Ferrol: actividades da fin de semana na Feira do Libro

Dentro do programa da Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), primeira das Feiras do Libro deste ano en Galicia, destacan as seguintes actividades durante o fin de semana:

Sábado 9:
– 12:00 h. Auditorio da Fundación Caixa Galicia: Elas. Palabras que o vento non leva. Experiencias no mundo da palabra, coa participación de Lucía Aldao, Yolanda Castaño, Adela Figueroa e Aurora Marco.
– 13:00 h. Auditorio da Fundación Caixa Galicia: Actuación poético-musical de Lucía Aldao e María Lado.
– 19:45 h. Carpa Institucional da Feira. Presentación do libro Abrapalabra!, de Antón Cortizas e Carlos Coira, publicado en Galaxia.

Domingo 10:
– 13:00 h. Carpa Institucional da Feira. Presentación do libro Madeira de Mulher, de Adela Figueroa (escritora) e Mª Celsa Sánchez (ilustradora), publicado en Edicións do Castro. Presentan o acto Emilia Seoane e Suso Piñeiro.
– 19:15 h. Carpa Institucional da Feira. Monólogo cómico Cunqueiradas, por Cándido Pazó.

Santiago: Cunqueiro e a maxia da palabra no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 2 de abril, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras. Sábados de autor, que se desenvolven na Cidade da Cultura, terá lugar esta actividade: Cunqueiro e a maxia da palabra, co seguinte programa:
12:00 | Relatorio: Quico Cadaval. Actor, director, adaptador de teatro e contacontos, é un dos nosos cómicos máis corrosivos e penetrantes, así como un profundo coñecedor do universo máxico de Álvaro Cunqueiro.
13:00 | Cunqueiradas (45 minutos), por Cándido Pazó. Desde a súa longa e recoñecida experiencia, o narrador oral Cándido Pazó reúne neste espectáculo cómico algunhas das súas historias e lerias inspiradas nos contos do xenial mindoniense.

Vigo: inauguración da Biblioteca Xosé Neira Vilas

O xoves 24 de marzo, ás 18:00 h., na Avenida Martínez Garrido, 21, de Vigo, a Concellaría de Cultura do Concello de Vigo inaugura a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas. Neste acto participan o autor que dá nome á Biblioteca e Cándido Pazó, que representará un extracto do seu monólogo Memorias dun neno labrego.

Santiago: Memoria das Memorias dun neno labrego, de Cándido Pazó, coa presenza de Xosé Neira Vilas

O 28 de xaneiro, a partir das 20:30 h., no Salón Teatro de Santiago, estréase o espectáculo de Cándido Pazó Memoria das Memorias dun neno labrego, sobre a obra de Xosé Neira Vilas, quen subirá ao estrado para recibir a merecida e calurosa homenaxe do público.

Santiago: presentación da nova edición de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas

O mércores 26 de xaneiro, ás 20:00 h., no Centro Social Novacaixagalicia (Praza de Cervantes, 17) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación da nova edición de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, acto co que o Concello da cidade e a Editorial Galaxia conmemoran o 50 aniversario da publicación desta obra.  No acto participan Guadalupe Rodríguez Silva, Víctor F. Freixanes e o propio autor, contando tamén coa presenza do actor e director Cándido Pazó, quen fará un breve apuntamento escénico sobre o seu espectáculo baseado no libro, que se estreará no Salón Teatro de Santiago o 28 de xaneiro ás 20:30 h., onde permanecerá durante tres días. Aquí se pode descargar a presentación do espectáculo: Dossier Memoria das Memorias dun neno labrego. Crónica posterior en Galicia Hoxe e La Voz de Galicia.

Catro autores optan ao Premio Max ao mellor autor teatral en galego

Catro autores optan ao Premio Max al Mejor Autor Teatral en Gallego: Ánxeles Cuña Bóveda por Dame veleno, eu tamén soñar; Cándido Pazó por A piragua; Jorge Rey por Fidra; e Roberto Salgueiro por Valentino Rufini e âkil pillabán de viaxe a Milán (a van sen un can). O 22 de febreiro comeza a segunda rolda de votacións da que sairá o gañador nesa categoría. Máis información: sitio web dos Premios Max.

Libro aberto, programa do 3 de xuño

Esta semana Libro Aberto entrevistará a Bernardo Atxaga, o escritor vasco de máis sona na actualidade. Falarán con el da súa novela máis recente, Sete casas en Francia, un texto que nos leva á África colonial de principios do século XX.

A primeira reportaxe do programa fará un repaso pola literatura vasca desde as xeracións da posguerra ata a actualidade. Despois abordarán a actividade dos contacontos, figuras que recuperan historias populares e que mesturan a oralidade con recursos propios do teatro. Trátase dun grupo heteroxéneo, o que contribúe a unha crecente mestura de xéneros. O vigués Cándido Pazó falará deste ámbito da narración oral.

O programa conversou tamén coa mexicana Elena Poniatowska na súa primeira visita a Galicia. A autora, recentemente galardoada como escritora galega universal, explicará a relación entre a súa vida e a súa literatura.

Na sección de crítica, Armando Requeixo fará un repaso dos autores que pese a pertencer ao ámbito das pequenas literaturas nacionais conseguiron triunfar internacionalmente. Despois Carlos Quiroga, experto en letras portuguesas, analizará a obra As tres vidas do autor Joao Tordo, un dos escritores de máis sona no romance portugués.

Pecha o programa todo un clásico do cómic: Tintín. Este reporteiro de papel, levado posteriormente á pequena pantalla, tivo tamén as súas sombras. As viñetas de Tintín no Congo levantaron gran polémica, acusada de ter contidos racistas e de facer apoloxía do colonialismo.

Libro aberto emítese hoxe mércores 3 de xuño á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.

Quico Cadaval, Cándido Pazó e Teresa Moure, candidatos aos Premios María Casares

O próximo mércores 25 de marzo entréganse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña os premios María Casares, que outorga a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Na categoría de mellor texto orixinal os candidatos aos premios son Quico Cadaval, por Obra -No Comment, Teresa Moure por Unha primavera para Aldara e Cándido Pazó, por E ti quen vés sendo?. A obra que acumula máis candidaturas é Unha primavera para Aldara, con nove, seguida de Obra con sete.

Finalistas do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico

O Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico xa ten finalistas. O xurado elixiu as pezas presentadas baixo os lemas Peter Buckley, Servizo de Información e Xou mas gou on, que agora serán adaptadas polo director e actor Cándido Pazó. As obras van ser emitidas en diferentes programas da Radio Galega ao longo do mes de marzo. Máis información, no blog do Diario Cultural