Elixidos os Premios do Certame Vilariñas 2021
“Marga Pazos, de Lousame, Jeferson Costa Leite, de Brasil e Quique Roxíos son os gañadores da V edición do certame de micro-poesía Vilariñas.
O xurado, composto polos membros da Nova Poesía Guitirica NPG resolveu despois dunha difícil análise pola calidade dos poemas presentados.
Foron case 90 as Vilariñas presentadas de diversos lugares do país, Asturies, Portugal, Brasil e tamén do estado nun certame que se está a facer referencial na poesía galega e que complementa o Premio Díaz Castro, tamén de Guitiriz.
O Certame Vilariñas nasceu como homenaxe ao poeta do Vilariño Xosé María Díaz Castro, o poeta das cousas pequenas, e inspirouse no seu poema A Espada que fala das herbas pequerrechiñas e o nome de Vilariñas ao seu lugar de procedencia, o Vilariño na parroquia guitiricense dos Vilares.
O premio é unha peza deseñada pola artista muxián Viki Rivadulla que simboliza a unha muller galega co paxaro da inspitación na cabeza.
O primeiro premio foi para Mar Pazos, unha moza de Lousame residente en Vigo, o segundo prémio corresponde a Jeferson Costa Leite de Alegrete, no sul de Brasil e o terceiro correspondeu ao coñecido poeta de Boal, en Asturies, Quique Roxíos.
Este ano a diversidade linguística do galego-portugués viuse representada nas Vilariñas, onde as variantes idiomáticas cinviven en armonía.
As Vilariñas siguen a viaxar ademais de polos diferentes rincóns do país nestas cinco edicións, tamén por diferentes lugares do estado e mesmo alén mar, ao sul do planeta.
Se a situación sanitaria o permite, o acto de entrega será o 13 de xuño en Guitiriz conxuntamente co Premio Díaz Castro de poesía.”
Ribeira: inauguración de exposición e presentación de libro para bibliófil@s Manuel Ayaso-Kafka
Suso de Toro no Club Faro: Unha conversa arredor de Un señor elegante
Festival 2021: Rosalía Fernández Rial
Retrincos. Mero: “Mentres cantemos estamos vivos”
Antón Riveiro Coello: “Baixo as bombas, amais da violencia, agroma a humanidade de moita xente comprometida”
Entrevista de Montse Dopico a Antón Riveiro Coello en Praza:
“(…) – Praza (P): Publicaches varios libros con guerras de fondo. Por que?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Si. A intención é que novelas como As rulas de Bakunin, Laura no deserto e mesmo un libro de relatos que estou a escribir, se toquen dalgún xeito con O paraíso dos inocentes e aspiren a forma parte dun ciclo cun pano de fondo e unha temática similar. Talvez esa teima se sitúe no meu gusto por colocar os personaxes en situacións límite que acontecen en momentos clave da historia. Non hai en min ningunha resistencia a tratar esas experiencias extremas que ás veces perturban, pero que nos obrigan a repensar radicalmente as nosas vidas, e espero que tamén as de quen nos le.
– P: Como foi o proceso de creación desta? Algún motivo especial para escoller o conflito sirio? (Alén da actualidade, presenza mediática…)
– ARC: Non adoito someterme aos criterios temáticos de actualidade, pero tamén é verdade que ás veces non é doado subtraerse a eles. O punto de partida xurdiu tras pasar polo aeroporto de Zaventem en Bruxelas pouco antes de que estoupase nun dos atentados xihadistas. Desa conmoción xurdiu a idea primeira de tratar o tema do terrorismo, ese mal abstracto que converteu o mundo nun lugar inseguro e vulnerable. Despois viñeron as conexións coa guerra de Siria e foi cando o proceso se volveu máis complexo para min porque foi como entrar nun territorio totalmente descoñecido.
– P: O libro está dedicado, entre outras persoas, a “Diana e Hussam”, que lle “emprestaron” a súa memoria. Son testemuñas da guerra? Contactaches con máis xente que a viviu?
– ARC: Si, contactei con algunhas testemuñas e de aí, desas conversas durísimas, foi de onde xurdiu un compromiso, digamos de xustiza restitutoria, para contar as súas traxedias. Quen máis me inspiraron foron precisamente Diana e Hussam, que si son vítimas da guerra e hoxe están en Holanda. De feito, toda a fuxida de Hussam está na base para a creación do personaxe de Isam. Esa viaxe terrible que tivo que sufrir dende Siria até chegar a Europa é a mesma que segue Isam e que tamén trazou o mapa da miña imaxinación.
Como curiosidade, dicir que cando Hussam me contaba o seu itinerario, a súa muller estaba a escoitalo por vez primeira. Fora tan duro que, nunca, nin cando xa ela e os fillos se reuniron con el nun avión dende o Líbano, Hussam tivo o valor suficiente para contárllelo. Non quería nin que se imaxinasen polo que tivera que pasar para chegar a Holanda. Traballar sobre a memoria doutras persoas é algo que me fascina e, dalgún xeito, dáme certa seguridade porque non camiño ás cegas. Toda esa memoria é coma unha materia viva que vas moldeando até acadar un retrato que é resultado do emprestado, pero tamén da túa conciencia e, sobre todo, da túa imaxinación.
– P: Amira, unha das protagonistas, é unha xornalista-activista que non ten moita esperanza de que o seu traballo sirva para que Occidente esperte. Mais o libro fala de esperanza, e de procura da liberdade, desde o primeiro capítulo. Era a túa intención, que o lector/a quede con esa idea?
– ARC: A novela, como todas as guerras, ten partes duras e dolorosas. Eu quero ser honesto con quen me le. Expresar esa dureza coido que vai na procura dun chisco de verdade. E parte desa dureza acolle tamén a decepción de Amira, que arrisca a vida para lle abrir os ollos ao mundo dende dentro da guerra, sen ver máis retorno ao seu activismo que indiferenza e abandono por parte da comunidade internacional.
Con todo, nos máis dos personaxes latexa a esperanza, encarnada sobre todo na solidariedade e no compromiso das persoas para seguir loitando pola liberdade. Baixo as bombas, amais da violencia, tamén agroma a humanidade de moita xente comprometida. No fondo, a novela é un canto antibelicista, comprometido coas vítimas e coa dignidade de moitas persoas que representan o mellor da sociedade. Estas son algunhas das ideas que están por tras do texto. (…)”
Compostela: presentación de Espazos de Rosalía en Compostela, de Mercedes Espiño
Debido ás restriccións sanitarias, o número de asistentes é limitado, sendo imprescindible a previa inscrición no correo electrónico comunicacion@ogalo.gal, antes das 18:00 horas do próximo mércores día 3 de marzo, indicando nome e dous apelidos, DI e teléfono de contacto (rastrexo Covid).
As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición e ás persoas admitidas comunicaraselle a súa admisión o mesmo día 3 de febreiro a partir das 21:00 horas.
Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro en Vigo 2021
Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2021 en Vigo, que tivo lugar o 24 de febreiro, organizado pola AELG xunto á A. C. O Castro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.