Compostela: Xornada Kathleen March, ler como feminista, o xoves 27 de outubro

O xoves xornada-kathleen-march-ler-como-feminista-2016-1-127 de outubro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela, terá lugar a Xornada Kathleen March, ler como feminista.
A inscrición pode facerse aquí.

Kathleen Nora March (Rochester, NY, 1949) é catedrática emérita de Español na University of Maine. En 1975 veu a Galiza para investigar sobre a poesía de Manuel Antonio e aquí quedou prendida, galega por elección. Logo virían estudos sobre Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo, Xohana Torres e tamén Rosalía, que nos ensinou a ler como a literata consciente que foi, en diálogo permanente co pensamento e coa literatura universal do seu tempo.
As súas traducións de Cunqueiro, Rosalía e Otero Pedrayo son outra faceta dun traballo académico imprescindíbel, que axudou á proxección da literatura galega no ámbito anglosaxón.
Nos anos 80 fundou e presidiu a Galician Studies Association (a actual Asociación Internacional de Estudos Galegos), unha ferramenta para impulsar os estudos galegos na academia norteamericana, sentando as bases para a súa posterior expansión no ámbito internacional.
Coñecermos mellor o seu traballo e pór en valor os seus contributos son os obxectivos dunha xornada que pretende tamén proxectar cara ao futuro un legado intenso e vivo: o de Kathleen March, galega, feminista, universal.

PROGRAMA

xornada-kathleen-march-ler-como-feminista-2016-programa

A Sega: Letras de muller

ArtigoA Sega en Cultura Galega:
“Este 28 de febreiro cumpriu tres anos de existencia A Sega. Esta plataforma de crítica naceu coa intención de facer visible o traballo das mulleres no campo das letras e de achegar unha perspectiva feminista sobre a nosa literatura. Desde entón, o seu traballo avanzou cara a outros ámbitos como a celebración do Día das Galegas nas Letras. Continuamos a nosa serie sobre a presenza da muller na nosa cultura.
“A iniciativa foi fundamentalmente de María Reimóndez, que nos escribiu un correo a xente da creación e da crítica literaria con certa sensibilidade feminista”, explica Lara Rozados, unha das compoñentes do grupo. “A intención era facer unha plataforma de crítica literaria a través de Internet”. Ao grupo inicial fóronse incorporando novos nomes ata, na actualidade, concentrar colaboracións de Ánxela Lema París, Verónica Martínez, Ana I. Morales, Andrea Nunes Brións, Andrea Ruthven, Eli Ríos, Susana Sánchez Arins, Beatriz Suárez Briones e Lau Ríos, ademais da propia Lara Rozados e de María Reimóndez. No grupo atópanse perfís de filólogas, tradutoras, profesoras universitarias, poetas, xornalistas, e mesmo unha lectora adolescente. O equipo complétase con Lucía López, responsable da programación web.
Necesidade
Segundo explica o propio texto de presentación do colectivo, “A Sega nace do exercicio de observar un panorama da crítica caracterizado polos silencios das voces das expertas, por lecturas sen explicitación da posición, pola falla de análise crítica dos textos das autoras. O tempo é chegado de okupar con enerxía o espazo público para que as lecturas críticas adopten voces ás que non se lles deu ata o momento nin visibilidade nin autoridade”. Segundo explica Lara Rozados, esta problemática non é específica deste ámbito nin da nosa cultura. “No campo literario, ao igual que en moitos outros, a obra das mulleres está infrarrepresentada. É unha parte moi pequena do que se estuda e sobre o que se fai crítica”, explica. “Ademais, as visións sobre as obras escritas por mulleres non teñen unha óptica feminista, senón que parten de visións paternalistas que as ollan como un subxénero ou se campo. Deste xeito, incardínase como literatura de muller unha serie de campos e de tópicos”. Ante esta situación, a necesidade dunha plataforma para potenciar a crítica feminista nas nosas letras “era unha perspectiva totalmente necesaria, non só na literatura, senón tamén na crítica cinematográfica, teatral e cultural en xeral. Do que se trata é de rachar a autoridade patriarcal neste campo, o feito de que en xeral os que opinan e teñen autoridade para o facer son homes. Na academia, entendida no sentido máis amplo, os opinadores seguen a ser homes. Reclamamos o dereito a falar desde nós mesmas e sobre nós mesmas, cunha perspectiva claramente feminista”. (…)”