Andrea Maceiras, escritora: “Recomendo as obras de literatura infantil e xuvenil a calquera tipo de público”

Entrevista de Sergio Casal a Andrea Maceiras en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Este novo Premio Jules Verne únese a unha longa lista anterior. Como se sente ao respecto?
– Andrea Maceiras (AM): Para min foi unha sorpresa. É certo que é a segunda vez que gaño este premio, pero tamén é certo que esta novela é moi distinta de todo o que levo feito. A verdade é que precisamente por ser unha novela que se sae un pouco da miña liña habitual, era un experimento mandala. Saíu ben, pero non deixou de ter ese factor de sorpresa para min. (…)
– ND: A ficción moitas veces amósanos a realidade de forma máis sutil. Canta crítica temos entón á emerxencia climática nesta novela?
– AM: É unha obra crítica con este tema. Toda a historia desenvólvese nun contexto distópico glacial. É un mundo que está completamente xeado. Isto, que pode parecer absolutamente ciencia ficción, ten unha base científica. O quecemento dos mares podería afectar a corrente do Atlántico Norte, debilitándoa. Isto podería repercutir, de forma paradoxal, nun arrefriamento global. Hai moitas referencias a todas as cuestións que a min me preocupan a propósito da natureza dentro desta historia. (…)
– ND: Ademais do público xuvenil, a que perfil recomendaría O corvo sobre a neve?
– AM: Eu recomendo as obras de literatura infantil e xuvenil a calquera público. Non é tan habitual que alguén chegue a unha obra de narrativa adulta moi longa e moi complexa, pero un adulto sempre pode facer o camiño inverso. Penso que O corvo sobre a neve podería gustar aos adultos. Está feita de maneira extremadamente áxil porque busca ser unha homenaxe ás antigas novelas clásicas de aventuras, pero traídas aos novos tempos, onde todo é máis fragmentario e vivimos con máis présa. Por ritmo e por tema, pode interesar a máis públicos que ao que vai destinado na primeira instancia. (…)”

Alva Martínez Teixeiro imparte en Porto Alegre o curso de posgraduado ‘A poesia brasileira e portuguesa de autoria feminina, desde a segunda metade do século XX até aos nossos dias’, do 18 ao 25 de outubro

Do 18 ao 25 de outubro, Alva Martínez Teixeiro, Profesora Distinguida Senior da Universidade da Coruña e membro da AELG, impartirá, en Porto Alegre, o curso de posgraduado «A poesia brasileira e portuguesa de autoria feminina, desde a segunda metade do século XX até aos nossos dias». As diferentes sesións focarán os tópicos da relectura da tradición grega e do aggiornamento da lírica amorosa galego-portuguesa e camoniana, na obra poética de, entre outras autoras, Sophia de Mello Breyner Andresen, Dora Ferreira da Silva, Hilda Hilst, Maria Teresa Horta, Ana Hatlherly, Elisa Andrade Buzzo Krone ou Catarina Nunes de Almeida.

O convite foille cursado na súa condición de ‘Professora Estrangeira Associada’ (2022-2027) do ‘Programa de Pós-Graduação em Letras (PPGL)’ da ‘Escola de Humanidades, da ‘Pontifícia Universidade Católica de Rio Grande do Sul (PUCRS)’. Este programa de Mestrado e Doutoramento da PUCRS foi escollido a ‘Melhor Pós-Graduação do Brasil – Letras (Excelência Internacional)’, na última ‘Avaliação Quadrienal’ da ‘Coordenação de Aperfeiçoamento de Pessoal de Nível Superior – Ministério de Educação do Brasil (CAPES)’, sendo beneficiario do prestixioso ‘Programa de Excelência Acadêmica (PROEX)’ que financia os gastos asociados á estadía para dictar este curso regrado e para realizar diversas actividades de investigación.

Mural da Escola de Humanidades da Pontifícia Universidade Católica de Rio Grande do Sul (PUCRS), da autoría de Renan Santos (co apoio do ‘Instituto de Cultura’)

A RAG elixe a Ernesto González Seoane académico de número e a Xosé María Gómez Clemente correspondente

Desde a Real Academia Galega:
“Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) foi elixido na tarde de onte novo membro de número da Real Academia Galega. A institución decidiu, na sesión plenaria celebrada no pazo de María Pita, que o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela ocupe a vacante producida polo pasamento de Bernardino Graña. No mesmo encontro elixiuse académico correspondente o profesor de Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo Xosé María Gómez Clemente (Ourense, 1962). (…)”

Crónica fotográfica do Encontro da Federación Galeusca 2025 en Santiago de Compostela

Estas son algunhas das fotografías do Encontro da Federación Galeusca 2025, organizado pola AELG, coa participación da AELC e da EIE, co apoio de CEDRO, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago. Tivo lugar o 19 e 20 de setembro de 2025 en Santiago de Compostela. A crónica fotográfica completa (obra de Distrito Xermar) pode verse aquí.

Nuria Mosqueira Varela gaña o VI Premio de poesía ‘Filomena Dato’ coa obra ‘Oito días’

Desde o Concello de Bergondo:
“A coruñesa Nuria Mosqueira Varela resultou gañadora do VI Premio de Poesía Filomena Dato, convocado polo Concello de Bergondo, grazas ao poemario Oito días.
O xurado, integrado pola alcaldesa Alejandra Pérez Máquez, presidenta (sen voto); Dorés Tembrás como secretaría; Leticia Mª Rey como funcionaria; e Antía Otero, Silvia Penas e Miro Villar, como vogais, deliberaron a vitoria do conxunto poético de Nuria Mosqueira Varela valorando do mesmo ”a construción dun universo propio e a recreación dunha atmosfera. Estamos ante un libro que amosa unidade no traballo estrutural, un manexo interesante dos símbolos, a dicotomía entre o salvaxe e o doméstico, afondando na convivencia entre a emoción e a violencia, a memoria persoal e social”. Igualmente, o xurado salientou o “control no manexo da lingua e a introdución da oralidade”.
O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros e a publicación da obra pola editora Apiario na colección de poesía Filomena Dato. Apiario é a encargada de coordinar este concurso de poesía e tamén levará a cabo a publicación da obra gañadora asumindo todo o proceso: deseño, imprenta, distribución e promoción.
A través deste galardón, o Concello de Bergondo suma o seu gran de area na promoción de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a manter en vigor a figura histórica de Filomena Dato Muruais (1865-1926), muller fundamental no movemento literario do Rexurdimento e á que se lle dedicará o ano 2026. (…)”

Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2025: Do cantar ao contar: a tradición oral na sociedade multicultural. Inauguración: Luís Prego, o 30 de outubro

A edición de 2025 do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil ten lugar baixo o título xeral de Do cantar ao contar: a tradición oral na sociedade multicultural. A AELG colabora con esta actividade ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua.

O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño, Carla Míguez e María González Cerdeira (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

Desenvolverase os días  2, 9, 16 e 23 de outubro de 2025, ás 18:00 horas, na sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense.

A inscrición é de balde e pode facerse aquí.

Está en proceso o recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección.

O programa é o seguinte:

30 de outubro
Luís Prego
Prende no colo. Recitados e cantigas de tradición oral para a cativada

Carlos Paulo Martínez Pereiro, designado membro do xurado do prestixioso ‘Prêmio de Romance Machado de Assis 2025’, no Brasil

Carlos Paulo Martínez Pereiro, Profesor Emérito da UDC e integrante do Grupo de Investigación ILLA e da AELG, foi designado membro da ‘Comissão Julgadora’ do ‘Prêmio Machado de Assis de Romance 2025’ polo Presidente da ‘Fundação Biblioteca Nacional’ do Governo Brasileiro (Diário Oficial da União: https://shre.ink/CJPMdARomance2025).
As profesoras Márcia Fusaro e Márcia Moreira Pereira integran tamén a referida comisión xulgadora do prestixioso galardón, un dos máis importantes premios literarios brasileiros, a que concorreron 359 romances.
Para laurear o mellor romance brasileiro publicado en portugués no Brasil entre o 01/05/2024 e o 30/04/2025, son avaliadas a técnica narrativa, a orixinalidade temática e lingüística, así como é ponderada a contribución á cultura nacional. Os tres romances finalistas e o gañador serán divulgados até o 03/11/2025 e publicados no DOU até o 27/11/2025. O edital do premio e todas as informacións sobre o mesmo son accesíbeis no sitio electrónico da Fundação da Biblioteca Nacional (https://shre.ink/GovBrEditalPMdeARomance2025).
Ao longo dos anos, foron premiados romances de autoras e autores tan relevantes como Alberto Mussa, Ana Maria Machado, Bernardo Carvalho, Cristovão Tezza Daniel Galera, Evandro Affonso Ferreira, Flávio Moreira da Costa, Idalina Azevedo da Silva, Luciana Hidalgo, Luiz Ruffato, Marcelino Freire, Rubem Fonseca, Sheyla Smanioto ou Verónica Stigger.

[Edificio e logo da Biblioteca Nacional de Rio de Janeiro / Caricatura de Machado de Assis]

Compostela: actividades do 12 de outubro na SELIC 2025