Conclusións do XXIX Encontro Galeusca

O Congreso da Federación Galeusca reúne anualmente representantes da literatura galega, vasca e catalá arredor dun tema de debate, que nesta ocasión foi Oralidade. O que se escribe para dicir, unha reflexión desde o punto de vista do escritor/a, analizando as características dos textos que se crean para seren lidos e interpretados (guións de cinema e teatro, medios de comunicación, poemas, contacontos…). Tamén os modos nos que o escritor/a recrea a oralidade e, en especial, a intencionalidade do escritor/a na recreación da linguaxe falada tendo en conta as características e situación de normalización da lingua na que se escribe.
Así pois, reunidos en Donostia os días 26, 27 e 28 de outubro no marco do encontro anual da Federación Galeusca, os escritores cataláns, galegos e vascos, chegouse ás seguintes

CONCLUSIÓNS

1. Estimamos que a literatura debe ter unha presenza máis intensa en todos os niveis do sistema educativo, tendo en conta que o marco normativo, e en especial as últimas reformas educativas que pretenden a recentralización regresiva, obvia a existencia das literaturas minorizadas do Estado.
2. Esta mesma esixencia faise extensiva ao fenómeno da oralidade que, lonxe de ser entendida unicamente na súa dimensión tradicional, persiste como realidade actual e con capacidade de se adaptar ás novas tecnoloxías desde as experiencias máis vangardistas. Neste sentido, resaltamos a oportunidade de desenvolver as retóricas orais no ámbito da formación e da comunicación.
3. Denunciamos que os medios de comunicación de ámbito estatal, como reflexo da política activa das estruturas gobernamentais, negan e invisibilizan todas aquelas manifestacións literarias que se producen nas nosas nacións.
4. Reclamamos ás institucións públicas un esforzo engadido para recuperar a memoria colectiva, moi especialmente aquelas experiencias asociadas ás clases populares que teñen escaso acceso ao espazo público. Asemade, convocamos a sociedade para que se implique activamente neste labor común.
5. Fronte aos contidos banais e evasivos xerados polas industrias e medios de comunicación de masas, optamos pola incorporación e potenciación de experiencias culturais auténticas, arraigadas, comprometidas e críticas.
6. Por último, como parte da sociedade que alimenta as nosas literaturas, non estamos á marxe dos procesos históricos que están a vivir as nosas respectivas nacións co obxectivo de conseguirmos as máximas cotas de soberanía. Neste sentido, seguiremos a traballar para acadarmos a plena normalización das nosas realidades nacionais e, en consecuencia, das nosas culturas e sistemas literarios.

Este encontro é tamén o marco no que se celebra a Asemblea da Federación Galeusca, creada polas asociacións de escritores de Euskadi, Cataluña e Galicia como instrumento para a coordinación e a acción conxunta, esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas. A Asemblea tomou, entre outros, o acordo de facer xestións ante o Ministerio de Cultura para que aplique e leve á practica a proposición non de Lei Medidas para que o Ministerio de Cultura asuma a multiculturalidade e plurilingüismo existente no Estado no sector da literatura (1), que, impulsada pola propia Federación Galeusca, foi finalmente foi aprobada por unanimidade o 15 de setembro de 2010 no Congreso dos Deputados. Esta proposición indica que o Estado debe crear as condicións para que poidan ser perceptoras das axudas económicas as asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado, feito que non está a acontecer dado que a Asociación Colegial de Escritores de España recibe axudas ás que non optan as súas homólogas de Cataluña, Euskadi e Galicia.

(1) Foi aprobada nos seguintes termos:
1. O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir avanzando no impulso e protección da multiculturalidade e o plurilingüísmo existente en España, mediante unha política de promoción, protección e difusión da obra artística e literaria, con independencia da lingua utilizada.
2. O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir impulsando a incorporación de representantes do ámbito literario en todas as linguas do Estado en Actos, Premios, Xurados e Institucións dependentes do Ministerio de Cultura. Así mesmo insta a crear as condicións para que poidan ser perceptores das axudas económicas as asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado.
3. O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir establecendo canles de diálogo coas asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado.

XXIX Encontro Galeusca: Donostia, do 26 ao 28 de outubro de 2012

A XXIX edición de Galeusca celébrase en Donostia, organizada pola (Euskal Idazleen Elkartea) baixo o lema Oralidade. O que se escribe para dicir (Ahozkotasuna. Esateko idazten dena).
Nesta edición quérese debater a oralidade desde o punto de vista do escritor/a, analizando as características dos textos que se crean para seren lidos e interpretados (guións de cinema e teatro, medios de comunicación, poemas, contacontos…). Tamén os modos nos que o escritor/a recrea a oralidade e, en especial, a intencionalidade do escritor/a na recreación da linguaxe falada tendo en conta as características e situación de normalización da lingua na que se escribe.
A delegación galega estará composta por Cesáreo Sánchez, presidente, Mercedes Queixas, secretaria xeral e os relatores/as:
Antonio Reigosa, que presentará o relatorio A oralidade nos textos literarios.
– Vanesa Sotelo, quen co título Operativos e literarios, participará na mesa Guións de teatro e cine.
Xurxo Souto, que participará na mesa Oralidade e medios de comunicación co traballo titulado Xeografía xeral do mar de Galiza.

O programa é o seguinte:

Venres 26 de outubro
18:00 h. Benvida.
19:30 h. Recital-concerto: Zazpi poeta / Alén da fronteira, en Koldo Mitxelena kulturunea. Trátase dunha sesión en galego e éuscaro na que participarán Xosé Estévez, José Ángel Irigaray e Luís Rei Núñez. O cantautor Ruper Ordorika e o músico Arkaitz Miner interpretarán varias composicións baseadas nos textos de Luigi Anselmi, Bernardo Atxaga, Jon Gerediaga, Tere Irastortza, Xabier Lete, Xabier Montoia e Joseba Sarrionandia, que protagonizan o poemario Alén da fronteira.

Sábado 27 de outubro
09:30 h. Acto oficial no museo San Telmo.
Conferencias: Oralidade
* 10:15-10:45 h. Juan Kruz Igerabide (EIE).
*10:45-11:15 h. Laia Martinez Lopez (AELC).
*11:15-11:45 h. Antonio Reigosa (AELG).
Conferencias: Medios de comunicación
* 12:15-12:45 h. Rafa Xambó i Olmos (AELC).
* 12:45-13:15 h. Xurxo Souto (AELG).
* 13:15-13:45 h. Arantxa Iturbe (EIE).
Conferencias: Guións de teatro e cine
* 16:30-17:00 h. Vanesa Sotelo (AELG).
* 17:00-17:30 h. Aitzpea Goenaga (EIE-Etxepare Institutua).
* 17:30-18:00 h. Lluís Arcarazo Martínez (AELC).
18:30-20:00 h. Contacontos: Joxemari Carrere (éuscaro), Cristina Mirinda (galego), Carles Garcia Domingo (catalán).

Domingo 28 de outubro
10:30 h. Asemblea e Conclusións finais da Federación Galeusca.

As asociacións de escritores en catalán, éuscaro e galego formaron a Federación Galeusca o 15 de xuño de 2008, en Poblet, coincidindo co 25 aniversario da reunión anual Galeusca creada para establecer relacións entre os creadores/as de obras literarias na tres linguas minorizadas de España. O obxectivo da súa creación é que as tres asociacións teñan un instrumento legal para a coordinación e a acción conxunta, e tres anos despois, a Federación Galeusca converteuse nunha ferramenta que é esencial para a afirmación da profesión e combater a invisibilidade social dos escritores/as nas tres linguas.

Manifesto da Federación Galeusca 2011

Damos publicidade ao Manifesto final do XXVIII Encontro Galeusca, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Euskal Idazleen Elkartea e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, e que tivo lugar no Ateneu de Barcelona os pasados venres 30 de setembro e sábado 1 de outubro, baixo o título A tradución literaria. Profesión e creación.

MANIFESTO DA FEDERACIÓN GALEUSCA
ATENEU BARCELONÈS – BARCELONA 2011

Reunidos en Barcelona o día 1 de outubro de 2011, Nós, escritoras e escritores galegos, vascos e cataláns, MANIFESTAMOS:

1. En contra de todo intento de invisibilización, manipulación e desvirtuación cultural e nacional, somos escritoras e escritores galegos, vascos e cataláns aqueles que usamos como instrumento de creación as nosas respectivas linguas, é dicir, galego, éuscaro e catalán.

2. A pesar dos adiantos en normalización, non só nos atopamos moi lonxe aínda dos mínimos esixíbeis nunhas sociedades nacionais asentadas, senón que asistimos no presente ao que consideramos unha involución no recoñecemento das nosas identidades. Damos conta máis unha vez da falta de cultura plurilingüe do Estado español, que nos últimos trinta anos non manifestou a vontade de favorecer un clima de educación para a convivencia democrática real e mutuo entendemento entre as diferentes linguas e literaturas do ámbito do Estado, sometidas sempre a ese mito anacrónico do “destino histórico” da cultura española.

3. Diante dos novos intentos de recentralizacion do estado unitario español, seguimos a constatar que, só se cada unha das nacións aquí representadas accedemos a maiores cotas de soberanía, haberá garantías de pleno restabelecemento a niveis de normalidade.

4. Reiteramos o noso apoio aos modelos de inmersión lingüística aplicados polos nosos sistemas educativos como modelo de adquisición das nosas linguas e culturas minorizadas.

5. Que, vinte e sete anos despois do Manifesto de Poblet, os sucesivos encontros anuais demóstrannos a preocupación intensa dos escritores a respecto da problemática das nosas nacións sen estado, pois constatamos aínda hoxe a existencia de novas formas de censura económica e ideolóxica, que tamén afectan aos escritores e escritoras.

6. Reafirmámonos no compromiso firme de aprofundar nas relacións continuadas de intercambio e de acción conxunta entre as literaturas de Galicia, Euskal Herría e Países Cataláns, a través da Federación Galeusca. En concreto:

– Promover intercambios de escritores/as e experiencias das producións literarias respectivas.
– Pór en marcha publicacións comúns adaptadas aos novos formatos dixitais de edición.
– Impulsar traducións mutuas destinadas a favorecer o transvasamento de experiencias culturais.
– Velar pola defensa conxunta e solidaria dos intereses profesionais.

Finalmente, comprometémonos a continuar traballando no camiño xa comezado naquel primeiro encontro, celebrado en Poblet o día 24 de xuño de 1984, e autoconvocámonos anualmente para dar continuidade ao labor iniciado entón e hoxe desenvolvido a traves da Federación Galeusca, creada no ano 2009.

Aquí pódese ver o texto e unha ampla crónica con todo o acontecido.