Berta Dávila gaña o XV Premio de Poesía Johán Carballeira

O xurado do XV Premio de Poesía Johán Carballeira, constituído por Calros Solla (gañador da edición anterior do premio), o crítico literario Héitor Mera e o poeta Alfonso Láuzara, reuniuse nesta data para resolver o dito premio, actuando como secretario, en representación do Concello de Bueu, Xabier Framil Barreiro.
Tralo pertinente debate resultou gañador por unanimidade o traballo Raíz da fenda, de Berta Dávila Fernández. O xurado valorou a mensaxe, o ton, a boa estruturación e en definitiva a sensibilidade que amosa o poemario no seu conxunto. Destaca especialmente que se trate dun poemario limpo de artificio, carente de adobíos innecesarios.

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, coloquio sobre Lugares Máxicos

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O luns 12 de marzo, ás 19:30 horas, no Salón de Actos do Pazo, terá lugar un coloquio sobre o tema Lugares Máxicos. Participan Vítor Vaqueiro e Antonio Reigosa, coa moderación de Calros Solla.

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, obradoiro dirixido por Calros Solla, o 29 e 30 de marzo

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O xoves 29 e o venres 30 de marzo, entre as 19:00 e as 21:00 horas, Carlos Solla organiza un Obradoiro para adultos, baixo o título As cousas boas, amuletos, talismáns e outros obxetos de poder da sabenza tradicional. A inscrición, gratuíta, pódese realizar desde a páxina do Salón do Libro. O número de prazas é limitado e cubriranse por orde de recepción das solicitudes, tendo preferencia os/as socios/as da AS-PG. Os participantes recibirán un certificado de asistencia emitido pola AS–PG.

Morgadáns: acto de entrega do Premio Victoriano Taibo e presentación do libro gañador, Holocausto Zocae, de Calros Solla

O sábado 12 de novembro, ás 19:00 horas, na Escla de Guillufe en Morgadáns, terá lugar o acto de entrega do IV Premio de poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, que este ano gañou Calros Solla co seu poemario Holocausto Zacoe. No acto, conducido por Marta Dacosta, presentarase o libro premiado, e contará coa presenza de Miguel Anxo Mouriño, quen lembrará a figura de Victoriano Taibo, Gonzalo Navaza, Fernando Guitián, Urbano Esmerode, Carlos Méixome e o autor premiado, quen recitará fragmentos da obra gañadora, xunto á actuación musical do grupo de gaitas Balcón do Miño.

“Latín dos canteiros nos SMS”

Artigo en Cultura Galega:
“Darlle vida (cando menos un pouco) á fala dos canteiros na zona de Terra de Montes. Este é o proxecto que acariña Calros Solla, investigador das tradicións desta zona. Como primeiro paso neste difícil camiño, acaba de publicar O verbo xido, un libro que recolle o vocabulario e pretende facilitar o aprendizado desta linguaxe gremial. Malia a que as súas palabras continúan a ser descoñecidas para a maior parte da sociedade, hai xa ben tempo que se sabe da existencia dunha fala particular que os canteiros, como outras profesións maiormente de carácter itinerante empregaban para se comunicar entre eles sen que o seu contorno soubese o que dicían. Deste xeito, existe tamén ao barallete dos afiadores, ou o latín dos cavaqueiros, entre outras falas con presenza no noso país. Segundo Calros Solla “a lingua dos canteiros debe ter a súa orixe no momento no que este gremio eran os grandes construtores de igrexas, pontes ou catedrais, na Idade Media, era un código exclusivo para se poder comunicar e transmitir os misterios e os segredos da profesión” (…)”.

Calros Solla gaña a IV edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns con Holocausto Zacoe

“Reunido no día de hoxe o xurado do IV Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns acordou conceder o premio que recaeu este ano en Calros Solla, domiciliado en Pontevedra, que presentou a obra Holocausto Zacoe. O xurado do certame Victoriano Taibo valorou a unidade e a elección temática do orixinal. O libro é unha alegoría sobre a situación do idioma e da identidade do pobo galego. A ironía e o humor son os recursos fundamentais para esquivar o desacougo tráxico que os poemas nos relatan, pois malia o sorriso que conseguen debuxar en nós, non podemos ignorar a realidade negativa dos seus enunciados. Holocausto Zacoe é a demostración de que a poesía é divertimento e mensaxe, un medio para reflexionar e concienciarse da realidade que nos rodea.” Nova recollida tamén en Xornal.

A Coruña: recital poético con Estíbaliz Espinosa, Andrea Nunes, María Rosendo e Calros Solla

O xoves 16 de xuño, ás 20:00 horas, no Bar A Repichoca (Rúa Orillamar, 13) da Coruña, terá lugar un recital poético organizado por Tinta de Lura, que contará coa participación de Estíbaliz Espinosa, Andrea Nunes Brións, María Rosendo e Calros Solla.

Pontevedra: presentación de O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo, de Calros Solla

O xoves 19 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa da Oliva, 24) de Pontevedra, terá lugar a presentación do libro O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo, de Calros Solla, publicado por Edicións Morgante. O acto está apradiñado pola Asociación Amigos da Cultura de Pontevedra e, canda o autor, intervirá o escritor e investigador mindoniense Xe Freire.

Lugo: presentación de Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo, de Rafael Quintía

O venres 29 de abril, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase o libro Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo (Unha proposta interpretativa en clave céltica) de Rafael Quintía, publicado en Serpe Bichoca. No acto proxectarase tamén unha versión reducida do documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica, coa presenza de João Bieites, realizador e codirector —xunto a Rafael Quintía e Calros Solla— deste traballo audiovisual, considerado o primeiro documental de longa duración sobre mitoloxía galega.