Polafías Polavida, no Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol)

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Das 35 polafías que se celebraron por todo o país, 8 tiveron lugar tiveron lugar en museos, centros de interpretación ou coleccións visitables como este Museo Fortaleza de San Paio de Narla, Friol, o 22 de novembro de 2008.
Para rememoralo, escoitamos esta “Garganta foliadeira” interpretada por Antón Castro.
Aquí podes ver os vídeos desta Polafía.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.

Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 7 de agosto

O 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:00 h. Presentación de Os días felices de Benvido Seixas, de Eduard Velasco, publicado por Xerais. Participan María Lado, Fran Alonso e o autor. Ao remate sinatura de exemplares.
18:00 h. Animaliños (5 a 11 anos). Narración oral de contos do mundo con Ramiro Neira.
19:00 h. Presentación de Remexido de patacas, de Eli Ríos e As fauces feroces de Emma Pedreira, publicados por Baía Edicións.
19:00 h. Obradoiro, contacontos e presentación de A manchas ou a raias?, de Estefanía Padullés, publicado por Hércules de Edicións.
19:00 h. Carlos Meixide asina na caseta da Libraría Berbiriana.
19:30 h. Nuria Díaz asina Pioneiras na caseta de Moito Conto.
19:30 h. Lucía Cobo asina na caseta da Libraría Lume.
19:45 h. Presentación de Rosalía feminista, de Helena González Fernández, publicado por Xerais. Participan Ana Romaní, Fran Alonso e a autora. Ao remate sinatura de exemplares.
20:30 h. “Retratos e poemas da emigración”. Participan Manuel Rivas, Manuel Álvarez, Manuel Bragado e modera Xosé Manuel Pereiro. Sinatura de Sementeira porträts e de todos os libros de Manuel Rivas.
20:30 h. Esther López Castro asina María na busca da liña do horizonte na caseta da Libraría Arenas.

Cangas acolle o 26 de xullo a estrea do documental sobre Bernardino Graña

Desde a Real Academia Galega:
“O auditorio de Cangas acolle o venres 26 de xullo, a partir das 21 horas, a estrea do documental sobre Bernardino Graña (Cangas, 1932) dirixido por Xan Leira. Bernardino Graña, o home que quixo vivir construiuse a partir dun encontro en Panxón do escritor e académico con amizades. Persoas próximas ás diversas actividades que protagonizou o autor ao longo da súa vida, desde as profesionais e literarias ata as políticas e sociais, tecen un relato coral en diálogo coas lembranzas e reflexións do propio homenaxeado.
A gravación tivo lugar en Moaña, Cangas e Panxón e contou coa colaboración de Alexandre Ripoll, Asun Sóñora, Héitor Mera, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Millán, Rafael Lorenzo, Marta Dacosta, Camilo Camaño, Xosé Manuel Pazos, Manuel Álvarez, Cesáreo Sánchez e Helena Pérez. O filme recolle tamén testemuños dos desaparecidos Bautista Álvarez, compañeiro do grupo Brais Pinto, e Raimundo García Borobó recollidos no arquivo persoal de Xan Leira.”

O cineasta Xacio Baño suma o seu traballo ao Proxecto Nimbos

Desde Sermos Galiza:
“Autor da curtametraxe Anacos, posibelmente a máis premiada do audiovisual galego dos últimos anos, Xacio Baño incorpora agora un novo traballo ao Proxecto Nimbos, unha iniciativa creada arredor do poeta Díaz Castro desde o blogue Acto de primavera e no que participan máis de trinta cineastas.
Baño recrea en imaxes o poema Ai capitán que xa se pode ver na páxina do blogue creado polos críticos e programadores Xurxo González, Martín Pawley e José Manuel Sande. Acto de primavera publicou até o momento os filmes de Manuel Del Río, Manuel Álvarez, Carla Andrade, Otto Roca, RnL, David Castro e Xurxo Chirro. Proxecto Nimbos quer levar a obra de Díaz Castro ao audiovisual a partir de pezas de autoría que teñan como referencia os versos do autor que será homenaxeado o próximo ano no Día das Letras Galegas.
Os cineastas que se comprometeron a participar no proxecto son Xurxo Chirro, Margarita Ledo, Eloy Enciso, Alberto Gracia, Oliver Laxe, David Castro Sopeña, Carlos Álvarez-Ossorio, Diana Toucedo, Juan Lesta, Belén Montero, Xacio Baño, Pablo Cayuela, Xan Gómez Viñas, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Otto Roca, Alfonso Zarauza, Xosé Antón Cascudo, Ángel Santos, Manuel Fernández-Valdés, Eloy Domínguez Serén, Simone Saibene, Sonia Méndez Alonso, Antón Caeiro, Uxía Blanco, Manuel Álvarez Álvarez, Alex Cancelo, Xoán Escudero, Ramiro Ledo Cordeiro, Pela del Álamo, Manuel del Río, Alberte Pagán e Lois Patiño.”