Finalistas do XVII Frei Martín Sarmiento

Desde o blog do Premio Literario Frei Martín Sarmiento:
“Tras convocarse a próxima edición do certame literario que cada vez suma máis lectores e lectoras entre o alumnado da rede de colexios de Escolas Católicas, estas son as obras que resultaron finalistas na súa décimo sétima edición. No mes de abril de 2021 coñeceremos os gañadores e terá lugar o acto de entrega de dito galardón aos recoñecidos:
INFANTIL
A fraga do meu avó. Mamá Cabra. Galaxia.
Se che pica un mosquito. Jordi Gastó. Kalandraka
1ª CATEGORÍA (1º, 2º EP)
Hércules e o xigante. Unha torre de lenda. Henrique López. Hércules de Ediciones
A banda de Raimunda. Pablo Nogueira. Baía
2ª CATEGORÍA (3º, 4º EP)
Animalia. 2 Branco. Xosé Tomás. Xerais
Astro Rato e Lampadiña en Patacator Cocido. Fermín Solís. El Patito Editorial.
3ª CATEGORÍA (5º, 6º EP)
Conta nove estrelas. Andrea Maceiras. Xerais
Os Peloteiros. Patricia Mallo. Galaxia
4ª CATEGORÍA
Unha cidade chamada perfecta. Helena Duggan. Traducida por Moisés Barcia Rodríguez. Sushi Books
Maneiras de vivir. Luis Leante. Traducida por Belén Rodríguez Suárez. Rodeira-Edebé
5ª CATEGORÍA
Aqueles momentos que perdemos. Xavier Estévez. Oqueleo
Ardora. Beatriz Maceira Abeleira. Urco Editora.
6ª CATEGORÍA
Beleza Vermella. Arantza Portabales. Galaxia
Os nomes do vento. Juan Andrés Fernández. Fervenza.”

Foros #Aculturasegue: “Os retos do sector do libro na era post Covid-19”

“Rinoceronte e Turner son, respectivamente, a primeira editora especializada en tradución ao galego e unha das máis renomeadas editoriais en lingua española de libros de ensaio, arte e outras materias de non ficción, cunha exquisita factura que lles ten valido o calificativo de “a elegancia feita libro”. Dúas formas de entender o mundo editorial que o xoves 4 de xuño ás 17:00 horas nos achegan a súa visión sobre os desafíos do sector ante as consecuencias da covid-19.
No cuarto webinario dos foros #aculturasegue, conducido polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, vas poder escoitar as reflexións de Anxa Correa e Santiago Fernández de Caleya e trasladarlles as túas inquedanzas.
Conéctate á videoconferencia, de balde e sen rexistro previo, na web da Cidade da Cultura.
Organiza: Xunta de Galicia | Cidade da Cultura de Galicia | No marco do Xacobeo 2021″

Polafías Polavida (contos ben contados), Celso Diz Quintas

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Polas polafías da AELG pasaron grandes contadoras e contadores como Celso Diz Quintas, que estivo en Mugueimes-Muíños o 1 de outubro de 2019 e contou este “Vouche pegar un tiro“.
Aquí podes ver os vídeos desta Polafía.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede, #Aculturasegue e/ou #aculturasegue.

Ampliación do prazo para presentar orixinais ao XXIII Concurso de poesía Concello de Carral

Despois da suspensión do prazo previsto nas bases do XXIII Certame de Poesía Concello de Carral para a presentación de orixinais, por mor da situación provocada polo COVID-19, reactívase o devandito prazo e fíxase como data límite o 23 de xuño de 2020.
A data do acto de entrega do premio farase pública cando o xurado elixa o autor ou autora gañador/a, e en función das medidas das autoridades sanitarias competentes, obrigadas segundo a evolución da crise sanitaria do COVID-19.

Elba Pedrosa: “Diría que son unha escritora intimista, que tento facer “escrita dende a alma”, e engado tamén “dende o silencio””

Entrevista a Elba Pedrosa en Palabra de Gatsby:
“- Palabra de Gatsby (PG): Cal é o xerme de O que non sabías (Xerais, 2020)?
– Elba Pedrosa (EP): A necesidade que temos as persoas de atopar toda a verdade da nosa vida, para rematar de vez coas inquedanzas que deixan os misterios, ás veces agochados nas familias, dunha xeración para outra sen que ninguén saiba nada. Neste caso, o silencio que arrodea aos segredos familiares tórnase abondo insoportábel. Silencios por mor, tamén, dos prexuízos e acoutamentos da época na que se desenvolve a historia. Aínda que hoxe, se cabe, podería suceder do mesmo xeito.
Ademais desta necesidade de comprender e atopar sentido de vida, a voz da muller tamén empurrou moito de min para escribir O que non sabías. Sentín que tiña que ser protagonista e contar, neste traballo, os seus segredos.
– PG: Como valora o proceso de escrita desta historia?
– EP: Diría que, pola miña banda, foi unha grande oportunidade de aprendizaxe, xa que logo é primeira novela e primeira escrita longa en galego. Supuxo un proceso de creatividade en incremento. Aínda que abordei a escrita cun esquema inicial, onde todos os cabos asemellaban ben anoados, xurdiron tensións novas, ata cambios de perspectiva sobre algún asuntos. Falo de anos de concentración e case que obsesión no manuscrito, momentos da cabeza a bulir, tamén de documentación e observación activa e, dende logo, dunha alta implicación emocional. Non son quen de abranguelo doutro modo.
– PG: Primeiro título que escribe en galego e debuta cunha das editoras máis importantes do país. Cales son as súas sensacións?
– EP: Non podo estar máis satisfeita, gratificada, agradecida. Cando andaba na procura dunha editora, sabía que non sería doado acadar a súa atención e confianza. E dende logo non foi. Mais tiña que contar esta historia, e quería facelo tamén na nosa lingua, porque a mensaxe acadaba toda a forza. Nalgún momento estiven a piques de deixala na gabeta e esquecela. Un día o meu editor chamoume para dar a boa nova. Estaba xa esgotada, pero aínda tiven folgos para soltar unha gargallada e mesmo chorar un pouco, si. Xerais é unha das editoras máis serias e profesionais que temos. Síntome moi valorada. (…)”