Aurora Marco, a homenaxeada no Día das Galegas nas Letras

Desde Nós Diario:
“A plataforma de crítica literaria A Sega anunciou este sábado que o Día das Galegas nas Letras homenaxeará este ano a Aurora Marco. Ao recibir a noticia, a autora indicou a través das súas redes sociais que lle enche “de satisfacción e orgullo” recibir este recoñecemento. “

Irmandiñas, de Aurora Marco, gaña o III Premio de Investigación Baltar Feijóo

Desde a Fundación Rosalía:
“O xurado do III Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo optou de forma unánime por galardoar Irmandiñas, de Aurora Marco (Laiovento, 2020) como obra máis destacada dos dous últimos anos no estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.
O xurado, que premiou Irmandiñas por unanimidade, salientou que “é unha obra de dilatada investigación que ilumina unha parte fundamental da cultura galega contemporánea desenvolta no periodo das Irmandades: a protagonizada por mulleres. Contén un grande esforzo investigador que inclúe documentación escrita e gráfica e vén agrandar toda unha traxectoria guiada polo obxectivo de restaurar para a muller o papel que lle corresponde na sociedade”.
Reunido de forma presencial e telemática, o xurado estivo formado por Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega; Francisco Prado Vilar, historiador; Lydia Fontoira, profesora da USC; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijóo; ademais de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.
Irmandiñas consegue, a través dunha pescuda perseverante en hemerotecas, arquivos e fontes orais, confirmar documentalmente que na acción social, cultural e política tamén estaban elas. Estaban no activismo inicial tras o nacemento das Irmandades, nos coros e agrupacións teatrais, na actividade intelectual do Seminario de Estudos Galegos, no desenvolvemento editorial galego, na actividade política, no espallamento do ideal galeguista e republicano, na defensa da lingua, na escrita… Alí estaban as mulleres galegas cuxas traxectorias se recollen neste libro para tentar cubrir un inxusto baleiro. (…)
A entrega do premio, que é honorífico (diploma e insignias da Casa de Rosalía), terá lugar no transcurso dun acto a celebrar no auditorio da Casa-Museo de Rosalía o 29 deste mes de decembro.
A Fundación Rosalía de Castro convocou en setembro a terceira edición do Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo co obxectivo de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.
Este galardón pretende tamén honrar os valores de protección e mecenado da familia para con Padrón, coa cultura galega en xeral e para con figuras de tanta relevancia coma Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Alfonso Daniel R. Castelao. (…)”

Monforte de Lemos: Xornada “Cen anos soñando o destino”

Máis información e inscrición aquí.