Entrevista
a Xavier Rodríguez Baixeras en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): Como acolle a homenaxe que vai recibir en Ribadeo mañá da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)?
– Xavier Rodríguez Baixeras (XRB): Moi ben. Esta é unha homenaxe que se organiza anualmente chamada O/a escritor/a na súa terra e este ano tocoume a min. Escollín Ribadeo porque vivo aquí e é a vila das primeiras vivencias poéticas e as máis intensas; da miña infancia e da miña adolescencia. Porque aquí tamén veraneei moitos anos.
– G: Será unha homenaxe moi próxima.
– XRB: O bonito deste día é que os teus compañeiros están contigo. Hai un acto no Concello no que ao mellor un colega escritor fala de ti, e ti contéstaslle. É un acto de solidariedade e de amizade. Eu teño asistido a varias celebracións deste tipo. Hai uns dez anos estiven en Ribadeo no que se lle adicou a Luz Pozo.
– G: Como é a súa relación coa AELG?
– XRB: Esta é unha asociación fundada a principios dos 80 e que nunca deixou de funcionar. Recordo que o primeiro congreso foi no mosteiro de Poio, ao que asistiu moita xente, entre eles moi importantes escritores. Sobre todo tiven contacto coa asociación nas chamadas ‘galeuscas’, unhas viaxes que sirven de encontro con outras literaturas do territorio estatal, como a éuscara, valenciana, mallorquina ou catalá. Nunca perdín o contacto con eles, aínda que co tempo vai a menos.
– G: E como valora o seu labor?
– XRB: Desenvolven a importante función de crear lazos entre os escritores e de defensa dos seus intereses.
– G: Tivo a experiencia iniciática coa cultura galega en Madrid nun curso impartido por Ben-Cho-Shey.
– XRB: Si. En 1970 asistín a aquelas clases do Centro de Amigos da Unesco co meu amigo Juan Soto. Alí impartíanse clases de galego en anos moi difíciles; aquilo case tiña un toque clandestino. Pero foi algo importante, porque entón en Madrid deixara a súa esteira a xeración de Brais Pinto, que trouxo a modernidade á literatura e cultura galegas contemporáneas de Ferrín, Bernardino Graña, Raimundo Patiño, etc. Así que puidemos entrar en contacto con xente desta xeración.
– G: Hai uns anos descubriu Salvador de Baía, lugar onde reside parte do ano.
– XRB: Salvador de Baía é unha cidade moi peculiar dentro do seu país porque ten unha cultura moi diferente á do resto de Brasil; é de cultura africana. Preséntase atractiva e ao mesmo tempo estraña a un mesmo, que pode observala como espectador. Ademais, ten un compoñente importante de poboación galega, xa que houbo unha emigración que xurdiu dunha zona moi concreta de Pontevedra que se pode situar aproximadamente entre Ponte Candelas e Mondariz.
– G: Como definiría a poesía un poeta experimentado coma vostede?
– XRB: A poesía é unha arte que expresa ideas e sentimentos dun xeito orixinal e a través dunha forma proporcionada pola tradición. Expresa o mundo interior de cada un mediante unha lingua que se procura orixinal obtida da tradición cultural; porque o poeta non inventa nada, só se mergulla nun río de tradición e cultura.
– G: En que está a traballar nestes momentos?
– XRB: Un sempre ten algo na cabeza. Eu sigo escribindo libros, poemas, algo en prosa -que tamén pode ser poesía-. Todo o que un escribe vai madurando e converténdose en libro. Aínda que ultimamente hai que ter un pouco de calma con todo isto, porque a partir de certa idade hai que tomar as cousas con outro ritmo.”
Arquivos da etiqueta: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
A Coruña: presentación dos 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas
A
Real Academia Galega presenta o venres día 1 de xuño ás 19:30 horas, no xardín de San Carlos da Coruña, os 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas. Co fin de achegar a un público amplo a dimensión e significado do 50 aniversario do Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega desenvolveu unha serie de actividades celebratorias ao redor desta data. Entre elas a elaboración de cincuenta carteis, cada un deles dedicado a unha das figuras homenaxeadas durante estes cincuenta anos, de Rosalía a Paz Andrade. Para levar adiante esta iniciativa contouse coa colaboración desinteresada e xenerosa de varios colectivos profesionais e dos seus asociados:
– A Asociación Galega de Deseñadores (DAG). Entidade que encomendou entre os seus asociados a realización das cincuenta pezas.
– A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) encargoulles a cincuenta escritores/as a redacción de cincuenta frases que se incorporaron a cada un dos cincuenta carteis.
– A Asociación Galega de Artes Gráficas realizou a impresión dos carteis.
– Torras Papel forneceu o papel.
– A Asociación Galega de Editores asumiu a distribución das coleccións de carteis en librarías e bibliotecas.
– A Federación Galega de Libreiros comprometeuse a promover desde as librarías a difusión dos carteis.
– A Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia e ANABAD-Galicia promoven a difusión dos carteis e organizan actos relacionados coa efeméride.
O acto contará coa intervención de escritores e deseñadores participantes, así como cos representantes das asociacións que promoven o proxecto. Pecha o acto o Presidente da Real Academia Galega, D. Xosé Luís Méndez Ferrín.
O escritor na súa terra: Xavier R. Baixeras. Ribadeo, 2012, o sábado 2 de xuño
A
Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, que cada ano impulsa a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega neste 2012 a súa XVIII Edición recaendo, por decisión da Asemblea de Socias e Socios, na figura de Xavier Rodríguez Baixeras.
Celebraremos esta XVIII edición o vindeiro sábado, 02 de xuño, na vila de Ribadeo, que con nós colabora. A partir das 11:30 horas desenvolverase o programa de actos que se detalla máis abaixo. Como é habitual, remataremos a homenaxe cun xantar de confraternidade que celebraremos no Restaurante “O Cabazo” e cuxo prezo por persoa é de 32 euros.
De estardes interesados/as en asistir ao xantar confirmádenolo chamando, até o vindeiro luns 28 de maio –inclusive– ao teléfono 981 133 233 (de luns a xoves, de 08:00 a 14:30 e de 15:30 a 17:30; venres de 08:00 a 14:30); ou enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org. Poremos á vosa disposición un autobús que sairá de Vigo e fará unha parada en Santiago de Compostela e outro autobús que sairá dende A Coruña. Este servizo de autobuses farase sempre e cando haxa un mínimo suficiente de peticións.
Programa de actos
– 11:30 horas. Parque “Os Canapés” (O Xardín). Plantación da palmeira (árbore simbólica do escritor) e descubrimento do Monólito conmemorativo dedicado ao homenaxeado. Interveñen:
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
• Mari Luz Álvarez Lastra, Concelleira de Cultura, Educación e Igualdade.
• Xavier Rodríguez Baixeras.
– 12:30 horas. Salón de Plenos da Casa do Concello de Ribadeo, rúa Praza de España, 1. Acto de entrega da letra E. Interveñen:
• Fernando Suárez Barcia, Alcalde de Ribadeo.
• Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
• Xosé María Álvarez Cáccamo. Laudatio.
• Entrega da peza escultórica de Silverio Rivas.
• Intervención do homenaxeado: resposta á laudatio por parte de Xavier Rodríguez Baixeras.
– 13:45 horas. Visita ao Parque Xavier Rodríguez Baixeras (zona do Cargadeiro).
– 14:30 horas. Restaurante “O Cabazo”, rúa Río do Amalló, 1. Xantar de Confraternidade. Aberto aos socios/as da AELG, á veciñanza de Ribadeo e demais persoas interesadas.
Vexa aquí o cartel e o programa en pdf.
A biografía nómade de Xavier Rodríguez Baixeras (Tarragona, 1945), o seu tránsito de habitante en diferentes cidades e países, a procura do centro estábel nalgún punto da rosa dos ventos –maiormente a Beira Norte, a Mariña, de Ribadeo a Nois–, conforman constantes existenciais que alicerzan o edificio da súa escrita, asentada sobre os símbolos da Viaxe e a Casa, arquetipos dinámicos en constante interacción complementaria.
Desde os seus inicios foi construíndo o poeta un código de singular estilo, caracterizado pola tensión das solucións formais, a perspectiva interrogante e asombrada, o exercicio dunha ollada simbólica e arquetípica que se expresa en pronuncia natural, certo efecto de estrañeza producido polo equilibrio entre a visión onírica e o deseño figurativo e o dominio absoluto das técnicas rítmicas e musicais. Xavier Rodríguez Baixeras, figura máxima da xeración poética dos 80, poeta fundamental na historia completa da Poesía, mestre de coetáneos e herdeiros, foi labrando na súa obra un dos discursos máis transcendentes e reveladores da contemporaneidade.
A singularidade da súa voz e do seu estilo procede da actitude ética e temperamental de quen mantén unha moi consciente orientación de independencia, moi afastado sempre da norma gregaria, aínda que comprometido tamén coas causas colectivas da xustiza e a fraternidade, desde a esquerda, desde o nacionalismo, sen deixarse seducir nunca polo engado do poder.
Coñécense as/os gañadoras/es dos Premios AELG 2012
Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2012, que premian as mellores obras editadas en 2011, e que se veñen de fallar na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:
Narrativa: Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
Ensaio: Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.
Poesía: Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
Teatro: Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011: Bieito Iglesias.
Literatura Infanto-Xuvenil: Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Tradución: Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
Mellor Blog Literario: As crebas, Miro Villar.
Rematado o fallo dos Premios AELG nas diferentes categorías literarias, procedeuse á entrega dos Premios outorgados pola Asemblea Xeral de Socios e Socias da Asociación de Escritoras e Escritores:
- Acordouse outorgar o premio para INSTITUCIÓNS que se caracterizan polo seu contributo á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, contribuíndo así á necesaria normalización lingüística. Nesta edición o galardón vai para o labor colectivo desenvolvido por tantas persoas que dende hai décadas, no ámbito da administración e da educación, contribuíron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas boas e xenerosas non permiten o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, unha persoa que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador, precisamente nestes dous ámbitos -o escolar e o administrativo- desde o marco teórico até a práctica didáctica, desde a palabra até a actuación e praxe máis coherente.
- Finalmente, a Asemblea Xeral de Socios e Socias decidiu outorgar o Premio Internacional da AELG ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL, ao escritor JOSÉ LUIS SAMPEDRO. Concédeselle este máximo galardón da AELG a José Luis Sampedro para significar o alto contido ético e estético da súa obra e personalidade, que o converten nun referente na defensa da dignidade humana. Ante a imposibilidade de desprazarse a Galicia por razóns médicas, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, deu lectura a unha carta de Sampedro, na que indicou que “a vida négame o encontro en Galicia co máis feliz motivo”, “un premio de gran significado para min: galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estructura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas”. “Este premio sitúame en compañía de Gamoneda e outras nobres figuras [Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman e Antonio Gamoneda] que poñen de manifesto os criterios selectivos da AELG, en arte e ética, co que se subliña aínda máis esta honra.”
O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Cea das Letras, felicitación e aplauso que fai extensiva a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén aquí o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.
É obrigado anotar o agradecemento a todos aqueles/as socios/as que participaron na escolla das obras gañadoras, ao longo das dúas quendas do proceso de selección, pois coa súa colaboración axudan a medrar o prestixio, a solidez e a divulgación do esforzo creativo en lingua galega, obxectivo prioritario para a AELG.
A Coruña: A literatura e a música, con Paulino Pereiro e Margarita Viso Soto, nos V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura
O mércores 25 de abril, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), terá lugar o acto de clausura dos V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cunha mesa redonda sobre A Literatura e a Música, onde participan Paulino Pereiro e Margarita Viso Soto, presentados por Mercedes Queixas.
Recollida de sinaturas para solicitar a asignación do nome “Curros Enríquez” á futura estación do tren de Ourense. Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
“O
patrimonio dunha sociedade non só está representado polas obras, grandes ou pequenas, de carácter material, construídas ou fabricadas ao longo do tempo. O patrimonio espiritual ou inmaterial conflúe co anterior en lle dar o ser á colectividade, sendo o referente principal de identificación, o que define a maneira de ser, de vivir, de interpretar o mundo.
Ese patrimonio inmaterial pode ser obra do conxunto da comunidade elaborado ao longo do transcorrer da historia e, polo tanto anónimo, ou pode ser de autoría coñecida, respondendo á creatividade dun dos seus membros, obra de creación coa que se identifica o conxunto do grupo social.
A obra literaria forma parte dese acervo comunitario que, nacendo como obra individual, remata por ser integrada como tesouro común e voz colectiva da colectividade da que emana.
Moitos son os referentes do noso entorno cultural no que as escritoras e escritores dunha cidade ou dun territorio e a súa obra, se transforman en referente cultural e de identidade que traspasa as fronteiras e convoca a visitantes.
Ourense, referente especial na historia da literatura de Galicia, integra no seu ser a memoria dos seus escritores, dedicándolles rúas, prazas ou espazos públicos e erguendo elementos conmemorativos da súa memoria, obra artística que é, tamén, creación dos seus artistas plásticos.
Exemplo desta sensibilidade particular podería ser o Roteiro da Esmorga, percorrido literario e emocional polo corazón do Ourense perdurable, seguindo, a xeito de estacións, os capítulos desa obra principal da nosa literatura que é a novela de Eduardo Blanco Amor.
Agora, cando Ourense recibe o vento do futuro, de novo a través do tren, como sucedera xa aquel 31 de outubro de 1881, cando recibiu a primeira locomotora, debemos lembrar que un dos escritores máis representativos do seu ser, nacido en Celanova e durante anos residente na cidade, Manuel Curros Enríquez, escribía para conmemorar aquel acontecemento o poema: NA CHEGADA A OURENSE, DA PRIMEIRA LOCOMOTORA, ao que pertencen estes versos:
Vela ahí ven, vela ahí ven avantando
Cómaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saudáina, rapaces e vellos!
Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.
……………………….
……………………….
Por iso, diante da remodelación e posta en funcionamento dunha nova estación no barrio ourensán da Ponte, capaz de acoller e servir ao novo ferrocarril de alta velocidade, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, por consideralo de xustiza, reivindica que esta leve o nome de Curros Enríquez e que na mesma figuren as estrofas daquel poema co que o escritor saudaba a chegada da modernidade.
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Abril de 2012.
A Asociación e Escritoras e Escritores en Lingua Galega acordou realizar unha recollida de sinaturas para reivindicar o nome de Curros Enríquez para a futura estación de ferrocarril de Ourense.
Se quere comunicarnos a súa adhesión entre aquí.
A Coruña: A Literatura e o Cinema, con Carlos Amil e Margarita Ledo, nos V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura
O mércores 18 de abril, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), continúan os V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cunha mesa redonda sobre A Literatura e o Cinema, onde participan como relatores Carlos Amil e Margarita Ledo, presentados por Antía Otero.
A AELG apoia o Manifesto pola Declaración do Parque Natural do Monte Pindo
O
7 de setembro do ano 2010, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Sociedade Galega de Historia Natural presentan unha proposta no Observatorio Galego da Biodiversidade, para a declaración do Monte Pindo, Parque Natural. Ao abeiro desta proposta un grupo de persoas concienciadas con ese sentimento reúnense para crear unha asociación que apoie e defenda esa proposta. Así é como o 17 de outubro do 2010 nace a Asociación Monte Pindo Parque Natural, cuxo fin non é outro que apoiar a a declaración do Monte Pindo como parque natural. Pensamos os membros da asociación o que moitos galegos e galegas xa viñan dicindo fai tempo: que xa abonda, que o Monte Pindo non pode seguir abandonado á súa sorte, que todos xuntos temos que facer algo por recuperalo.
Por outra banda a Xunta de Galiza, o noso máximo organismo, aquel que ten que mirar polos galegos e todo o seu, tamén ten que mover ficha, non pode ficar de paparolo ollando como o noso patrimonio natural é destruído. Nós coidamos que o parque natural é a figura axeitada para a protección integral do Monte Pindo. Despois de máis dun longo ano de xa duro traballo e numerosas reunións e encontros a Xunta de Galiza di que tal como está agora xa está ben protexido. U-la protección? O Pedregal sofre devastadores incendios cada década, os vehículos a motor campan ás súas anchas por toda a serra, atinxindo dano a flora e a fauna e estragando os camiños tradicionais, o noso patrimonio arqueolóxico é atacado e saqueado, lembrémonos do ataque vandálico a inscrición de Penafiel. Este non é desgraciadamente o único acto rexeitábel, pois por todas partes aparecen pintadas que destruen a beleza natural do Olimpo Celta. O 4 de febreiro do ano 2012, a Comisión 7ª do Parlamento Galego ven de rexeitar unha Proposición non de lei apoiada polos grupos da oposición para instar a Xunta a declarar o Monte Pindo parque natural, unha vez máis a Xunta volve a rexeitar o criterio de de numerosos científicos, profesores universitarios, viciños, e ducias de colectivos sociais e sectoriais. O Olimpo Celta está clasificado como punto xeolóxico do estado español, polo seu abrupto relevo de rochas graníticas a rentes do mar. Ten un total de oito especies de plantas protexidas polo Catalogo Galego de Especies Ameazadas. Tres especies de fauna protexidas polo Catalogo de Especies Ameazadas, e sete especies protexidas polo Libro Vermello de Vertebrados de España. O estado español valorou declarar o Monte Pindo parque natural no ano 1917, ¡levamos 100 anos agardando que se faga realidade! ¡100 anos de oportunidades perdidas!. Porque reclamamos o parque natural para o Monte Pindo? Porque o parque natural pode desenvolver as medidas necesarias, vixilancia, para a prevención de incendios forestais. O Monte Pindo é un lugar cun alto potencial turístico, deben fomentarse os usos turísticos e recreativos sustentábeis, que non fagan minguar a calidade ambiental da área, nin poñan en perigo a conservación dos seus valores naturais e culturais. Que se creen partidas e postos de traballo para impulsar e programar actividades de información, interpretación e educación ambiental e o recoñecemento do patrimonio natural e cultural, que logren o respecto imprescindíbel para logralos obxectivos de conservación. O parque natural pode promove-la salvagarda dos bens e valores históricos, artísticos, culturais e arqueológicos, porque a Xunta de Galiza está obrigada a velar pola conservación e restauración nos casos que se requira dos valores arqueolóxicos histórico artísticos e etnográficos, e en xeral por todas as manifestacións artísticas que existan nun parque natural. No ano 2011 presentouse no Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, da Universidade da Coruña, a tese doutoral “Xéneses de cavidades graníticas en ambientes endóxenos e esóxenos”. Foi presentada por Juan Antonio Mayor Rodríguez, e dirixida polo profesor Juan Ramón Vidal Romaní. Sobre a importancia do macizo do Pindo o relator da tese é claro: “No referente a vertente humana e social, cremos que estas formas que acabamos de estudar deben ser consideradas como monumentos naturais e polo tanto ser obxecto de especial protección polas autoridades competentes. Ser referentes no que atinxe a súa xeomorfoloxía granítica, como xa o son noutras partes do mundo como por exemplo os Yosemites en California, Castle Rock en Idaho, ou Kangaroo Island en Australia. Son referentes en primeira liña a fervenza do Xallas, os tafoni-cova e os tafoni-pía, o cume da Moa e ás formas graníticas que se atopan o longo do seu percorrido. Por todo elo é ben merecida a aspiración a parque natural como figura legal pertinente de esta zona”. Hoxe 14 de abril do ano 2012, reclamámoslle a Agustín Hernández, Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, que sen máis dilación declare o parque natural do Monte Pindo. E isto significa xa. Reclamamoslle que non peche os ollos a petición dos galegos e das galegas hoxe aquí xuntados. Non imos parar ate ter os nosos obxectivos cumpridos. Máis cedo que tarde o noso soño de ser parque natural vai-ser realidade. Parque natural XA!
A Coruña: A Arte e a Literatura, con Miguelanxo Prado e Xavier Seoane, nos V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura
O mércores 11 de abril, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), comezan os V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cunha mesa redonda sobre A Arte e a Literatura, onde participan como relatores Miguelanxo Prado e Xavier Seoane. No acto intervirán, previamente, Ana María Fernández Gómez, concelleira de Cultura, e o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
V Encontros Cidade da Coruña: As artes e a literatura
Chegan os V Encontros Cidade da Coruña, baixo o título As artes e a literatura, que se desenvolverán no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) os mércores 11, 18 e 25 de abril, ás 20:00 horas, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
No desenvolvemento creativo de toda cultura sempre estiveron presentes as máis diversas formas de colaboración entre a artes e a literatura.
É intención desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) facer unha aproximación a esta relación que, da man da literatura galega, as artes plásticas o cinema, a música, tiveron e teñen na cultura galega dentro dun mesmo contexto sociocultural como resposta a unha mesma realidade nun mesmo período temporal.
Ao longo de tres mesas redondas, compartidas por escritores, cineastas, deseñadores e compositores, falaremos da súa relación, das formas de comunicación ou de influencia entre elas e dos froitos que finalmente resultan destas formas de colaboración ou de tan só ter compartido un mesmo tempo histórico.
O programa é o seguinte:
– 11 de abril. Mesa inaugural: A arte e a literatura. Con Miguelanxo Prado e Xavier Seoane.
– 18 de abril. A literatura e o cinema. Con Carlos Amil e Margarita Ledo.
– 25 de abril. A literatura e a música. Con Paulino Pereiro e Margarita Viso Soto.




