Arquivos da etiqueta: Brais Suárez González
A Coruña: presentación de Mar branco, de Brais Suárez González
Vigo: presentación de Mar branco, de Brais Suárez González
“Eugénio de Andrade, a poesía do cotián”
Artigo de Brais Suárez en La Voz de Galicia:
“Hai un momento no que o Porto, cidade granítica e carriceira, se volve líquida. No abrente, a brétema fría ataca dende o Atlántico, acóplase ao Douro e mestúrase coa súa corrente hostil; xuntas, augas doce e salgada ascenden polos rochosos cantís e metálicas pontes en forma de chuvia. E alí onde conflúen as nubes coa terra, no cumio da cidade, o cemiterio Prado do Repouso acolle todos eses personaxes que construíron a identidade portuense e cuxas ideas seguen a velar por ela.
O pasado 19 de xaneiro, Prado do Repouso amenceu baleiro, frío, enchoupado, pero na tumba de Eugénio de Andrade (Fundão, Póvoa de Atalaia, 1923-Porto, 2005), feita polo seu amigo Álvaro Siza, unhas flores frescas, un ramo de calas, un libro e unha candea delataban a emoción que o centenario deste poeta supón para o Porto, onde se afincou nos anos 50. «É a súa cidade adoptiva, pero nin o Porto se entende sen Eugénio nin Eugénio sen o Porto», di Jorge Sobral, curador da exposición conmemorativa que aloxa a biblioteca municipal Almeida Garrett. É o primeiro dos eventos que devolven a obra de Andrade ás librerías, ás rúas e aos auditorios lusos.
Entre a tumba do poeta e esta biblioteca atópase precisamente esa cidade que non se pode ver sen o sentido estético de Andrade, destinado ao Porto en 1950, tras peregrinar por todo o país como inspector médico. Chegaba no máis cru do Estado Novo, un réxime do que tería que abstraerse no seu propio seo. A uns metros do seu cemiterio, habitou esta mesma cidade, igual de esvaradía, de bretemosa, encharcada de saudade. Na rúa de Palmela, refuxiouse na literatura e nos amigos. «Falabamos moito de literatura, discutiamos asuntos cotiáns, da vida», conta Rosa Alice Branco, escritora que o coñeceu cara ao final da súa vida. «Alí, el tamén recibía os artistas da próxima Facultade de Belas Artes; todos os pintores querían retratalo, era moi influínte», lembra Branco. «Non era doado, tiña unha personalidade moi forte, nada paciente, moi esixente. Adoitaba haber algo de tensión, pero non foi o meu caso. A min coñeceume de poeta a poeta, como me dixo, non como muller», conta. «Sobre todo, lembro escoitar as sonatas de Haydn e intercambiar interpretacións de distintos mestres, era un apaixonado da música», di Branco.
Si, outra vez a auga, tamén como carácter. Pesarosa, escura, rítmica, esencial para fornecer a terra. Así era a poesía dun autor que conseguiu fuxir da súa época. Sempre lembrando o elemental e telúrico do seu Fundão natal, elevábase a un ceo sen horizontes. Sustentándose na Antigüidade e ignorando o neorrealismo dos trinta, produciu unha sensualidade ambigua, tan corpórea coma espiritual. «Só hai que escoitalo recitar», enxalza Branco. «Destacan máis os fonemas que as palabras, ninguén lía mellor ca el, sigo escoitándoo nos seus vídeos, a súa musicalidade é perfecta». «El trouxo a Portugal a poesía do cotián, afastouse do político e foi alén diso, era poeta até para lavar as mans», proclama Branco. «O seu non era poesía para a realidade, senón realidade para a poesía», incide. «Parecía que se deixara de falar del, pero alédame ver que a súa obra volva nestes días», di en alusión aos actos do centenario. «Tíñao todo para ser lembrado, xeraba un campo magnético», conta deste autor que gañou posteridade en vida, «especialmente en festivais estranxeiros».
De xeito similar pensa o organizador dos actos conmemorativos no Porto, Jorge Sobral: «Os escritores deben permanecer en contacto co público e viceversa. A súa obra mantén toda a vitalidade, coa súa forte resonancia erótica, cunha frescura moi actual». Nos materiais recollidos «tomamos contacto coa súa estética do rigor, coas imaxes da cultura grega, cos manuscritos esculpidos, coa procura da perfección», di sinalando as fotos deste home cuxo «rostro é unha posición ética, unha extensión do poema. Como na cultura grega, estética e ética son a mesma cousa».
A achegada relación con Galicia dun gran sedutor
Eugénio de Andrade coñeceu tamén as augas galegas, conta por teléfono o poeta e presidente da AELG, Cesáreo Sánchez. «Eu visiteino moito na súa casa da rúa de Palmela, el agradecía a relación cos poetas novos», lembra. «Pero tamén estivo en Galicia varias veces. Recordo que se sorprendía, nunha visita ao mosteiro de Caaveiro, na beira do Eume, «coas augas máis transparentes que a conciencia do profeta», cita Sánchez. «Coñecía ben os nosos escritores, valoraba a Rosalía, falabamos moito de Galicia, que pensaba coma unha prolongación da súa terra. Desas conversas, conservo a elegancia na súa profundidade, a elegancia de alma. Eu tiña uns 32 anos e recibíame coma un colega, valorando o que estaba a facer; tamén lle gustaba recibir visitas de estranxeiros que o coñeciamos e liamos», di Sánchez. Tamén «veu a moitos encontros poéticos en Galicia. “Son coma un pianista: se hai algún ruído, paro”, advertía antes de comezar; lía moi ben, era para el un acto importante, tanto coma a escritura».
Sánchez detalla algúns aspectos do método de traballo do autor de poemarios como As palavras interditas (1951), Obstinato rigore (1964), Obscuro domínio (1971), Matéria solar (1980), O sal da língua (1995) e Lugares do lume (1998): «Escribía un poema, quedaba cun verso e volvía reconstruílo a partir de aí». «Destacaba tamén a súa faceta de tradutor [con atención na obra de Lorca], capaz de conservar o espírito do poema». E engade: «Eugénio vivía en poesía, xogaba coa luz do cuarto, en todo el había sedución, coqueteo, quería namorarte».
O día no Porto remata cos versos de Andrade: «Anoitece. É preciso partir. É preciso ficar».”