Chelo Suárez gaña o Premio de narración curta Ánxel Fole do Concello de Lugo

Chelo Suárez e Martiño Maseda, en galego, e José Manuel Moreno e Miguel Sánchez Carballos, en castelán, foron os gañadores da décimo terceira edición do Certame de narración curta Ánxel Fole, convocado polo Concello de Lugo. O xurado, composto polos escritores Isidro López Novo e Xosé Otero Canto e o editor Henrique Alvarellos, decidiron outorgar o primeiro premio do certame en galego á obra Recantos, presentada por Chelo Suárez Muíños, da Coruña. En castelán, o primeiro premio levouno Ningún ollo humano, de José Manuel Moreno Pérez, de Madrid. Desta obra. o xurado valorou o dominio da linguaxe experimental e a gran tensión narrativa, que manteñen o clímax da obra. En total, presentáronse 52 obras: 20, en galego, e 32, en castelán. En cada unha das categorías, o primeiro premio é de 1.000 euros e o segundo, de 500. O xurado destacou a gran calidade das obras, especialmente as escritas en galego”. Vía El Progreso.

Gañadores do Premio Adiala 2010

“Reunido o xurado do Premio Adiala 2010 de relato curto, do Centro Galego de Mallorca, o pasado 17 de decembro de 2010 e composto por D. Perfecto E. Cuadrado Fernández, Dna. Mª del Carmen González Moreno e D. Carlos Ramos Aguirre, decidiu por unanimidade conceder o PRIMEIRO PREMIO a Chelo Suárez Muíños polo seu relato Monólogo dun cadáver. Asimesmo, conforme ás bases do certame, o xurado decidiu conceder un ACCÉSIT a Darío Portela Núñez polo seu relato A partida. Ademais o xurado salientou a boa calidade dos orixinais presentados nesta edición, sinaladamente a dos relatos A garda de Diana Varela Puñal e Agre de Clara do Roxo, que tamén serán publicados na Revista Adiala”.

Sotelo Blanco publica as obras premiadas no Premio Manuel Lueiro Rey de novela curta do 2010

A Editorial Sotelo Blanco publica os libros premiados na edición do 2010 do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey: As horas rotas, de Chelo Suárez Muíños, e A pregunta perfecta (O caso Aira-Bolaño), de Juan Tallón, finalista do Premio.

A Coruña: IV Encontros Milpedras, recital conxunto de poesía, música e arte

O venres Foto Milpedras17 de decembro, a partir das 21:00 h., no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, 3, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, desenvólvese a cuarta edición de Encontros en Milpedras, unha proposta de unión en diálogo libre, ao vivo, de poesía, música e arte. Actuarán recitando poemas Antía Otero, Chelo Suárez, Eduardo Estévez e María Lado, en paralelo á música de Manu Clavijo e a creación pictórica de Manoel Bonabal.

Chelo Suárez gaña o Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey

Chelo Suárez obtivo o Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey coa obra As horas rotas. O escritor e profesor Manuel Quintáns presidiu o xurado, formado polos críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez, a autora Ánxela Gracián -que actuou nesta ocasión por delegación da editorial Sotelo Blanco- e a escritora An Alfaya, que resultou gañadora da edición anterior coa obra Areaquente. O concelleiro de cultura do Grove, Antón Mascato, actuou ademais como secretario, con voz e sen voto. O xurado do certame resaltou que se trata dunha novela “de contexto da guerra civil española pero no que destaca a poética coa que é tratada dende o punto de vista dunha muller que padece as consecuencias do inicio da guerra civil, vendo como se tronzan as súas esperanzas e ilusións; e dende o punto de vista dun guerrilleiro que entrega a súa vida no que considera unha causa xusta”. Manuel Quintáns, presidente do xurado, destacou o lirismo da obra así como a súa capacidade para “atraer o lector dende o primeiro momento”. Segundo lle indicou a este xornal, a novela “está moi ben narrada en galego, cun sentido poético claro e con personaxes moi ben definidos”. O premio está dotado con 3.000 euros, e a obra gañadora será editada por Sotelo Blanco. O número total de orixinais presentados foi de 26.
A nova aparece recollida nos seguintes medios: (El Correo Gallego, Galicia Hoxe, La Voz de Galicia)