, a entrega do Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2021. O gañador Edgar Costas Sanmartín, recolleu o galardón nun acto no que interviron Raquel Castro (IES Ribeira do Louro), Eva García, alcaldesa de O Porriño, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
O xurado, formado por Inma López Silva, Ana Abad de Larriva, Delio García, e Raquel Castro, como secretaria; destacou da obra “a orixinalidade do tratamento dramatúrxico do xénero da fábula, as posibilidades escénicas que presenta ao ser un texto con moitos personaxes que permiten o seu traballo con grupos amplos de alumnado e as distintas temáticas abordadas que van dende o maltrato animal, ás relacións de poder e a liberdade.”
Casa de feras, achega, mediante o uso dun humor cargado de ironía, “a terríbel situación protagonizada polos animais que entre 1774 e 1972 habitaron, no parque do Retiro de Madrid, un zoolóxico de aceiro e formigón”. (…)”
“Xela Arias, honestidade e protesta”
Vigo: II Colóquio Internacional “Estar em Casa Com Adília Lopes. Do Privado ao Político
“A assistência é gratuita mas sujeita a inscrição prévia mediante este formulário: https://i.gal/form-AL“
A Estrada: presentación de O tempo entre as mans, de Xosé Luna
Vilagarcía, Cidade do Libro 2021: actos destacados do 26 e 27 de xuño
O 27 de xuño finaliza Vilagarcía, Cidade do Libro (na Praza da II República e no Parque de Miguel Hernández), organizada polo Concello de Vilagarcía, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Sábado 26
– 18:00 h. Na Illa de Cortegada, presentación de A memoria da choiva e Un lume azul, de Pedro Feijoo, e Misterio na Illa de Cortegada, de Manuel Oubiña, publicados por Xerais.
– 21:00 h.. No Escenario de Autoras-es da Praza da II República, Encontro literario coa participación de Ledicia Costas, María Oruña e Domingo Villar.
Domingo 27
– 12:30 h. No Parque de Miguel Hernández. Presentación de A Tropa contra o Virus, de Alberto Avendaño.
– 19:00 h. No Parque de Miguel Hernández. Encontro e contos con Paula Carballeira.