A sexta feira 21 de abril, ás 20:00 horas, no coworking Eléctrica (Rúa Boquete de S. Andrés, 8), na Coruña, Mário Herrero presenta A Razão do Perverso, obra que obtivo o X Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, publicado por Caldeirón. No acto participan, xunto ao autor, Alfredo Ferreiro e Paco de Tano.
Arquivos da etiqueta: A razão do perverso
Malpica: Cea das Letras 2016
Entrevista a Mário Herrero, gañador do Premio Illas Sisargas 2015
Desde A Revista Fin de Semana, da Televisión de Galicia:
“O concello de Malpica convoca dende hai dez anos o premio de Poesía Erótica Illas Sisargas. Na edición 2015, fallada a finais de ano, o gañador foi o poeta e tradutor Mário Herrero co poemario A razão do perverso. A entrevista pode verse aquí.”
Mário Herrero gaña o X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas
Desde o Concello de Malpica:
“O coruñés Mário J. Herrero Valeiro, doutor en Filoloxía Hispánica, é o gañador do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas pola obra A razão do perverso. O fallo do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica fíxose público o sábado pola noite, no transcurso da Cea das Letras, na que tamén foi presentada A outra voz, a obra premiada o ano pasado e que xa forma parte da colección literaria Caldeirón.
Mário J. Herrero agradeceu o premio e comentou que é a primeira vez que escribe unha obra especificamente para un certame, aínda que unha segunda lectura das bases obrigouno a reducila practicamente á metade. “Optei por podar os poemas máis prosaicos, pensei que era mellor ficar no lírico, no máis formalmente poético. Sei que se perdeu algo polo camiño, pero aínda así o libro continúa a ser unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes”, explicou o autor antes do recitado dalgúns deses poemas que veremos publicados o ano que vén.
Mário J. Herrero estivo acompañado durante o recital por Verónica Martínez, coautora de A outra voz xunto a Alberte Momán, que non puido estar este ano en Malpica. Foi un dos poucos galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica que non asistiu á celebración do aniversario. Os actos desta edición tan especial comezaron pasadas as oito da tarde no Centro Cívico de Malpica cunha recepción á que asistiu o alcalde, Eduardo Parga, e na que Paco Souto, no nome da Asociación Cultural Caldeirón, agradeceu a imprescindible colaboración do Concello de Malpica e destacou a calidade dos autores que integran a colección Caldeirón. “Parece que os escolléramos”, sinalou.
Esa calidade quedou de manifesto no recital que ofreceron algúns dos premiados nestes dez anos, coma Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, María Lado e Verónica Martínez, que estiveron acompañados polo poeta do mar Xosé Iglesias. Entre o público do auditorio atopábase a escritora Teresa Moure, que tamén asistiu á cea. (…)”