“O
sábado 10 de novembro, na Casa de Turismo Rural Casa Arpón de Malpica, tivo lugar a Cea das Letras organizada pola A. C. Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños. Durante este acto presentouse a obra gañadora do VI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, Carnia Haikai da escritora Elvira Riveiro Tobío e deuse a coñecer o fallo do xurado do VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O xurado deste Certame, composto por Elvira Riveiro Tobío, Antón Lois Noceda Carballo e Francisco Souto Barreiro, logo de ver as trece obras presentadas e despois de deliberar sobre as características de cada unha delas, seleccionaron a obra titulada Chamádeme Eva, que resultou ser da escritora coruñesa Mercedes Leobalde García.
Chamádeme Eva estrutúrase en catro partes que se corresponden a diferentes momentos vitais dunha muller chamada Eva, sen mazá nin serpe. Nas primeiras dúas partes observase un forte contido erótico deixando para a terceira e a cuarta a presenza do desamor e a morte, fantasticamente personalizada na presenza do lobo. Un léxico claro, sinxelo, eficiente, un uso coidado da lingua e fermosas imaxes seduciron ó xurado para outorgarlle este premio.
Mercedes Leobalde García nace no ano 1967. Licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa adícase á docencia, labor que compaxina co de tradución. Actualmente traballa no Equipo Lingüístico do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A finais do 2011, o seu paso polo obradoiro de escritura de Antía Otero intensifica o seu traballo literario. Animada a presentarse a certames literarios pola propia Antía, neste ano 2012, acada o 2º premio do Certame Ánxel Fole, cun relato titulado Fáltasme e 1º accésit no Manuel Murguía coa obra Taxi driver.” Desde Fervenzas Literarias.
Arquivos da etiqueta: A. C. Caldeirón
VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas
BASES DO VII CERTAME DE POESÍA ERÓTICA ILLAS SISARGAS
Dando continuidade no que se está a convertir nunha tradición na convocatoria poética en lingua galega, a Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños convoca o VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, dacordo coas seguintes bases:
1. Poderán optar ao premio todos os autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega.
2. Os convocantes establecen un premio único dotado con 1.000 euros e a publicación da obra premiada na colección Caldeirón, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala, e entregarán ao gañador trinta exemplares.
3. As obras, que serán de temática erótica, terán unha extensión inferior a seiscentos versos, e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados.
As obras presentaranse baixo un título e/ou lema, achegados de plica na que conste o título e/ou lema no seu exterior e contendo no seu interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono.
4. O prazo de admisión de orixinais remata o 24 de outubro de dous mil doce, e deberán enviarse ao Concello de Malpica de Bergantiños (Avenida Emilio González López, 1, 15113, Malpica de Bergantiños, indicando no sobre VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.
5. O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica proposto polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo Presidente desta entidade e o/a gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, quen poderá ser substituído por outra persoa de relevancia nas letras no caso de que non lle fose posible acepta-la súa participación. Actuará como secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica, e no seu defecto, poderá ser nomeado polo Presidente da A. C. Caldeirón.
6. Os participantes terán a obriga de comunicar á organización a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posíbel única, sendo necesaria a asistencia dos dous tercios dos seus membros.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
O premio poderá ser declarado deserto ou compartido ex aequo por varios/as autores/as se o xurado o estima conveniente.
A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2012 e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación, no marco da Cea das Letras, na cal deberá estar presente o/a gañador/a do certame.
7. Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas. Agora ben, os interesados poderán retirar das oficinas do Concello de Malpica, Departamento de Educación e Cultura, as obras non premiadas no mes seguinte ó fallo do xurado. A partir do día seguinte, serán destruídas.
8. A participación nesta convocatoria suporá a total aceptación destas bases.
Malpica de Bergantiños, 24 de setembro de 2012,
O Presidente da Asociación Cultural Caldeirón
Francisco Quiroga López”
Santiago: presentación de Amantes, de María Lado
O
xoves 26 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa da Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Amantes, de María Lado, gañador do Certame de poesía erótica Illas Sisargas convocado polo Concello de Malpica e a A. C. Caldeirón, editora do volume.
A Coruña: recital poético de Os Libros de Caldeirón, con Eli Ríos, Emma Pedreira e Lino Braxe
Vigo: recital poético Os libros de Caldeirón, con Eduardo Estévez, Antonio García Teijeiro e María Lado
Santiago: recital-presentación dos Libros de Caldeirón
O
venres 25 de novembro
, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, continúa a xeira de presentacións e recitais poéticos de Os libros de Caldeirón, coa participación de Eduardo Estévez (rúa da cancela), Emma Pedreira (Xoguetes póstumos) e Antonio García Teijeiro (Arredor do teu corpo).
Elvira Riveiro gaña o Certame de poesía erótica Illas Sisargas con carnia haikai
“O
pasado sábado día 12, ás 22:30 h. na Casa de Turismo Rural Casa Arpón deuse a coñecer a obra gañadora da sexta edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, convocado polo Concello de Malpica e a Asociación Cultural Caldeirón. A obra gañadora foi carnia haikai, da escritora pontevedresa Elvira Riveiro Tobío. O galardón, entregado polo Alcalde de Malpica, Eduardo J. Parga Veiga, e a Concelleira de Educación e Cultura, Noelia Freijeiro Novo, está dotado con 1.000 euros, que aporta o Concello de Malpica, a publicación da obra, que realiza a A. C. Caldeirón, e unha noite na Casa de Turismo Rural Casa Arpón, por cortesía deste establecemento. A continuación da comunicación do fallo, procedeuse á presentación da publicación da obra gañadora do certame do ano pasado, a obra Amantes da escritora María Lado. O escritor e membro da directiva da A. C. Caldeirón, Paco Souto, deu unha pequena introdución do libro de María Lado quen, a continuación, recitou varios poemas da súa obra”. Vía Concello de Malpica. Tamén reseñado en La Voz de Galicia. Aquí pode consultarse a resolución do xurado.
Fene: recital poético Os libros de Caldeirón, con Eduardo Estévez, María Lado e Lino Braxe
O
venres 11 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Fene, continúa a xeira de recitais poéticos de Os libros de Caldeirón, coa participación de Eduardo Estévez, María Lado e Lino Braxe.
Lalín: recital poético Os libros de Caldeirón, con María Lado, Eli Ríos e Alberte Momán
O
venres 28 de outubro, ás 21:00 horas, en Barriga Verde (Rúa Matemático Rodríguez, 9) de Lalín, prosegue a xeira de recitais poéticos de Os libros de Caldeirón, coa participación de Eli Ríos, Alberte Momán e María Lado.
Malpica: Cea das Letras, coa presentación de Amantes, de María Lado e As crebas, de Miro Villar, o 12 de novembro
O
sábado 12
de novembro, ás 22:00 horas, na casa de turismo rural Casa Arpón (A Pontella, Malpica), terá lugar a Cea das Letras, na que se fallará o VI Certame de poesía erótica Illas Sisargas, e presentar o libro gañador da V edición, Amantes, de María Lado. O prezo da cea é de 25 euros, e é preciso anotarse previamente chamando ao número 675-607127. Os asistentes serán agasallados cun exemplar do libro.
Previamente, no salón de actos da Confraría de Malpica (Praza Anselmo Vilar Amigo, s/n.), ás 20:00 horas, preséntase o libro As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior.


