María Solar: “Cando se acaba de pagar un favor? Quen cho fai pode terte atrapada de por vida”

Entrevista de Selina Otero a María Solar no Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Canto tempo lle levou escribir esta obra?
– María Solar (MS): Uns cinco anos. Foi unha novela que me colleu nun cambio vital importante e con moito traballo. Por primeira vez na miña vida eu tiña clarísimo o que ía contar e non podía sentarme a escribilo. Provocoume angustia. Sabes a onde queres chegar pero hai que escribilo. A escrita supón horas de soidade.
– FV: Titúlase A culpa. Ademais deste tema trata moitos outros: a amizade, por exemplo.
– MS: Si. A novela aborda o tema da culpa. Aparece en todos os protagonistas, por presenza ou por ausencia. E logo: as culpas sociais. A sociedade necesita culpables. E creo que cando es unha muller es culpable de moitas cousas. A historia son dúas amigas que teñen unha amizade de por vida, que se fragua a partir de algo terrible que unha fai para salvar á outra. Vailles moi ben na vida pero teñen unha relación de manipulación, control. Entón, a pregunta sería: cando acabas de pagar un favor que é inmenso? Parece que nunca. A persoa que cho fai pode terte atrapada de por vida. Hai unha amizade que por momentos é bonita e por outros é absolutamente dominante, controladora e tóxica. Pero como está ese favor tampouco podes marchar.
– FV: A difícil liña entre amizade, amizade tóxica, suposta protección…
– MS: Hai unha evolución no libro. O que empeza como unha amizade, logo segue como unha persoa que te controla e te leva a onde quere. Xa termina na loucura e incluso na usurpación da personalidade. Quero dicir que o libro vai evolucionando cara a loucura e cara o peor que dan as persoas.
– FV: Tamén hai mortos? (agardemos non facer ‘spoiler’…)
– MS: Hai varios. Algúns deles non crean culpa. Persoas que estaban facendo un dano tremendo. Pero ao final dos días a culpa sempre aparece, por iso digo que a culpa persegue as persoas. Ademais, nós temos unha sociedade, ti pensa no propio cristianismo. Nácese cun pecado orixinal, nácese con culpa… Bebe moito desa circunstancia, de sentir ou non sentir culpa polas cousas que fas… polas máis graves e polas menos graves.
– FV: Tamén hai empoderamento feminino?
– MS: Pero non como algo ‘aleccionador’, algo que non soporto. Eu escribo sobre empoderamento feminino como algo natural, non algo que forzas para que pase. O natural. As dúas protagonistas centrais son dúas rapazas que de adolescentes cometen algo grave, fuxen de Galicia, marchan a Arxentina. Son dúas mulleres potentes, talentosas, famosas, millonarias. Pero está esa historia detrás. E hai dominación entre elas. (…)”

María Solar, premio Xerais de novela 2022: “Se cunha novela alguén non se emociona, entón é unha derrota”

Entrevista de Gala Dacosta Diehl a María Solar en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que sensación a acompaña despois de recibir un galardón que é xa un clásico?
– María Solar (MS): Levo días emocionada porque para min isto non é só o premio: son os afectos e como se enchen as redes e o móbil co cariño da xente. Escribir é algo moi solitario e moi intenso, e durante ese tempo vivo dentro da historia. Cando me chamaron para dicirme que gañara, boteime a chorar por varios motivos: pola espera, polas horas que botei despois de traballar… Unha parte importante do galardón é o seu peso e a súa importancia, pero non o é todo.
– LVG: A culpa é unha personaxe máis nesta novela sobre mulleres, en que sentido querías falar dela?
– MS: Eu quería falar da culpa dende moitas vertentes. A súa presenza na sociedade é brutal dende que nacemos; sempre nos persegue, especialmente ás mulleres, e cando non hai un culpable a man, buscámolo. A culpa pódete perseguir durante toda a vida, ou pode aparecer anos despois, e pode ser real ou imaxinaria. Pódese dicir que é unha protagonista fundamental.
– LVG: Que nos pode adiantar sobre as outras dúas protagonistas, Mirta e Marcela?
– MS: Unha personaxe, Amanda, conta dende a actualidade como atopa a historia vital destas mulleres, que é a dunha relación enfermiza de control e dominación ata a loucura. Ao final, Amanda herdará esa culpa xunto con outra herdanza de tipo económico.
– LVG: Como foi o proceso de escrita?
– MS: Por primeira vez, cando ía escribir esta novela xa coñecía a trama e un xiro transcendental que aparece ao final de todo. Eu teño moi pouco tempo porque traballo moitas horas cada día, teño fillos, unha nai moi maior… Foi difícil escribir por falta de tempo, pero eu necesitaba vomitar esa historia que levaba dentro xa cinco anos. Escribindo son moi maniática e necesito que todo teña unha precisión real, así que investiguei sobre temas legais sobre herdanzas, tamén sobre cuestións históricas sobre os dous escenarios nos que transcorre a novela, que son España e Arxentina, e falei cun médico forense de Verín que é unha eminencia… (…)”

María Solar: “Non penso como encaixar en xéneros ou públicos cando escribo unha historia”

Entrevista de Mario Regueira a María Solar en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Na fin de semana, o xurado do Premio Xerais escollía A culpa como a gañadora para a edición deste ano, que pode contar desta obra?
– María Solar (MS): En primeiro lugar, que estou moi contenta, pois é unha novela que rematei o ano pasado, que lera moi pouca xente e que mandei a un premio por primeira vez. Hai unha historia central sobre dúas mulleres que foxen de adolescentes desde Galiza cara á Arxentina despois de facer algo terríbel. Teñen unha vida de supervivencia pero son moi talentosas e conseguen un grande éxito social e económico. Porén, a súa amizade está marcada por aquilo que aconteceu, que tamén é un favor que unha lle debe á outra, un favor tan grande que converte a súa relación nunha especie de posesión. Unha delas transfórmase nunha persoa posesiva cunha personalidade enfermiza.
Esa é a historia central, aínda que decido contala a través dunha rapaza nova chamada Amanda, que traballa nunha sucursal bancaria. Cada seis meses entra alí unha señora moi maior que fede e ten moi mal aspecto pero que tamén ten moitos millóns no banco. Amanda aténdea unha soa vez e ao pouco a señora morre converténdoa en herdeira universal.
Aquí aparece a primeira culpa á que se refire o título: toda a sociedade pregúntase que fixo Amanda para que acontecese iso. E ela trata de investigar para saber a historia daquela señora e topa coa outra parte da trama. Amanda herda unha fortuna e unha culpa. Non é a única culpa que aparece, as mulleres cargamos con moitas culpas na sociedade.
– ND: Podemos encaixar esta nova obra nalgún xénero?
– MS: Creo que está moi fóra das etiquetas. É certo que a historia de Amanda ten partes de thriller, pero a das dúas amigas está escrita en forma de diario íntimo. Penso que son dúas historias que non encaixarían nunha única obra comercial e só vexo en común a dimensión psicolóxica que quixen darlle aos personaxes. Realmente sempre trato de escribir o que quero, sen pensar en encaixar nun xénero determinado.
– ND: Hai elementos de realidade nunha ficción coma esta?
– MS: Nada do que escribo é real ao 100%, pero sempre bebes das cousas que che contan. Por exemplo, penso moito nas cousas que me conta a miña nai, que é moi maior e tivo moitas vivencias, e algunhas delas pasaron a esta novela. Sempre me fascinou a distancia dalgunhas das súas historias co noso tempo: parece que aconteceron hai catro xeracións ou máis, pero son relativamente recentes. Falando da culpa, sempre me fascinou esa noción relixiosa do pecado orixinal. O peso de ter nacido xa cunha culpa, antes de poder facer nada, e como esa idea marcou a vida das mulleres no pasado. As mulleres da miña novela loitan para ser absolutamente libres. É unha historia que invento pero que sei que pode atoparse nas vivencias doutras persoas.
E hai outra relación máis: eu vivo moi intensamente as miñas historias: choro e río con elas, e non hai maior satisfacción de ver como, unha vez que unha novela está fóra, esperta reaccións nas persoas que a len. (…)”

María Solar: “Escribir é unha necesidade vital, sempre fun moi fantasiosa”

Entrevista de Ana Baena a María Solar en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): O libro sairá en novembro, pero xa deu a coñecer que aborda unha relación entre dúas mulleres.
– María Solar (MS): Son dúas tramas temporais, a central sobre unha amizada mantida no tempo entre dúas mulleres, que comeza cando son rapazas. Unha faille un favor moi grande á outra que lle queda en débeda toda a vida. Establécese unha relación de dominación, case enfermiza, entre elas. A segunda trama é a actual, protagonizada por una moza quen investiga estes feitos.
– AD: Está inspirada en feitos reais ou é todo ficción?
– MS: Non se basea en nada real. Fíxome nesas relacións centradas no control e na manipulación. A novela fala das culpas por ausencia ou por presencia. Nalgúns casos os que se sinten culpables son responsables, pero noutros cárgase co que pensa ou valora a contorna. As mulleres sabemos moi ben o que é cargar con culpas que impón a sociedade como ir con minisaia ou non facer o que se espera dunha boa nai. (…)
– AD: Do seu perfil persoal, chama a atención a súa formación tan diversa. Custoulle atopar a vocación?
– MS: Din moitas voltas ata chegar ao xornalismo. Comecei maxisterio, mentres facía de actriz de dobraxe. Na escola tiven un profesor marabilloso de Bioloxía e pola súa culpa decidín estudar a carreira. Nestas chamáronme para facer unha proba na radio e aí descubrín un mundo que me encantou. Cando me licenciei, colléronme e estiven con contratos temporais. Fixen xornalismo porque realmente tiña o currículo máis raro do mundo, pero voltaría a o facer. Ser de ciencias e letras é marabilloso. É un erro que os rapaces teñan que escoller tan cedo.
– AD: Mentres non sae A culpa, ten algún proxecto en vistas?
– MS: Estou inmersa na escrita dunha novela xuvenil e xa teño pensado unha infantil. Cando veño dunha historia tan forte, con tanto ritmo, preciso un tempo para meterme na seguinte e que non se pareza a anterior, a literatura xuvenil axúdame.
– AD: Escribir é unha adicción?
– MS: É unha necesidade vital crear mundos. Sempre fun moi fantasiosa.”

María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias, Premios Xerais 2022