Santiago: obradoiro de escritura creativa na Fundación Granell, dirixido por Antía Otero

“Este obradoiro artístico–literario, coordinado por Antía Otero, está dirixido *s interesad*s na literatura en xeral, con independencia do xénero no que acostumen traballar. O seu obxectivo básico é o de achegar *s participantes ao entramado literario dende unha visión contemporánea e actual, facendo fincapé na construcción do texto. Coa mestura da teoría e da práctica, buscarase aportar chaves que axuden á elaboración de textos partindo da mirada propia de cada participante. A primeira clase será de portas abertas e gratuita. Cada alumn* terá dereito a dúas titorias individuais.
Os obxectivos son:
– Camiñar entre o abstracto e o concreto.
– Traballo de ritmos e tonos.
– De John Cage ao lenzo en branco.
– A personalización do tema.
– Entre o eu e os personaxes.
– O tempo da acción.
– O conflito.
– A presenza do adxectivo.
– Metáforas.
– Tallar un texto: como Miguel Anxo dentro do bloque… atopar a escultura.
– Do literario ao interdisplinar: materializándonos a través das palabras pero tamén a través das imaxes, a pintura, a fotografía, a música, o cine…
– Comentario e lecturas de textos de diferentes autores e autoras referentes da literatura contemporánea galega e internacional.

Horario e datas:
Horario: xoves de 18:00 a 20:00 horas.
Datas: outubro: 17, 24, 31; novembro: 7, 14, 21, 28; decembro: 5, 12, 19.
O martes 15 de outubro de 18:00 a 20:00 horas, xornada de aula aberta, entrada libre.
Duración: 20 horas.
Prazas: máximo 10 persoas por grupo.
Prezo: 50 euros mensuais.

Matrícula:
Museo-Fundación Eugenio Granell (Pazo de Bendaña, Praza do Toural s/n, 15705), Santiago de Compostela.
Teléfonos 981572124 e 981576394, fax 981564069.
E-mail: didactica@fundacion-granell.org
Web: Fundación Granell.
Máis información: info@antiaotero.com.

A Coruña: obradoiro O ollo da arte, dirixido por Antía Otero

O ollo da arte é un obradoiro de creación artística contemporánea impartido por Antía Otero, onde as persoas participantes poderán coñecer, descubrir e valorar o feito contemporáneo e a creación actual a través dunha mirada propia. Para participar non se precisa ningunha experiencia previa e está destinado a todas as persoas que están interesadas no feito artístico, xa sexa desde o punto de vista do espectador como da acción. Neste obradoiro crearase un espazo de convivencia ao redor da teoría e da práctica propoñendo ferramentas que axuden ao descubrimento do propio proceso artístico e fomentando o desenvolvemento das capacidades e habilidades artísticas de cada participante. Buceando en disciplinas moi diversas que van desde a fotografía ao collage, ou do video á arte urbana, pasando por outras como a performance ou o cinema experimental, en O ollo da Arte plantexamos un programa aberto que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ampliar referentes sendo máis conscientes do acto creativo, da experiencia, do debate e da aprendizaxe grupal.
Tod@s aqueles e aquelas que cursen O ollo da Arte I no primeiro cuadrimestre poderán continuar a experiencia no Ollo da Arte II. Laboratorio de Creación durante o segundo cuadrimestre. Entre outras cuestións, afondaremos nos contidos iniciados na primeira parte e plantexarase un laboratorio de creación, coa fin de crear un marco idóneo no que cada participante poida transitar os seu propio proceso artístico. Os traballos resultantes serán presentados a finais de xullo nunha Mostra aberta ao público en NORMAL.
Pódese coñecer un pouco máis de preto o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo…

Datas: todos os luns entre o 14 de outubro de 2013 e o 10 de febreiro de 2014.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: aula de obradoiros de NORMAL.
Prezos: 35€ comunidade universitaria da UDC (25€ en segunda matrícula) / 55€ público xeral (45€ en segunda matrícula)
Créditos solicitados: 2 créditos libre elección (plans antigos), 1 crédito recoñecemento (plans novos)
Participantes: un mínimo de 8 e un máximo de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 18 de setembro até o 7 de outubro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña, seguindo estas instrucións:
• elixa o obradoiro no que quere inscribirse.
• prema en “ver máis”.
• siga a ligazón “inscrición”.
• seleccione o xeito de pagamento e confirme.

Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensión 4502 Mail: info@istoenormal.org
Área de Cultura. Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña.
TF: 981 167 000, extensións 1954 e 1962 Mail: cultura.coruna@udc.es

A Coruña: recital poético Fotomecánicas baixo palabra, con Antía Otero e Dores Tembrás

“O venres 13 de setembro, ás 20:30 horas, en The Room (Rúa Santiago, 7) da Coruña, terá lugar o recital poético Fotomecánicas baixo palabra, artellado por Antía Otero e Dores Tembrás que, nas súas poéticas tanto individuais como compartidas, xirarán ao redor do verso e o reverso, do oco e a forma, o positivo e o negativo, da materia e o baleiro, do cuarto escuro, a luz vermella, as sombras que desvelan o espazo en off… Ese inventario de tecidos e papeis salgados na vertixe polo encontro. No evento contaremos co convidado especial Federico Flesfa Dublé ou Roberto Casteleiro (Koroiev, Fagot y Popota, Krkt, Primrose) tamén coñecido como o enxeñeiro-poeta creador do “bricotrance”, xénero musical do-it-yourself de construción en vivo de loops, que co emprego de instrumentos acústicos e electrónicos, algunhas cousas do fogar e de altas doses de imaxinación para a creación sonora, semella ser unha proposta fora do común, non só pola cuestión da construción, do facer musical, senón tamén pola narrativa e a poética dos temas. No evento aproveitaremos tamén para anunciarvos a convocatoria dos obradoiros de creación poética que no primeiro trimestre impartiremos en The Room.”

A Coruña: Revelar para rebelarse: escribir neste tempo, obradoiro de creación poética con Antía Otero

“Achegarse ao feito literario facendo fincapé no poético. Arrincar o medo á palabra, desbloquear a escrita. Atopar a voz propia e afrontar a rebelión do texto. Revelar o entramado poético dende unha visión lúdica, interdisciplinar e contemporánea. Colocar o poético en relación co interdisciplinar: cinema, música, artes plásticas. Bucear nas propias creacións ao redor da imaxinación, a escoita, o concreto, o diálogo, o eu, o contorno, a periferia, o tempo, o espazo, o silencio. Escoitar o proceso. Aportar chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora do cotián, do preciso, do inmediato… facendo fincapé na grandeza do poético.
Escribir para revelar e rebelarse.

Bloques temáticos:
1.- Cartografías do Eu.- Margarite Duras, Boris Vian, Silvia Plath, Tess Gallagher, Lois Pereiro.
2.- A cidade na presión do tópico.- Paul Éluard, Jean-Luc Godard, José Luis Guerín, Sophie Calle.
3.- Road Movie.- Win Wenders, Nick Cave, Antonio López.
4.- O silencio.- John Cage, Kazuo Ohno, O paseo sonoro.
5.- Diálogo continuo. Entre a tradición e o contemporaneidade.
6.- Formatos Rebelados.- Videoarte, Videopoemas, Espazos -trans, Escrita dixital.

** Ademáis das clases, cada alumn@ terá a oportunidade de recibir tres titorías personalizadas ao longo dos tres meses de duración do obradoiro.
** O día 2 de outubro de 20:00 a 22:00 horas comezamos facendo a primeira aula dun xeito completamente gratuíto. Podes vir, probar e, só se che gusta, quedar.

Duración: Trimestral (outubro, novembro, decembro).
Imparte: Antía Otero.
Días e hora: Mércores de 20:00 a 22:00 h.
Lugar: The Room (Rúa Santiago, 7 – 15001 – A Coruña)
Prezo: 60 euros ao mes.

Máis información, cuestións e matrícula en: obradoiroantiaotero@gmail.com.

Vigo: VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade: Unha outra literatura para un outro tempo

Do 26 de setembro ao 7 de novembro terá lugar o VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Unha outra literatura para un outro tempo, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
Terá lugar a partir das 12:00 horas dos días sinalados, no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución.

26 de setembro. Narrativa.
Ser ou non ser posmoderno? As oportunidades perdidas e os ciclos pechados. Con Alberto Lema e Samuel Solleiro.
Sobre a relación coa posmodernidade.

3 de outubro. Poesía.
Furia estratéxica para un tempo salvaxe? Precariedade e poesía. Con Berta Dávila e Gonzalo Hermo.
Da incidencia da situación económica e política no modo en como se concibe o discurso poético.

7 de novembro. Teatro.
Teatro impuro para tempos bastardos. Con Antía Otero e Vanesa Sotelo.
Sobre o hibridismo de linguaxes nas novas tendencias escénicas.

Santiago: recital colectivo Ollando fóra

A Casa das Crechas (Vía Sacra, 3), en Santiago de Compostela, organiza dúas sesións de recitais Ollando fóra. Poesía galega para galeg*s de adopción, a partir das 20:00 horas.
– O martes 9 de xullo participan Branca Novoneyra, Olalla Cociña, Antía Otero, Lorena Souto, Mario Regueira, Ismael Ramos, Estevo Creus e Lucía Novas.
– O mércores 10 de xullo participan, na segunda sesión, Naír García Abelleira, Chus Pato, Francisco Cortegoso, Antón Lopo, Agustín Delicias, Alicia Fernández, María do Cebreiro, Alba Cid e Andrea Nunes.

A Coruña: recital poético como feche do obradoiro A escrita do poema, dirixido por Dores Tembrás

O xoves 20 de xuño, ás 19:30 horas, na Biblioteca do Centro Ágora da Coruña, con motivo do feche do obradoiro A escrita do poema: da técnica ao sen alento, guiado por Dores Tembrás, os asistentes a este curso, organizado pola Escola de Escritor@s da AELG, amosarán algúns dos textos froito das sesións previas no recital de clausura da actividade. Ponse así o ramo a uns encontros onde o traballo coa palabra poética volveu poñer de relevo algunhas das chaves precisas para a construcción do poema. A entrada é libre e gratuíta.
Neste acto de clausura, con entrada libre, estará a Vicepresidenta da AELG, a poeta Antía Otero.

A Escola de Escritoras e Escritores da AELG é unha iniciativa que ten como obxectivo, cos autores/as como guías, transmitir a experiencia da paixón do acto de crear:
• afondando nos motivos que alimentan a literatura
• proporcionando estratexias para a escrita de ficción
• destacando o desenvolvemento da capacidade de observación, reflexión e intercomunicación, no propio interior e na relación que mantemos coa realidade
• partillando orientacións e metodoloxías de achegamento literario para a mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega de hoxe
• concienciando a sociedade da necesidade de estimulación creativa na escrita que complemente a formación do individuo
• poñendo en valor as olladas subxectivas xeradoras de materia prima literaria
A Escola de Escritoras e Escritores da AELG basea a súa actividade na impartición, por concellos de todo o país, de obradoiros, que terán diversos formatos en canto a xéneros literarios, contidos temáticos, idade dos destinatarios…

Vídeos da Gala das Letras 2013 (VIII): entrega dos premios ás Institucións e encerramento do acto

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou o 4 de maio, no Centro Ágora da Coruña, a Gala das Letras 2013.
Seguimos dando a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.

– Entrega do premio ás Institucións, coa intervención de Xosé Manuel Sánchez Rei en representación de todas as entidades premiadas. Pódese ver nesta ligazón.
– Encerramento da Gala das Letras 2013, por Antía Otero. Pode verse aquí.

Vídeos da Gala das Letras 2013 (II): entrega dos premios de Literatura Infantil e Xuvenil a Ledicia Costas e Xornalismo Cultural a Ana Romaní

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou o 4 de maio, no Centro Ágora da Coruña, a Gala das Letras 2013.
Seguimos dando a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.

– Intervención de Ledicia Costas, como gañadora do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil. Pódese ver nesta ligazón.
– Intervención de Ana Romaní, que recibiu o Premio de Xornalismo Cultural, desde aquí.

Vídeos da Gala das Letras 2013 (I): Presentación de Antía Otero e Discurso da Presidencia da AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou o 4 de maio, no Centro Ágora da Coruña, a Gala das Letras 2013.
Desde hoxe damos a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.

– Presentación de Antía Otero. O vídeo pode verse nesta ligazón.
– Discurso de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. O vídeo pódese visualizar aquí.