Tabela dos libros. Febreiro de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro lunes de mes, chega a nova Tabela dos libros do 2019, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos, e así sucesivamente.

Tabela dos libros. Xaneiro de 2019

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a primeira Tabela dos libros do 2019, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. ¡Boas lecturas e feliz ano!”

Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos, e así sucesivamente.

Fernando Epelde e Rafa Vilar, gañadores da I edición dos Premios SELIC de creación literaria

Desde o Concello de Santiago:
“A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, deu conta do fallo do xurado dos I Premios SELIC, “convocados para incrementar a presenza de Santiago na literatura escrita en galego, posto que un dos requisitos das bases é que as obras presentadas teñan a Compostela como marco de acción ou referencia fundamental”. A edila lembrou que os premios teñen unha dotación de 2.000 euros cada un, e as obras serán publicadas na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
Teatro
Na categoría de textos teatrais, o I Premio SELIC foi para a obra Realness, presentada por Fernando Epelde García baixo o lema “Polari”. Do texto, o xurado destacou que “é unha obra que crea unha atmosfera rica, atractiva e suxestiva; e cunha escrita limpa e puída que permite unha lectura áxil que narra o enfrontamento entre a lei e a liberdade”. Salienta tamén que o texto “presenta unha frescura e unha actualidade chea de conversas disparatadas e interesantes, con personaxes que se expresan con naturalidade e formula interrogantes sobre a identidade sexual das persoas”.
Poesía
Na categoría de poesía, o I Premio SELIC foi para a obra A cidade e a chuvia, presentada baixo o lema “Enheduanna” por Rafa Vilar. O xurado destaca do texto que “evoca a alma interior e a identidade de Santiago nun traballo sensitivo, delicado e cheo de matices”. A obra “describe a necesidade da chuvia cunha elegante composición de versos moi medidos, que precisan dunha lectura lenta, e que reflicten á perfección o paso das estacións, a mutabilidade da vida na cidade”. Segundo o xurado, Rafa Vilar converte cada poema “nunha declaración de amor a Compostela, cidade soñada, imaxinada, onírica”. (…)
O xurado que seleccionou as obras gañadoras do I Premios SELIC de creación literaria estivo integrado por Paula Carballeira, Antón Lopo, Montse Dopico, Xavier Lama e Lupe Gómez.
Así o acordou o xurado dos galardóns, que decidiu deixar deserto o premio na categoría de narrativa.”

Antón Lopo recibe o Premio Repsol 2018

Desde Galaxia:
“Na noite do luns 3 de decembro, Antón Lopo recollía na Coruña o Premio de Narrativa Breve Repsol 2018, que lle foi outorgado pola súa nova novela: Extraordinario.
No acto, que tivo lugar na sede coruñesa da Fundación Paideia Galiza, estiveron presentes o secretario xeral de Politica Lingüística, Valentín García Gómez, o director da Área Institucional da Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez Villanueva, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. Presentado por Doda Vázquez, presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, houbo tamén espazo para a música, que desta volta correu a cargo de Davide Salvado.
Deste xeito, Antón Lopo recibiu o cheque por valor de 12.000 euros, o obsequio conmemorativo desta XII edición do premio e presentou tamén a obra editada na nosa colección Literaria, que está xa nas mesas de novidades das librarías galegas.
Extraordinario é unha novela sobre as relacións familiares e o amor, pero tamén sobre a aprendizaxe de vivir, a identidade, a liberdade e o pracer. A obra comeza cando o protagonista debe axudar a súa irmá nos coidados da nai, unha muller de carácter inestable coa que el rompeu toda relación hai máis de trinta anos. A viaxe que emprende non é só á cidade da súa infancia e ao hospital, onde operaron a nai dunha rotura de fémur, senón tamén a un pasado que segue sen resolverse. Narrada como os alustros dun faro sobre a escuridade da noite, Extraordinario posúe unha eficacia narrativa asombrosa, con personaxes que se gravarán na nosa memoria en trazos indelebles, ademais de xogos conmovedores de ironía e humor. Quen entre neste libro non poderá saír ata absorber a última palabra.”