Antía Otero e Dores Tembrás crean un novo selo editorial, Apiario

DesdeApiario Magazine Cultural Galego, de Montse Dopico:
“As poetas Antía Otero e Dores Tembrás veñen de poñer en marcha Apiario, un proxecto cultural que combinará obradoiros e cursos de formación literaria cun novo selo editorial independente.
A noticia do nacemento de Apiario comezou xa a correr polas redes sociais, aínda que a presentación pública non se realizará ata o vindeiro 18 de novembro, ás 20:00 horas, na Linda Rama, na Coruña.
Como editora, Apiario prestará atención aos “novos valores da escrita e da ilustración”, como demostran xa os que serán os seus primeiros títulos: Celebración, de Gonzalo Hermo e Porque Cuqui non quere ir á lavadora. Conto MOI IMPORTANTE para lerlles aos maiores antes de durmir, de María Lado, con ilustracións de Yanina Torres Tuirán. Para comezos de 2015 publicarase Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e Resposta nas aulas, de VVAA, entre os que se atopan Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Antía Otero e Dores Tembrás.
Cera Labrada (poesía), Niño de Abella (infantil) e Abella Mestra (ensaio/divulgación) serán as primeiras coleccións da parte editorial de Apiario, que traballará sen distribuidora, levando os libros directamente aos puntos de venda e venderá tamén os seus libros na súa web.
“Apiario colle o seu nome da constelación conceptual da apicultura, porque cre na cultura como lugar onde xerar comunidade. Agrúpase para facer en común e construír soportes onde as abellas traballen pola non-extinción. Volve ao papel/panal nunha factoría onde esmelgar ao redor da palabra. Un laboratorio que deseña contextos para a creación”, explican as promotoras desta iniciativa. (…)”