“Vivimos unha época na que o poder tenta que os parias sexan máis parias e máis derrotados”

Desde Praza:
“”Canto se bota de menos a Vidal Bolaño! Porque dende logo el non ía estar calado diante desta situación nin ía deixar de facer teatro. E se cadra sacaba o nariz de pallaso que lles di aos poderosos o que os demais calamos”. Fala Belén Quintáns, unha das impulsoras da Asociación Roberto Vidal Bolaño que se presentará publicamente este marrtes ás oito da tarde no Teatro Principal de Compostela. Estamos no ano Vidal Bolaño, no que se lle dedica a celebración das Letras Galegas, e un ano ademais no que a lingua e cultura galegas e as artes escénicas se revolven contra os ataques e o trato inxusto recibido dende o Goberno galego.
A asociación leva meses traballando na súa posta en marcha, da man de Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro, Camilo Franco e a propia Belén Quintáns. Nesta segunda fase incorpóranse Antonio Durán “Morris”, o titiriteiro Jorge Rei, Antón Dobao, Luis Rei e Luciano Fernández -en representación do colectivo Land Rober de programadores culturais-, Roberto Pascual -xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia-, Manuel Guede -director do CDG-, Laura Ponte e un representante da Federación Galega de Teatro Amateur. A asociación nomeará Presidente de Honra da Asociación ao estudoso do teatro e da obra de Roberto Vidal Bolaño Manuel Quintáns Suárez.”