Lalín: actividades do fin de semana na Feira do Libro

Remata a Feira do Libro de Lalín (na Praza da Igrexa) neste fin de semana, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.

Das actividades do sábado 14 destacamos as seguintes:
12:00 h. Charla e coloquio coa escritora Fina Casalderrey, Premio Nacional de Literatura Infantil co tema: O tempo libre e os libros. Ao remate, a escritora asinará exemplares dos seus libros.
13:00 h. A escritora Gracia Santorum fará a presentación de Abelcebú, do escritor de Lalín Carlos Negro, publicado por Edicións Positivas. No acto, xunto co autor do libro, estará presente o director da editorial, Paco Macías.
13:45 h. Charla coloquio: A literatura galega dende o Deza, coa participación dos escritores da comarca Gonzalo Navaza, Xosé Vázquez Pintor, Ignacio Vilariño e Alba Payo Froid. O moderador será Carlos Negro. Ao remate do acto os escritores asinarán exemplares dos seus libros.

E do domingo 15, último día da Feira, destacamos:
12:00 h. Presentación do libro A cociña de Larpeiros 2, de Benigno Campos, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participará no acto o xornalista gastronómico Miguel Vila e o representante da editorial, Xulio Amigo.
13:00 h. Cunqueiradas. Monólogo humorístico do actor e autor teatral Cándido Pazó, sobre textos de Álvaro Cunqueiro.

A Coruña: Encontro Cen anos con Cunqueiro da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, do 13 ao 15 de xullo

A Universidade Internacional Menéndez y Pelayo organiza o Encontro Cen anos con Cunqueiro, que se celebra do mércores 13 ao venres 15 de xullo na Coruña. Para información, matrículas e bolsas, os interesados pódense dirixir á Secretaría de Alumnos do UIMP (Rúa San Francisco, s/n. Fundación Luís Seoane, 2º andar), 15001, da Coruña (teléfono 981-140830, fax 981-140825, correo electrónico: galiciasa@uimp.es). O importe da matrícula será de 129 euros (para o alumnado universitario haberá unha redución do 50%). Estará dirixido por Carlos González Reigosa, tendo como secretaria a Clara García Folgueira.

“Hai cen anos que naceu en Mondoñedo (Lugo) o escritor Álvaro Cunqueiro, autor dunha obra que retrata con incomparable riqueza toda a maxia e a realidade da súa terra e, á vez, do Ocidente que a contén. Ningún outro escritor soubo mostrar como el, en creacións certeiras e case sempre poéticas, a alma de Galicia, mediante un xogo de espellos culturais que, paradoxalmente, atinan a reflectir o menos visible, e, á vez, o máis profundo do noso ser. Os seus poemas, novelas, pezas dramáticas e artigos teñen en común unha visión poliédrica que, literariamente ensamblada, nos ofrece un mundo propio paradoxalmente moito máis verdadeiro e completo -e tamén máis revelador e máis desvelado- que o que comunmente temos por real.”

O programa está formado por:
* Mércores 13:
10:00 h. Introducción á vida e obra de Cunqueiro, por Carlos G. Reigosa.
– 12:00 h. Álvaro Cunqueiro en mi experiencia literaria, por Luis Mateo Díez.
– 17:00 h. La poesía de Cunqueiro, por César Antonio Molina.
* Xoves 14:
10:00 h. Álvaro Cunqueiro, un escritor nos xornais, por Víctor F. Freixanes.
– 12:00 h. El humor en la obra de Cunqueiro, por Marina Mayoral.
17:00 h. Álvaro Cunqueiro e o teatro; por Inmaculada López Silva.
* Venres 15:
10:00 h. Álvaro Cunqueiro, narrador, por Dolores Vilavedra Fernández.
12:00 h. Cunqueiro e familia: a cociña e outras estancias, por Domingo Villar.
17:00 h. Poética e poesía de Álvaro Cunqueiro, por Arcadio López Casanova.

Ourense: conferencia de César Cunqueiro sobre Álvaro Cunqueiro ou a literatura do paraíso

O xoves 5 de maio, a partir das 20:15 h., na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, remata o IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, organizada pola Sección de Literatura desa entidade, con Álvaro Cunqueiro ou a literatura do paraíso, a cargo de César Cunqueiro. Deixamos aquí este .pdf coa programación completa: Ciclo Visións de Galicia Liceo de Ourense.

Ourense: conferencia Cunqueiro, narrador, de Dolores Vilavedra

O luns 2 de maio, a partir das 20:15 h., na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, comeza o IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, organizada pola Sección de Literatura desa entidade, con Cunqueiro narrador, a cargo de Dolores Vilavedra. Deixamos aquí este .pdf coa programación completa: Ciclo Visións de Galicia Liceo de Ourense.

Ourense: conferencia de Xesús Alonso Montero sobre Álvaro Cunqueiro xornalista

O venres 29 de abril, a partir das 20:15 h., na Aula de Cultura do Liceo de Ourense, comeza o IX Ciclo de Conferencias Visións de Galicia, organizada pola Sección de Literatura desa entidade, con Álvaro Cunqueiro xornalista, antes e despois de 1936, a cargo de Xesús Alonso Montero. Deixamos aquí este .pdf coa programación completa: Ciclo Visións de Galicia Liceo de Ourense.

Mondoñedo: exposición No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro

O venres 15 de abril, ás 13:00 h., no Auditorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo, inaugúrase a exposición No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro, organizada pola Editorial Galaxia, a Fundación Penzol e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Mondoñedo.

A Coruña: recital Cinco poetas con Cunqueiro

O domingo 10 de abril, a partir das 19:00 h., na Taberna de Cunqueiro (Rúa da Estrela, 22) da Coruña, e con entrada libre, finaliza o ciclo Cinco días con Cunqueiro, organizado pola Concellaría de Cultura da cidade en homenaxe ao autor mindoniense, do que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento, co recital Cinco poetas con Cunqueiro, coa participación de Yolanda Castaño, Antón Reixa, Xavier Seoane, Lino Braxe e Rómulo Sanjurjo, unindo poesía e música.