Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para os 3 e 4 de xullo

O 4 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 3
12:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
12:00 h. Óscar Senra Sete dias com Elisa, publicado por Através.
18:00 h. Paco Nogueiras e Marc Taeger asinan Extra!, publicado por Kalandraka.
19:00 h. Bea Gregores asina Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa, obra de María Canosa, da que é ilustradora, publicada por Bululú.
20:00 h. Rexina Vega asina O estado intermedio, publicado por Galaxia.
20:00 h. Carlos Méixome asina Catas na memoria, publicado por Laiovento.

Domingo 4
18:00 h. Victoria García (autora) e Laura Cortés (ilustradora) asinan As formiguiñas filandeiras, publicado por Hércules.
18:00 h. Xulia María Barros asina A árbore dos vagalumes, publicado por Belagua.
19:00 h. Antonio Tizón asina Os incurábeis, publicado por Xerais.
19:00 h. Raquel Miragaia asina Tempo Tardade, publicado por Através.
20:00 h. Manel Monteagudo asina De mariño a poeta, publicado por Medulia.

Ourense: actividades destacadas do 4 de xuño na Feira do Libro 2021

O 4 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. David Navarro asina O soño de Liam, publicado por Excellence Editorial.
19:00 h. Arancha Nogueira asina A mestra corremundos, publicada por Cuarto de inverno, e #hashtags para un espazo / confinamento agónico, publicada por Positivas.
20:00 h. Antonio Tizón asina Os incurábeis, publicado por Xerais.
21:00 h. Jorge Emilio Bóveda asina O libro cero, publicado por Galaxia.

“Máis que palabras. Rescata cultura”. Campaña para conseguir a adaptación da novela Os incurábeis de Antonio Tizón para podcast ou radionovela

Desde Radiofusión:
“O efecto bolboreta perséguese coa acción denominada “Máis que palabras. Rescata cultura”. A túa colaboración permitirá producir a adaptación da novela Os incurábeis de Antonio Tizón para o formato podcast ou radionovela. Serán actores e actrices profesionais os que se encarguen dese traballo e queremos retribuír o seu labor. Por cada 140 “teamers” que logremos (estimando que cada un deles doará un euro ao mes durante un ano) estaremos reunindo o orzamento necesario para afrontar a produción dun mes, de 22 episodios da obra. Radiofusión encárgase da coordinación e da emisión do programa sen cobrar nada. Non hai gastos de estrutura, nin gastos bancarios nin da plataforma teaming. O euro co que ti colaboras  en https://www.teaming.net/radiofusion irá integramente para pagar á xente do mundo do teatro que participe na iniciativa. Como dicía Mario Benedetti: “É lindo saber que vostede existe”.”

“Unha novela mulata”

Desde Radiofusión:
Os incurábeis (Ed. Xerais) é a terceira novela de Antonio Tizón e forma parte dunha pentaloxia que tenta abordar a enfermidade mental a través da literatura, a través da novela negra ou policial. Todas elas son independentes. Pódense ler sen necesidade de lelas todas pero o autor recomenda facelo. O seu obxectivo ao encarar este proxecto literario é amosar unha imaxe real da enfermidade mental e desmontar os prexuízos que existen sobre ela. “A xente tende a pensar que os enfermos mentais son violentos, perigosos e mesmo bohemios” afirma Antonio Tizón. Nas cinco novelas el quere abordar diferentes perspectivas que dean unha visión real da doenza mental, un compromiso persoal porque el é un enfermo mental.
Tizón escolleu o xénero negro para abórdalo. Quixo facelo dun xeito entretido e ameno dende un punto de vista literario. Explícanos que enfermidades como a esquizofrenia ou o trastorno bipolar son incurábeis pero, se teñen diagnóstico e tratamento, pódese levar unha vida normal. A base é farmacolóxica nos casos graves e crónicos e mesmo son necesarias terapias complementarias como ter unha vida ordenada ou un entorno agradábel. O gran problema, afirma, é que cando o doente se encontra ben e deixa a medicación porque as recaídas traen problemas.
Entrando na novela que nos reúne nun novo club de lectura, Os incurábeis, vemos ao inspector Sánchez de novo no barrio dos Castros da Coruña tentando resolver un asasinato. “Hai moito autobiográfico pero tamén moita ficción” apunta o escritor. Corenta bares da Coruña que aparecen na obra son reais, personaxes ben coñecidos tamén, outros existen con nomes cambiados. “Busco a mistura, é algo intencionado. Xogo coa meta-literatura e a autobiografía”. Para Antonio Tizón o autobiográfico non ten porque ter menos calidade xa que sempre hai aspectos que interesan para a narración, sempre que se pasen polo filtro da literatura. “Hai que ter coidado en como se construe o relato, todas as vidas son interesantes pero hai que contalas ben”.
O podcast pode escoitarse aquí.”

Feira do Libro da Coruña 2020: actividades destacadas do 3 de agosto

O 3 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

13:00 h. Antonio Tizón asina Un home estraño, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
18:00 h. Estefanía Padullés asina Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules.
19:00 h. Antonio Piñeiro asina Celada, publicado por Xerais.
20:00 h. Xavier Castro asina Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. (Séculos XIX e XX), publicado por Galaxia.
20:00 h. Manuel Pérez Lourido asina Pásame un cabalo polo peito, publicado por Urutau.
20:00 h. Laura Romero e Iria Pedreira asinan Ferreñas e rock and roll, publicado por Baía.

A novela A antesala luminosa de Antonio Tizón convértese en serial radiofónico

Desde Xerais:
“Desde o 1 de xuño, Radio Fene está emitindo o serial radiofónico titulado O caso de Gustavo Gallego. Este serial, que consta de doce capítulos, está guionizado por Antonio Tizón a partir da súa novela A antesala luminosa e realizado polo grupo de teatro afeccionado “A Tenencia”, dirixido por Eugenia Sanmartín.
Os capítulos emitidos poden escoitarse en Radiofusión á carta.”

Non hai espellos nos manicomios, unha historia de superación

Desde Sermos Galiza:
Non hai espellos nos manicomios é unha obra multimedia arredor da historia de superación persoal do escritor Antonio Tizón, diagnosticado cun trastorno bipolar. A parte audiovisual ten na dirección a Aser Álvarez (Arraianos Producións) e a música orixinal foi realizada por Miro Casabella.
A iniciativa xurdiu para dar saída a unha idea persoal de Tizón: “Xa levo varios anos con este proxecto, que é máis ambicioso”. A obra completa pasa por un conxunto de cinco novelas, das que xa foron publicadas dúas en Xerais: A antesala luminosa e Un home estraño. A seguinte verá a luz o ano que vén. “Aspiro a facer un proxecto completo, que teña unha dimensión social e artística”, pois como afirma o escritor a Nós Diario, a literatura “non ten por que ser útil, pero se o é, moito mellor”.
Nun comezo, a iniciativa ía ser un poemario con CD e música, acompañado dunha longametraxe de ficción. Porén, as restricións temporais, que condicionaron a realización a mes e medio, obrigaron a facer un libro máis sintético e transformaron o filme nun documental autobiográfico de 18 minutos. Un relato en primeira persoa, “desde a honestidade e moi artesanal”, comenta Álvarez. A escolla deste formato, segundo explica, foi que o tema “se presta a unha achega multidispciplinar, na que cada medio aporta unha dimensión distinta”.
Para alén de se enmarcar nunha folla de ruta máis ampla para Tizón, Non hai espellos nos manicomios seguirá “alimentándose e medrando”, sinala Álvarez. Quedan aínda pendentes por colgar na rede algúns materiais extras que non entraron no documental. Ademais, a idea tamén inclúe realizar unha peza máis longa e que sexa propiamente transmedia.
Álvarez considera fundamental contar esta historia para concienciar a sociedade en xeral e para que as persoas que padecen algunha enfermidade mental teñan “ese espello que non existe nos manicomios”. A vida de Tizón convértese de tal xeito nun referente de como vivir con ese “problema que non ten cura”, advirte Álvarez, un reflexo que demostra que “se pode ter unha vida plena”. Ese é o obxectivo de Tizón, que manifesta expresamente do seu relato que “o termo superación non equivale a curación, senón que ten máis que ver coa normalización e a integración”.”