Ourense: presentación de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

O xoves 22 de marzo, ás 20:00 horas, no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), preséntase Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicada en Galaxia. Xunto ao autor, participan no acto Carlos Lema e Xela López Blanco.

Teresa Moure gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2011 con Queer-emos un mundo novo

Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións é o título da obra coa que Teresa Moure acaba de levar o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio. A escritora impúxose no certame, dotado con 6.000 euros, entre 12 orixinais, e fai un achegamento á lingua e á literatura galega desde a teoría queer. Na súa obra, Moure critica a construción das categorías home/muller e cuestiona mesmo os empregos inclusivos do xénero da linguaxe, que considera baleiran de contido o potencial transformador do feminismo. Galaxia editará o volume ao longo do vindeiro ano.” Vía Cultura Galega.
Vía Galaxia: “O ensaio de Teresa Moure, que presentou co pseudónimo de Ramón Agrelo en alusión ao cuestionamiento de xénero, “vai máis alá da tradición feminista para criticar a construción das categorías home/muller e desmontar tanto a tradición hetero-normativa como a do propio feminismo”.  O ensaio de Moure foi premiado por maioría por un xurado formado por Ernesto González Seoane, María López Sández, Susana Reboreda Morillo, Anxo Tarrío Varela e Carlos Lema, director literario de Galaxia. O xurado destacou a calidade media dos doce orixinais presentados, así como a variedade de temas.”
Recollido tamén en Galicia Hoxe, La Voz de Galicia, El Progreso e El País.

Santiago: presentación de Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias

O martes 20 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Carlos Lema e Manuel Outeiriño.

A Coruña: presentación de A vida fóra, de Miguel Sande

O martes 22 de novembro, ás 19:30 horas, no Kiosko Alfonso da Coruña, preséntase a novela de Miguel Sande A vida fóra, publicada na Editorial Galaxia. No acto, en que participan, xunto ao autor, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Luís Vilela e Carlos Lema, actuará un grupo de violinos e canto do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e outras sorpresas. Crónica posterior en Galaxia.

Fernando Díaz-Castroverde gaña o Premio de narrativa breve Repsol con Microbios e outros paquidermos

“Fernando Díaz-Castroverde gaña o Premio de narrativa breve Repsol coa obra Microbios e outros paquidermos, dotado con 9.000 euros e a publicación da obra na Editorial Galaxia. Fina Casalderrey, membro do xurado, definiu a obra gañadora como “un libro harmonioso, relacionado cos aforismos”, destacando “o uso da a contundencia do breve, utilizando a retranca, ou absurdo, a transgresión e a crítica mordaz”. Son microrrelatos intelixentes que levan á reflexión, conseguindo un ritmo áxil que convida a facer paradas para o lector. “É un libro para pensar”, concluíu. Trinta e nove foron as obras orixinais e inéditas que, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120, se presentaron a este premio que chega á súa quinta edición. O xurado, formado por prestixiosas personalidades das letras galegas, estivo composto por cinco membros: Dolores Vilavedra, Darío Xohán Cabana, Carlos Lema, Xabier López e Fina Casalderrey. A entrega do Premio terá lugar antes do final do ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.” Vía Galaxia. Entrevista en La Voz de Galicia, e reseñas en Xornal, La Opinión, Fervenzas Literarias e El País (Galicia).

Antonio Piñeiro gaña o XXIII Premio Manuel García Barros, con As fiandeiras

“O escritor e editor Antonio Piñeiro resultou gañador da XXIII Edición do Premio Manuel García Barros, coa novela As fiandeiras por decisión unánime do xurado, que estivo formado por Inmaculada Otero Varela, Armando Requeixo Cuba, Bieito Iglesias Araúxo, Carlos Lema, Valentín García Gómez que actúa como Secretario.
En opinión do xurado, a novela gañadora é intensa, reveladora e sutil e achega a historia dun tempo pasado lexible en clave presente, abrindo vías que convidan a repensar realidades como o poder, o xénero, o educativo ou o avance do progreso. Novela de prosa moi plástica e cinematográfica, presenta unha trama ambientada nos tempos das revoltas cantonais do século XIX na que se desenvolve unha historia moi elaborada na caracterización psicolóxica dos personaxes, con decisiva pegada simbólica, onde se producen desvelamentos susceptibles de ser lidos dende a denuncia do social e que acaban por debuxar un delicado retábulo de seres e vivencias.
Antonio Piñeiro reside en Ribeira, é profesor de Historia e dirixe a editora artesanal Bourel. Este ano obtivo o Premio Avilés de Taramancos co relato A dama fulxente. A obra gañadora será publicada por Editorial Galaxia.” Vía Galaxia. Tamén en Fervenzas Literarias.

Vigo: actividades do xoves 7 de xullo na Feira do Libro

Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta desde o pasado venres 1 até o domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.

As actividades máis destacadas do xoves 7 son as seguintes:
20:00 h. Xulia Alonso Díaz asinará exemplares do seu libro Futuro imperfecto, publicado por Editorial Galaxia.
20:30 h. Xavier Queipo presentará o seu libro Ártico 2.0, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participarán no acto Carlos Lema e Gonzalo Navaza.

Vigo: presentación de Cero, de Oriana Méndez

O venres 17 de xuño, ás 20:00 horas, no Centro socio-cultural Bou Eva (Rúa Tercio de Fóra, 11-baixo A) de Vigo, presentación do poemario Cero, de Oriana Méndez, publicado en Galaxia. No acto, a autora estará acompañada por Carlos Lema, Chus Pato e Gonzalo Hermo.

Santiago: presentación de Fogar impronunciable, de María do Cebreiro

O mércores 8 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de Fogar impronunciable. Poesía e pantasma, o último ensaio de María do Cebreiro, publicado en Galaxia. A autora estará acompañada por Carlos Lema, Ana Salgado e Isaac Lourido.

O Carballiño: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 26 de maio, ás 20:00 h., no Casino do Carballiño (Rúa Tomás María Mosquera, 6), preséntase Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto acompañarán ao autor Carlos Lema, Ángel de la Cruz e Eduardo Galán.