Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“(…) Tras acomodarme no cuarto da Residencia de Investigadores, fun ao encontro da causante de que alí estivese, a profesora Malores Villanueva, unha das máis brillantes estudosas da súa xeración, docente nos últimos anos na Universidade de Barcelona.
Agardábame unha gratísima sorpresa: Malores non esperaba soa, acompañábana outras dúas colegas, amigas de meu dende hai anos, as tamén docentes Helena González e María Xesús Lama. Todos catro compartimos conversa e tivemos ocasión de nos poñer ao día de non poucas cuestións de grande interese para o bo goberno da literatura e, particularmente, da crítica galega.
Á tarde, 18:00 h., achegueime ata o Edificio Josep Carner da UB para impartir unha conferencia aos universitarios sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, sobre quen tivera a oportunidade de ver unha moi interesante exposición preparada na biblioteca da Facultade de Filoloxía pola profesora Villanueva.
O relatorio
discorreu placidamente e conseguimos crear un ambiente de franco e ilusionante diálogo entre o público asistente e os que na mesa estabamos; a saber: Villanueva, quen oficiou de presentadora e moderadora do acto, o profesor Basilio Losada, por quen tiven a honra de ser presentado e a quen puidemos oír valiosos xuízos a propósito da figura e importancia de Díaz Castro, e eu mesmo, que intervín por espazo dunha hora ante un auditorio no que se contaban, amais de activos e ben formados alumnos, compañeiros de oficio como a referida Mª Xesús Lama, Joaquim Ventura ou Camilo Valdehorras.
A sesión completouse cun amplo recitado dos versos de Nimbos por parte de varias alumnas e alumnos da Secció de Estudis Gallecs i Portuguesos, momento en que compareceu outra das agradables sorpresas do día: un deses discentes, o médico Xavier Sierra Valentí, achegou o recitado dos poemas diazcastrianos traducidos ao catalán, ofrecendo aos presentes unha copia encadernada dunha xenerosa escolma das composicións vertidas á lingua de Llull, traballo que se suma, así, e completa o que hai anos levara a cabo impecablemente Vicent Berenguer por dúas veces (1995 e 1997). (…)”
Arquivos da etiqueta: Armando Requeixo
Betanzos: conferencia de Armando Requeixo sobre Díaz Castro e proxección de O instante eterno
Entrevista a Armando Requeixo sobre Xosé María Díaz Castro
Armando Requeixo: “Galicia é, en Díaz Castro, cadro costumista, abeiro vital do poeta e patria asoballada”
Entrevista
de Montse Dopico a Armando Requeixo en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Presentaches hai pouco a túa tese sobre Díaz Castro…
– Armando Requeixo (AR): Si. Levaba xa 20 anos recollendo datos, textos, indo a arquivos particulares, revisando o legado dos herdeiros e escribindo artigos e estudos. O meu primeiro contacto con Díaz Castro fora como lector. Cando eu tiña 16 anos, estando en terceiro de BUP, cadrou que Alfonso Blanco estaba preparando un volume de homenaxe a Díaz Castro. Alfonso debía andar desbordado de traballo e pasoulle parte das probas do libro para revisar a Xosé Antón Miguélez. E Miguélez -outro dos cregos de Irima-, tiña entre os seus fregueses a aquel rapaz fedello e curioso coa lingua e a literatura galegas que era eu, e pensou que era boa idea que eu me adestrase con aquelas probas. Lembro aqueles días lendo aqueles artigos que falaban daquel poeta con devoción. E pensei que que grande ignorancia a miña por non ter lido aquel poeta tan maiúsculo. Lin Nimbos, na súa edición orixinal de 1961, e confirmei que era un poeta con maiúsculas. (…)
– MD: Probablemente non habería Díaz Castro poeta, ou sería ben distinto, se non tivese estudado no Seminario de Mondoñedo. Por que?
– AR: Si. Non se entendería a súa poesía se non se contextualiza o seu nacemento nesa Universidade do norte que foi o Seminario de Mondoñedo, co seu ambiente cultural. Eu non coincido coa lectura que se fixo del como un poeta relixioso, ou do catolicismo triunfal como se ten dito. Eu creo que é un poeta da transcendencia, cunha esencia religacional. Hai nel unha visión relixiosa do mundo desde o tradicional, que é o que herda como galego da chaira. Mais iso procesouno, madureceuno coa súa intelectualidade. Non é un poeta pío. O Seminario deulle tamén o dominio do latín e do grego, a súa base para a aprendizaxe das linguas.
E, claro, alí coincidiu con Aquilio Iglesia, que era como un irmán maior para el. Non se facían sombra entre eles. Foi Aquilino quen o animou a que escribise, a que publicase, a que se pretentase a certames… Aquilino presentoulle a Noriega Varela. En Mondoñedo tamén coñeceu a barbería-ateneo de Manuel Ledo, o ‘Pallarego’, que era o centro da vida cultural oficiosa de Mondoñedo. Por alí pasaron Cunqueiro, Francisco Fernández del Riego… Xosé Díaz Xácome e Aquilino introducen a Díaz Castro no faladoiro daquel barbeiro filántropo. (…)
– MD: Dixeches que era un clásico moderno. Por que?
– AR: Clásico pola súa voz atemporal. Hai outros autores doutros tempos que, se os les hoxe, notas que a súa voz quedou acartonada. Pois con el non pasa isto. Non pasa de moda. Moderno pola súa contemporaneidade, que é fondamente nosa. Non é un ruralista de primeiros de século, aínda que é telúrico. Conseguiu ir á esencia do pobo. (…)”
Cambre: conferencia de Armando Requeixo sobre Xosé María Díaz Castro
O
mércores 21 de maio, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións da Biblioteca de Cambre (Samosteiro, 4B), Armando Requeixo pronunciará a conferencia Xosé María Díaz Castro, vida e obra.
Presentacións de Contos Peregrinos, de Pedro Miguel Rocha
Santiago: Xosé María Díaz Castro: Nimbos de luz, conferencia de Armando Requeixo
O
luns 19 de maio, ás 20:00 horas, no Ateneo de Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 19), Armando Requeixo pronunciará a conferencia Xosé María Díaz Castro: Nimbos de luz, arredor do autor homenaxeado este 2014 co Día das Letras Galegas. O acto finalizará cun recital poético a cargo dos membros de teatro Ditea.
Entrevista a Armando Requeixo, experto na figura de Díaz Castro
Compostela: conferencia de Armando Requeixo e recital con poesía e música en homenaxe a Xosé María Díaz Castro
A
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra no Gaiás o Día das Letras Galegas cun recital poético-musical organizado polo Centro PEN Galicia para homenaxear ao poeta lucense Xosé María Díaz Castro no ano no que se conmemora o centenario do seu nacemento.
O evento Díaz Castro, perdido no traxecto e salvado por un anxo, terá lugar na Biblioteca de Galicia na véspera do Día das Letras, o venres 16 de maio, a partir das 19:00 horas. O escritor Armando Requeixo será o encargado de introducirnos na figura do autor de Nimbos, na súa obsesión pola perfección e a súa preocupación por Galicia e polos problemas do ser humano: a vida, a morte, o tempo. Tras el, Alba Cid, Luís González Tosar e Salvador García-Bodaño celebrarán a Díaz Castro a través dun recital poético. Marta Quintana e Cuchús Pimentel porán a nota musical do acto.


