A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra este sábado, 4 de febreiro, a súa Asemblea Xeral de Socios/as

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará mañá sábado día 4 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as, ás 11:00 h. en primeira convocatoria e 11:15 h. en segunda convocatoria, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval).

Ao final da Asemblea, previsto para as 12:30 h., e no mesmo salón de actos, o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e a Secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas, ofrecerán unha ROLDA DE PRENSA para dar conta de:
• Os pronunciamentos da Asemblea sobre as vindeiras actividades da entidade.
• O apoio da AELG á asignación do nome “Curros Enríquez” á nova estación de tren de Ourense.

Na morte de Isaac

Ás 13:00 horas do día 6 de xaneiro, na capela ardente instalada no Museo do Pobo Galego, as escritoras e escritores Marilar Aleixandre, Eduardo Estévez, Cesáreo Sánchez, Teresa Moure, Carlos Negro e Antía Otero fixeron unha lectura de poemas queridos para Isaac Díaz Pardo. Ademais, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, dirixiu as seguintes palabras:

Querida familia de Isaac, queridos Camilo e Xosé, querida Mimina, querido Isaac:

Vimos as escritoras e os escritores galegos a che entregar hoxe o humilde froito da nosa palabra.

Co corazón mancado vimos a che agradecer tanta vida a nós entregada.

Sempre tiveches as portas da túa casa comunal aberta aos máis novos, sempre foi o noso fogar. Era o tempo no que o silencio arrasaba coma corisco a terra nosa. E ti construías os alicerces do tempo futuro. E fixéchesnos partícipes da encomenda de Castelao de reconstruír o fogar desfeito, de sementar de novo os eidos ermos de silencio.

E acompañámoste no teu traballo colectivo ao que entregaches a túa obra persoal, vital e iluminadora. Para a nosa terra eran anos de escuridade de xisto e desasosego e desmemoria. Traías na palma da mao a palabra fértil, habitada pola ferida memoria dos nosos exiliados, de Castelao, de Lorenzo Varela e de todos os homildados que dicía Luís Seoane.

Eles e ti, rumor de auga nutricia, entraña errante da nosa terra, extenuada de tanto se desangrar dos seus fillos.

Fuches para nós: o amigo entrañado, o irmao maior, o pai na idea que teceu nesta terra o territorio dos soños e da nosa dignidade, para que nesta terra puidésemos tecer a nosa fraterna andaina.

Editaches os nosos libros, cando aínda aprendíamos torpemente o ser do oficio de poeta, de escritor.

Para o albor vas Isaac, para o tempo da clara luz que beberon os teus ollos grandes e solprendidos de rapaz novo na flor da idade sempre.

Para a luz sen tristeza lévasnos da mao túa que pintou e tallou no barro a alma desta terra, sen ti tan orfa.

Neste tempo de tanta miseria vástenos para ser presente e memoria colectiva, futuro.

Na túa obra que é barco co vento da historia no velame, lévasnos.

Hoxe que estás no Pórtico da Gloria da terra nosa, Isaac orgullámonos dos teus froitos para que a terra nosa siga a ser a Terra dos Nosos Soños. Para que siga a ser a Terra Prometida, a Terra dos Bos e Xenerosos.

Nela acollémonos para sempre á túa sombra protectora para que nos guíe e así non nos ofrecer polos camiños do futuro da patria nosa, nin permitir que nos trabuquen o destino, como pobo que vén atravesando os séculos coma inmorrente río de luz”.

Santiago de Compostela, a 6 de xaneiro de 2012

Museo do Pobo Galego

José Luis Sampedro, nomeado Escritor Galego Universal pola AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomea a José Luis Sampedro Escritor Galego Universal, premio que xa recibiron Mahmud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman e Antonio Gamoneda, a AELG destaca aqueles autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade humana e das culturas nacionais. O galardón entregaráselle no mes de maio.
A AELG destaca con esta mención a alta calidade da súa literatura lúcida, profunda, radical e transgresora, impregnada do insubornábel compromiso ético do autor.
A relación de José Luis Sampedro con Galicia comezou nos anos 70 a través da Agrupación Cultural Lóstrego de Madrid, da que foi presidente de honra e coa que colaborou economicamente cunha mensualidade do seu soldo de Senador por designación real nas primeiras cortes democráticas; no exercicio desta responsabilidade defendeu a inclusión do dereito de autodeterminación no texto constitucional.
A relación continuou a través da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, participando en congresos alí organizados nos anos 80.
En 1990 impartiu a lección inaugural, con título Un humanismo para una crisis, da segunda edición da Universidade Popular de Ortigueira, aproveitando a estadía para coñecer Betanzos (onde está soterrado un seu avó), A Mariña de Lugo e a comarca de Ortegal, visita que tivo reflexo na súa novela máis querida, Real Sitio.
A foto provén da Wikipedia galega, onde se pode consultar moita máis información sobre o autor.
Nova recollida en Cultura Galega.

Francisco Carballo Carballo, Bo e Xeneroso

O pasado sábado 10 de decembro o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), decidiu nomear Bo e Xeneroso a Francisco Carballo Carballo, historiador e mestre de historiadores, promotor de empresas editoras en galego.
Ao longo de máis de corenta anos o noso homenaxeado participou coa súa escrita e co seu activismo en dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia, o que o converte nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto.
Francisco Carballo súmase así á lista dos Bos e Xenerosos da AELG, conformada por Avelino Pousa Antelo, Museo do Pobo Galego, Ponte nas ondas, Isaac Díaz Pardo, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Mariví Villaverde, Concellos organizadores do Premio Blanco Amor e Francisco Fernández del Riego.
Coa homenaxe Os Bos e Xenerosos a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propón anualmente un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura.
O acto terá lugar no primeiro trimestre de 2012 en Santiago de Compostela, cunha laudatio do historiador Anselmo López Carreira.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pide a dimisión do Valedor do Pobo

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) recibe con profundo malestar a información que algúns medios de comunicación ofrecen no día de hoxe á cidadanía, a respecto de o Valedor do Pobo terse dirixido á Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria para que se retire ‑do mercado e das aulas nas que está en activo‑ un libro de texto de Coñecemento do Medio, en Educación Primaria, por recoller de xeito literal o disposto a respecto da lingua galega polo Estatuto de Autonomía no seu artigo 5.1., «A lingua propia de Galicia é o galego»; petición acollida, de xeito inmediato, por parte da propia Consellería de Educación, indicando que instará á editorial a «que corrixa con carácter definitivo» as próximas edicións da obra e advertíndo de que «En caso contrario teriamos que adoptar as decisións oportunas por parte da Administración educativa.»

Esta negación e deslexitimación da redacción do propio Estatuto de Autonomía é considerada pola AELG como unha gravísima actuación que ataca o principal soporte legal protector da nosa lingua (a súa consideración como propia e oficial), promovida como un ataque manipulador contra o principal trazo identificador do que somos e representamos no actual marco plurilingüe e pluricultural do Estado español.

A AELG quere deixar constancia pública da súa valoración como absolutamente inadmisíbel deste feito, un ataque máis á nosa lingua que nunca debeu terse producido, máxime tendo en conta que procede daquelas autoridades e organismos que deberan centrar a súa preocupación e esforzo en cumprir cos principais mandatos legais a este respecto: a súa protección real e promoción desprexuizada.

Desde a AELG, agardamos unha rectificación inmediata por parte do Valedor do Pobo, así como a súa dimisión, pois en reiteradas ocasións ten manifestado o incumprimento das súas funcións a respecto da defensa do galego como lingua normalizada.

Recollido en Galicia Hoxe e Baía Edicións.

Durango: participación galega na Feira do Libro e do Disco Vasco

“O Culturgal, tras pechar a porta do Pazo de Cultura de Pontevedra, meteu na súa maleta unha escolma das propostas culturais que representan ao sector das industrias culturais galegas e viaxou cara a Durango Azoka, a Feira do Libro e do Disco Vasco. Como cultura convidada, Galicia respondeu ao convite de Gerediaga cunha mostra multisectorial que abranguen desde o audiovisual, á literatura, a música e o teatro. Para facelo, conta co apoio económico ofrecido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Este é o programa da presenza galega:
Domingo 4 de decembro:
12:00 h. Acto inaugural. Galicia somos todos. Con Antón Reixa.
18:30 h. Euskaraz eta galegoz. Os escritores vascos Harkaitz Cano, Leire Bilbao e Urtzi Urrutikoetxea ofrecerán un recital de poesía, no que lerán os seus poemas escritos en euskera e de seguido traducidos ao galego.
Luns 5 de decembro:
13:00 h. En Galego e Euskara, sobre Galicia e Euskal Herria. O escritor galego Darío Xohán Cabana e o euskaldún Pako Aristi, conversarán sobre o oficio de escribir e a situación da literatura en ambas as dúas linguas. Acompáñaos nos labores de moderador o doutor e escritor galego, residente en Euskadi, Xosé Estévez.
Martes 6 de decembro:
17:00 h. Sesión de animación con escritores vascos e galegos. Baixo o patrocinio de Gálix os escritores galegos Concha Blanco, Pere Tobaruela e Ledicia Costas, xunto cos escritores vascos Pako Aristi, Castillo Suárez e Felipe Juaristi realizarán unha sesión de animación de contos.
Martes 6 de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 h. e mércores 7 de decembro de 11:00 a 16:00 horas:
Caixiña de Mistos: Un misterio para Tintimán en Durango. Por Mr. Misto Films e Santiago Jaureguizar.
Mércores 7 de decembro:
12:30 h. A Asociación Escritores en Lingua Galega (AELG), cos seus homólogos vascos de EIE, participarán nunha mesa redonda sobre os 28 anos de historia de Galeusca e o seu futuro próximo. Xosé Estévez representará á AELG e Fito Rodríguez á EIE. Galeusca é un encontro anual de escritores e escritoras que reúne a representantes das literaturas galega, vasca e catalá e que organiza de forma rotativa cada unha das asociacións de escritores. No 2008 constituíuse a Federación Galeusca para establecer relacións produtivas e estables entre os creadores das tres culturas.
17:30 h. A empresa galega Imaxin|software e a vasca Elhuyar Fundazioa de Usurbil (Gipuzkoa) presentan o multimedia educativo ZooLoco ou Zoo Zoroa, que realizaron conxuntamente. Tras a presentación, realizarase un taller lúdico.
18:00 h. Mesa redonda na que Artur Trillo, representante de Talía Teatro, debaterá cun creador vasco sobre o teatro e as “linguas minorizadas”.
Xoves 8 de decembro:
– Vídeos musicais galegos, curtametraxes e o documental Digna Rabia, que mostra a historia das mulleres galegas na época franquista. Durante todo o día.
16:00 h. A importancia do son, por Sinsalaudio.
20:00 h. Concerto Acrobatak, con Ugia Pedreira, Fred Martins e Mikel Urdangarin.”

Queremos agradecer especialmente a Xosé Estévez o envío de fotos e información sobre a repercusión dos actos en diversos medios: AZOKA DURANGO 2011.

Nova Polafía en Monte Alto, A Coruña, o sábado 26 de novembro

O sábado 26 de novembro, ás 19:30 horas, no Club do Mar de Santo Amaro (Monte Alto, A Coruña) a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza unha nova edición das Polafías:

Monte Alto, Monte Alto,
porque aquí a alma ten forma de barco

O pregón de Monte Alto, Manuel Rivas e Os Diplomáticos de Monte Alto.

Contos, cantos e historias do mar da Coruña, coa participación de Emilio Mariñas (sabio percebeiro) Serafín Mourelle (patrón do Gran Sol), Luís Dopico (patrón de baixura), Xurxo Souto, Moncho do Orzán, Manuel Lugrís, Isidro Novo, Comparsa Monte Alto a 100, coro Cántigas da Terra, e aínda máis amigas e amigos co seu saber contar e cantar. Tamén terá lugar a proxección do vídeo A recuperación microtoponímica da Peninsula da Torre, elaborado pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. A entrada será de balde. Colaboran: o Club do Mar de Santo Amaro, a Asociación de Veciños Barrio de Monte Alto, Cántigas da Terra e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Patrocina a Deputación da Coruña.

Armando Requeixo: “A prol dunha educación literaria”

Artigo de Armando Requeixo no seu blog Criticalia:
“Onte e antonte, na controvertida Cidade da Cultura, desenvolvéronse as I Xornadas de Literatura e Ensino baixo o título xeral A Literatura galega nas aulas: os camiños do entusiasmo. Organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (ASPG), estas xornadas reuniron un escolleito grupo de didactas, estudosos, creadores e críticos literarios que, organizados en diversas mesas redondas, analizaron diferentes aspectos relacionados co presente e o posible futuro da nosa literatura nos centros educativos.
A conferencia inaugural da xuntanza correu a cargo do escritor Xosé Miranda quen, co seu oficio e saber característicos, disertou con construtiva retranca sobre Que vén sendo iso de ensinar literatura?, ofrecendo unhas moi útiles Instrucións de uso para docentes nos biosbardos.
A mesa redonda que seguiu estivo coordinada por Mercedes Queixas Zas e nela participaron o narrador Antón Riveiro Coello, o poeta Xavier Seoane e mais a estudosa Pilar Ponte Patiño quen, dende ancos complementarios, abordaron o complexo tema A literatura galega nas aulas do século XXI centrándose nas que cada un deles crían podían ser axeitadas Estratexias de sedución coas que atraer o alumnado e facer agromar nel o pracer da lectura.
Para rematar coas actividades deste primeiro día Queixas Zas levou a cabo unha suxestiva Presentación do Espazo didáctico virtual da AELG na que deu noticia do grande número de recursos que a asociación ofrece ao profesorado na súa web, na que é posible atopar unidades didácticas, obradoiros literarios, roteiros e outros materiais de grande proveito para o traballo nos centros.
A xornada sabatina principiou cunha mesa centrada nos Tópicos, prexuízos e puntos de fuga que tiven o pracer de moderar e na que participaron a ensaísta e especialista en bibliotecas escolares Pilar Sampedro Martínez, o profesor e narrador Manuel Lourenzo González (recentísimo gañador do Premio Blanco Amor) e mais o escritor e editor Fran Alonso. Todos tres achegaron unha moi ampla panorámica sobre do tema proposto e, amais de combater os numerosos lugares comúns cos que tantas veces se simplifican as cuestións referidas a este asunto, foron respondendo tamén múltiples interrogantes e expoñendo cales podían ser as actitudes coas que afrontar os retos que se abren para o seu futuro.
A mesa coa que se pechou a mañá tiña designado como coordinador o escritor Marcos Calveiro e como relatores convidados o profesor R. Nicolás, o narrador e teórico do feito literario infantoxuvenil Xabier P. Docampo e mais a escritora Marilar Aleixandre. Os catro articularon intervencións nas que se ocuparon dos Itinerarios lectores durante a adolescencia e, sobre todo, dos Criterios de selección dos mesmos, deténdose en espiñentos temas como, poño por caso, a importancia da educación en valores á hora da selección de títulos para o alumnado ou a (in)conveniencia de tratar certos tabús nas obras literarias que a este se destinan.
A quenda da tarde comezou cunha nova mesa redonda, desta volta a propósito do tema Os ‘irmáns pequenos’ no universo da aula: a poesía, o teatro e a literatura de tradición oral. Coordinados polo escritor Carlos Negro —quen fixo de cada un deles unha magnífica presentación en verso—, a dramaturga Teresa González Costa, o poeta Antonio García Teijeiro e mais o narrador e investigador Antonio Reigosa ocupáronse, respectivamente, do papel que o teatro, a poesía e a literatura de raiceira e tradición popular podían (e deberían) xogar nas aulas, equilibrando, así, a súa presenza coa escrita narrativa, xénero preferente para o traballo do profesorado.
Como despedida das xornadas, a mesa A escola e outras literaturas: álbum ilustrado, novela gráfica e banda deseñada, moderada por F. Castro, reuniu as profesoras Gracia Santorum e Ánxeles Abelleira e mais o artista gráfico e ilustrador Jacobo Fernández Serrano para reflexionar sobre as posibilidades que o mundo do cómic e outras fórmulas visotextuais ofrecen no proceso de aprendizaxe do noso alumnado.
O considerable número de asistentes (que se achegou ao centenar), así como a intensa participación nos debates que se suscitaron tras cada unha das mesas redondas entre o público e os relatores dan fe do interese certo que estas I Xornadas de Literatura e Ensino, meritoriamente organizadas pola AELG coa colaboración da AS-PG, espertaron entre a comunidade educativa, polo que haberá que facer votos para que nos vindeiros anos a iniciativa se consolide.

Medio cento de novos anacos de tradición

“O traballo da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega retomou este outono as súas Polafías. O un de outubro celebrábase un destes encontros, centrados na colleita de historias, cantigas, contos e lendas no local social de Doade, en Xirarga, Beariz. O web da AELG acaba de publicar o resultado daquel traballo. Máis de medio cento de vídeos nos que podemos atopar desde os contos de Celso Fernández Sanmartín ata as historias dos veciños, como a da muller que anda ao revés ou os empregos do corno de alicornio, así como cantigas e sucedidos locais.
Antonio Reigosa, responsable da Sección de Literatura Oral, anuncia que en breve se publicarán novos vídeos rexistrados na Polafía realizada no Pazo de Tor, en Monforte, e está prevista outra no barrio coruñés de Monte Alto. Asimesmo, tamén se publicarán gravacións de Ángel Rivas Veiga en Orxas, Pastoriza e de Josefa Arias en Santaballa, Vilalba, dentro da sección Mestres da Memoria.” Vía Cultura Galega.

Nova gravación para a sección Mestres/as da Memoria do portal da AELG

A Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega dá continuidade ao proxecto Mestres/as da memoria, iniciado en 2010.
Este proxecto deriva das Polafías, organizadas pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, que se veñen celebrando desde 2007 e que, coa vindeira en Monte Alto, chegaremos ás 22.
Mestres/as da memoria intégrase na web da citada sección no portal da AELG, e consiste na gravación persoal de informantes valiosos/as en literatura de tradición oral identificados nas polafías, auténticas minas de coñecemento.
En xullo de 2010  abrimos este capítulo con Elba Requeijo, que participou nas polafías de Outes e Mondoñedo e que é un portento de memoria, recitado ou narrativa.
Dentro dunha comunidade, as persoas que tiñan mellores técnicas de comunicación asumían o papel de transmisores/as do coñecemento, a propia comunidade llelo cedía. Un valor que hoxe en día está menosprezado, e que esta iniciativa intenta recuperar .
O sábado, 5 de novembro, gravaremos a Ángel Rivas Veiga en Orxas, Pastoriza; e en Santaballa, Vilalba, a Josefa Arias.