Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2024


A Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2024, actividade da AELG, conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, Xosé Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2024 respectivamente a Camiño Noia Campos e Henrique Peón, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregaranse no marco da IX Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, que terá lugar o 18 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n) a partir das 18:00 horas, con entrada libre até completar capacidade.
No acto, conducido por Eva Teixeiro, participarán Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Antonio Reigosa, quen lerá a laudatio de Camiño Noia Campos, e Pilar García Negro, quen lerá a laudatio de Henrique Peón Mosteiro.
Acompañamento musical de Su Garrido Pombo e coa intervención de Celso Fernández Sanmartín.

Camiño Noia Campos
Foi catedrática de Literatura Galega na Universidade de Vigo e agora é catedrática emérita. Na súa longa vida académica ten publicado libros e artigos sobre diferentes temas da literatura galega, como a Nova Narrativa Galega, a poesía de mulleres e de Cunqueiro, a narrativa de Casares, etc. Leva anos dedicada á clasificación do conto galego de tradición oral. Neste ámbito ten publicado os libros Contos galegos de tradición oral (Vigo: Nigratrea, 2002), que tivo dúas edicións en galego e unha versión reducida en castelán, Cuentos gallegos de tradición oral (Vigo: Nigratrea, 2003). En 2010 publica o Catálogo tipolóxico do conto galego (Universidade de Vigo: Servizo de Publicacións), unha extensa obra de máis de 1000 páxinas. Desde o ano 2004 pertence ó Groupe de Recherche Européen sur les Narrations Orales (GRENO), e ten participado en xornadas de traballo en diversos países: Francia, Cataluña, Grecia, Portugal, Galicia, Baleares… Froito da xuntanza organizada en Galicia (Mondariz e Santiago) en 2012, sae o libro Imaxes de muller. Representación da feminidade en mitos, contos e lendas (Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo), do que foi coordinadora.

Henrique Peón Mosteiro
Nado na Coruña o 1 de novembro de 1963 e veciño na actualidade do concello de Oza-Cesuras, Henrique Peón Mosteiro (Quique Peón) é folclorista, coreógrafo, investigador, intérprete, docente e director escénico no ámbito da música e o baile tradicional de Galicia. A súa actividade profesional céntrase na investigación etnográfica cun extenso labor de recollida de campo, restaurando e recuperando centos de bailes, danzas, músicas, traxes, costumes e tradicións, gañando innumerables premios a nivel estatal e internacional dirixindo o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina da Coruña:
– Xornadas de Folclore galego de Santiago de Compostela: Medalla de Ouro – 1983, 84, 85 e 87
– Mellor bailarín de Galicia – 1985 e 1988
– Programa Gente Joven TVE: Primeiro premio – 1983, 84 e 85.
– 1º Premio no concurso Dances et traditions Populaires de Chatomeauf du Fao (Francia)
– 1º Premio no concurso internacional de Zemplen (Hungría)
Creador de distintos espectáculos folclóricos:
– Costumes e saberes dun pobo
– Unha viaxe por noutrora
– Ribeirana
– Atruto
– Dengue
– Camiño do Sul
– Galicien Amerika line
– Patrimonio Inmaterial
– Endaterra (actual)
No 2008 crea a súa propia compañía profesional de Danza Galega, “Quique Peón Cía.”, na que desenvolve as súas inquedanzas creativas e coreográficas.
Premios:
– 2º Premio de Coreografía no XXI Certamen de Danza Española y Flamenco de Madrid.
– Premio do Conservatorio Superior de Danza “María de Ávila” de Madrid.
Producións:
– Ovay (2008)
– Alendacroa (2010)
– Seisdecatro (2011)
– Amizade (2012)
– O Poder do Arcabuz (2016)
No apartado folk liderou o grupo de música “Radio Cos”, con dous traballos discográficos no mercado e foi grupo oficial do Womex 2018. Na actualidade forma parte do Grupo OFB (Os do Fondo da Barra) que sacaron ao mercado o seu primeiro traballo discográfico chamado BâNZô.

Lugo: Letra das Festas. Revista oral do San Froilán 2024. Historias da radio


Chega a edición número 14 da Letra das Festas. Revista oral do San Froilán 2024. Historias da radio, unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Terá lugar o mércores, cuarta feira, 9 de outubro, ás 19:00 horas, no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n). A entrada é de balde até completar capacidade.

Participan:
– Félix Jorquera (Radio Voz)
– Lourdes Abuide (ex-locutora Onda Cero)
– Paco Nieto (locutor xubilado)
– Tonina Gai (locutora xubilada)

Coordinación e presentación:
– Lois Pérez

Lugo a Versos 2024


A AELG colabora con Lugo a Versos 2024, actividade da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e o Centro Sociocultural O Vello Cárcere de Lugo.

No mes de marzo damos a benvida á IV edición de Lugo a Versos, a campaña de O Vello Cárcere para celebrar o Día Internacional da Poesía.

Este proxecto ten o obxectivo de conmemorar e divulgar a rica poesía galega, de forma presencial e virtual. A campaña que inicia na vindeira semana estará aberta a toda a cidadanía e contará coa vosa participación nas redes sociais e no recital que irá acontecer o día 21 de marzo ás 18:00 h, no panóptico do Centro.

Bases de participación na dinámica virtual #LugoaVersos: A dinámica virtual dará comezo o 14 e rematará o 21 de marzo. Durante eses días, as persoas interesadas en participar deberán subir ás súas redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter) un vídeo ou audio recitando poesía, ou ben unha imaxe compartindo un poema galego en formato texto. Cada poema deberá ir acompañado do título e da autoría correspondente (que pode ser propia ou non). Todos os vídeos, audios ou imaxes que formen parte desta iniciativa deberán ir acompañados dos cancelos #OVelloCarcere e #LugoaVersos, e etiquetar os perfís de O Vello Cárcere (Facebook, Instagram ou Twitter).

Bases de participación no recital “Lugo a Versos” no panóptico do Centro: O recital de poesía terá lugar o xoves 21 de marzo ás 18:00h e as inscricións estarán abertas do luns 18 ata o mércores 20 ás 18.00h. As persoas interesadas en recitar deberán inscribirse a través do correo vellocarcere@lugo.gal indicando nome, apelidos, número de teléfono, e poñendo no asunto do correo ‘Recital Lugo a Versos 2024’. Durante o evento, e previa autorización das persoas participantes, gravaranse as intervencións co fin de ser posteriormente publicadas na nosa canle de Youtube e promocionadas a través das redes sociais. O acto estará aberto ao público ata completar cabida. Convidámosvos a eternizar connosco esta festa da poesía que é “Lugo a Versos”!

Lugo: presentación da novela gráfica Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, adaptada por Iria Aldegunde

Lugo: III Festival de poesía das Lupercais