Carlos Penela gaña o XVII Premio de Poesía Miguel González Garcés, sendo designado Baldo Ramos como finalista

Carlos Penela, vigués do ano 1975, é o gañador da XVII edición do Premio de poesía Miguel González Garcés que convoca a Deputación da Coruña.
Así o decidiu o xurado, reunido o xoves 19 de xuño na sede da institución provincial, tras valorar “o rigor na elobración do conxunto, a súa capacidade de reflexión metapoética e de aprehensión do mundo pola linguaxe, con moi suxestivas referencias culturais da tradición europea”.
O gañador, que se presentou ao certame cun poemario titulado Arte de fuga, é licenciado en Filoloxía portuguesa pola USC e actualmente vive en Viena. Ademais de escribir, dedícase tamén á tradución e á docencia.
Entre o seu currículo destacan o Premio Espiral Maior de Poesía en 1997, o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón no ano 2000 ou o accésit do Premio Esquío de poesía no 2004. Ademais, no ano 2007 gañou o Premio de poesía Caixanova coa obra Sombras, rosas, sombras.
Agora, como gañador do Miguel González Garcés, recibirá 6.500 euros e a edición da obra.

Os membros do xurado decidiron tamén designar como finalista ao poeta e artista plástico de Celanova Baldomero Fernández Ramos, coñecido como Baldo Ramos, pola obra Amado estranxeiro. Este último será recoñecido coa edición dunha obra que, segundo reflexa a acta de concesión do premio, destaca “pola súa capacidade de sorpresa no uso da imaxe, pola perspectiva equilibradamente visionaria e o seu sentido rítimico”.
O xurado do premio de poesía que convoca a Deputación estivo presidido por Mariel Padín, vicepresidenta primeira da institución e responsable da área de Cultura, e comisariado por Xavier Seoane. Tomaron parte tamén nas deliberacións Xosé María Álvarez Cáccamo, Ramón Neto, Henrique Rabuñal, Manuel Forcadela e Alexandre Nerium.

Cuestionario Proust: Oriana Méndez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Oriana Méndez:

«1.– Principal trazo do seu carácter? A fame.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas? A solidariedade.
3.– Que agarda das súas amizades? Que me avisen para as festas.
4.– A súa principal eiva? Pode ser a impaciencia.
5.– A súa ocupación favorita? Ler cuestionarios Proust.
6.– O seu ideal de felicidade? Unhas cervexas e boa compaña mirando para as Cíes.
7.– Cal sería a súa maior desgraza? Non o podo saber.
8.– Que lle gustaría ser? Outra persoa, saber como se é outra.
9.– En que país desexaría vivir? En Cuba.
10.– A súa cor favorita? Negro.
11.– A flor que máis lle gusta? Non sei nada de flores, gústanme as mapoulas sobre os campos de Castela.
12.– O paxaro que prefire? Teño problemas coas aves desde pequena.
13.– A súa devoción na prosa? Cid Cabido.
14.– E na poesía? Manuel Antonio.
15.– Un libro? M-Talá.
16.– Un heroe de ficción? Drácula.
17.– Unha heroína? Pepa a Loba.
18.– A súa música favorita? Agora mesmo Das Kapital.
19.– Na pintura? O que fai Baldo Ramos.
20.– Un heroe ou heroína na vida real? Todos aqueles aos que o fascismo está asasinando en Ucraína.
21.– O seu nome favorito? Antonia.
22.– Que hábito alleo non soporta? O de molestar.
23.– O que máis odia? O neoliberalismo.
24.– A figura histórica que máis despreza? Franco.
25.– Un feito militar que admire? A batalla de Stalingrado.
26.– Que don natural lle gustaría ter? Levitar desde logo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer? De ningunha maneira me gustaría morrer.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual? Nin remota idea.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia? Aqueles que derivan da dor.
30.– Un lema na súa vida? Venceremos, claro.”

Celanova: presentación de Onde beben os cervos que amansou o calígrafo, con poemas de Baldo Ramos e gravados de Carlos González Villar

O sábado 19 de abril, ás 12:00 horas, na Fundación Curros Enríquez (Rúa Curros Enríquez, 37), de Celanova, preséntase o libro-catálogo Onde beben os cervos que amansou o calígrafo, coa presenza dos seus autores, Baldo Ramos e Carlos González Villar.

Cuestionario Proust: Baldo Ramos

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Baldo Ramos:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Ser paciente e non preguntar máis do debido.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A humildade e que sexan sinceras.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que non me traizoen máis do necesario.
4.– A súa principal eiva?
– Non saber confesarme como deus manda.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ver medrar os meus fillos
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que sexan felices cando medren.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Morrer e non decatarme.
8.– Que lle gustaría ser?
– De maior? Uf, xa me pasou o tempo de poder escoller.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galicia que se entendera a si mesma.
10.– A súa cor favorita?
– O negro negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa de cor azul.
12.– O paxaro que prefire?
– O que non se deixa ver con facilidade.
13.– A súa devoción na prosa?
– Imos rezar algo por Faulkner ou Onetti.
14.– E na poesía?
– Os poetas sen sotana.
15.– Un libro?
– De papel.
16.– Un heroe de ficción?
– O que non pretende ser críbel.
17.– Unha heroína?
– A que non cre demasiado en si mesma.
18.– A súa música favorita?
– A música barroca.
19.– Na pintura?
– O expresionismo abstracto norteamericano.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A xente que fai ben a cambio de nada.
21.– O seu nome favorito?

 
 
 

22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de sinceridade.
23.– O que máis odia?
– A xente que non sabe escoitar.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hai tantos persoeiros da maldade, que resulta difícil escoller.
25.– Un feito militar que admire?
– O compromiso dos soldados que senten que traballan para unha ONG.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O de ser árbore.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Cos ollos ben abertos
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O do morcego que descubriu as contrapartidas da luz.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia e a incredulidade.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.”

Compostela: presentación da Antoloxía de referencia do sentimentalismo (3 volumes)

O martes 28 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Bus Station Space (Praza de Camilo Díaz Valiño, 17, enfronte da estación de autobuses) de Santiago de Compostela, preséntanse os tres volumes da Antoloxía de referencia do sentimentalismo, publicados pola editorial Bubela. No acto participan Yolanda Castaño, Francisco X. Fernández Naval, Baldo Ramos, Eva Veiga, Olalla Cociña e Berta Dávila xunto cos antólogos Manuel Celso Matalobos, Olga Patiño Nogueira, Xavier Lama, Branca Novoneyra e Mariña Pérez Rei.