O sábado 30 de abril desenvolveranse no Salón de Actos da Deputación de Lugo as Xornadas Cultura e Territorio, organizadas pola Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo e ADEGA. O programa, que pode ser descargado neste arquivo .pdf: Xornadas Cultura e Territorio ADEGA 2011, está composto por:
– 09:00 h. Recepción dos participantes no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo
– 09:30 h. Inauguración das Xornadas a cargo dos representantes da organización do evento (ADEGA) e representantes da Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo.
– 10:00 h. Mesa Redonda: A Tradición Oral e o Territorio:
• Ponte nas Ondas. Experiencia educativa entre escolas de Galiza e o norte de Portugal. Xerardo Feijoo Rapela, mestre e Secretario da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas.
• Antonio Reigosa. Escritor, conferenciante e investigador da mitoloxía popular de tradición oral.
• Proxecto Montaña Máxica (Monte do Seixo) e Proxecto dos Sete Camiños. Exemplos
de espazos degradados e proxectos de recuperación e posta en valor dos mesmos. Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca: Rafael Quintía; Antropólogo e economista. João Bieites: Licenciado en Belas Artes e mestre de Artes Plásticas. Modera: Branca Villares. Mestra de música tradicional galega e socia de ADEGA.
– 11:30 h. Coloquio-Debate.
– 12:30 h. Conferencia Carlos Taibo: Teoría do decrecemento. Politólogo galego, profesor titular de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid. Presenta: Adela Figueroa Panisse. Bióloga, escritora e mebro da Directiva Nacional de ADEGA.
– 13:30 h. Coloquio-debate.
– 16:00 h. Mesa Redonda: Cultura e Territorio:
• Ricardo Polín: Profesor de Língua e Literatura galega, experto no Camiño Primitivo.
• Xosé Manoel Rosales: Arquitecto galego e coordenador do Proxecto Terra.
• María López Sandez: Doutora en Teoría da Literatura e autora de Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio.
Modera: Carlota Eirós, arquitecta e socia de ADEGA.
– 17:15 h. Coloquio-debate.
– 18:00 h. Mesa Redonda: Arquitectura e Territorio:
• Manuel Gallego Jorreto: Arquitecto, Catedrático de Proxectos na ETSAC.
• Pascuala Campos Michelena: Arquitecta e catedrática de proxectos na ETSAC.
• A Cidade dos Barrios: Plataforma de difusión e reflexión sobre A Coruña coordinada por Luciano G. Alfaya e Patricia Muñiz e organizada polo COAG desde a súa delegación de A Coruña.
Modera: Alberte González Rodriguez. Presidente da Delegación COAG de Lugo.
– 19:15 h. Coloquio-debate.
– 19:45 h. Clausura das Xornadas.
Arquivos da etiqueta: ADEGA
ADEGA: Ponte no medio. Móvete polo territorio
“Santiago de Compostela, 4 de abril de 2011.
Desde a organización ecoloxista ADEGA queremos trasladarlle o noso convite á presentación da campaña en defensa do territorio Ponte no medio. Móvete polo territorio, que terá lugar o sábado 16 de abril, ás 12:00 horas, no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.
Esta campaña nace da necesidade de responder de xeito firme e articulado ás innumerables agresións que está a sufrir o noso territorio, aos ataques que pretenden borrar a nosa identidade, ás accións encamiñadas a extorsionaren os recursos naturais que lles debemos ás novas xeracións e ás políticas guiadas polos intereses privados e especulativos do poder económico que tentan arrebatar a representación social nas decisións políticas que a todos nos incumben.
Cremos que é hora de reaccionar ante esta desfeita e de expresar nun movemento común o que moitos colectivos, organizacións e particulares están demandando de xeito illado desde hai xa moito tempo. Ao lado dos manifestos e das tradicionais manifestacións como forma de presión, debemos artellar mecanismos novos de mobilización colectiva e de persuasión social e individual, incluído o ciberactivismo, para podermos cambiar o desafortunado rumbo que levan as cuestións medioambientais e culturais na nosa Terra.
Aínda que a Campaña en defensa do Territorio está promovida por ADEGA, a iniciativa está chamada a recoller e a xuntar cantas vontades ecoloxistas, académicas, sindicais, agrarias, sociais, culturais, políticas, profesionais ou veciñais sexan críticas coas actuais prácticas destrutoras do territorio e a facerse eco de cantas voces propoñan alternativas de xestión e de ordenación territorial máis xustas e máis sostibles ambiental e economicamente.
Sería unha honra para nós que vostede estivese presente no acto de lanzamento da campaña que consistirá na lectura do Manifesto en defensa do territorio. Agradecémoslle que nos confirme a súa participación coa máxima brevidade posible no correo electrónico culturaeterritorio@adega.info ou no teléfono 982-240299. Como sempre, á súa disposición: ADEGA.