Compostela: Letras Galegas no Gaiás | Antonio Fraguas

Desde a Cidade da Cultura:
“A Cidade da Cultura súmase cada 17 de maio á celebración das Letras Galegas, este ano dedicadas a Antonio Fraguas, figura que tamén ten a súa homenaxe e festexo neste gran día no Gaiás, para pór en valor o seu labor como investigador e valedor da nosa cultura popular.
Antonio Fraguas foi director e presidente do Museo do Pobo Galego, institución que prestou unha importante colaboración para a configuración da exposición sobre artesanía galega Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería en Galicia, que pode verse no Museo Centro Gaiás ata o 8 de setembro.
Así, ao longo do 17 de maio e para celebrar o Día das letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas, na Cidade da Cultura organizamos:
– Unhas visitas comentadas moi especiais á exposición Pensar coas mans, nas que destacaremos a súa figura e o seu labor ao fronte do Museo do Pobo Galego, a partir das pezas prestadas para esta mostra artística.
– E, seguindo co bo recibimento e participación acadada pola actividade iniciada o ano pasado no 17 de maio, as persoas que se acheguen ao Museo Centro Gaiás poderán sumarse á lectura participativa, na que contaremos cunha escolma de textos destacados da súa obra.
A persoa que realizou a escolma de textos, á proposta do Museo do pobo Galego, é Clodio González Pérez, etnógrafo, historiador, membro correspondente da Real Academia Galega (RAG) e persoa vencellada ao MPG e de ampla traxectoria humanista no sector cultural.
Esta lectura compartida é un xeito inclusivo, dinámico e participativo de achegar e promocionar a creación de Antonio Fraguas a todas as persoas interesadas, e tamén a aquelas que non coñecían de todo a súa importante tarefa para recompilar, conservar e pór en valor o patrimonio de raíz galego. Ademais, a vosa participación irase compartindo nas redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia: Facebook, Twitter e Instagram.
Animádevos a participar e festexar con nós e deste xeito tan activo as nosas Letras Galegas!”

Compostela: Diálogos ao redor de Castelao, con Siro López

Desde a Cidade da Cultura:
“O 20 de febreiro, ás 18:30 horas, na Aula Seminario do Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, terá lugar a conferencia Castelao, o humor galego en Europa a cargo de Siro López, nos Diálogos ao redor de Castelao. A entrada é de balde, previa inscrición, aquí.”

Compostela: Diálogos ao redor de Castelao, con Miguel Anxo Seixas Seoane

Desde a Cidade da Cultura:
“O 6 de febreiro, ás 18:30 horas, na Aula Seminario do Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, terá lugar a visita relatorio de Miguel Anxo Seixas Seoane sobre A lección de Castelao, nos Diálogos ao redor de Castelao, onde explicará esta mostra da que é comisario e nos achegará a súa visión e últimas descubertas sobre Castelao. A entrada é de balde, previa inscrición, aquí.”

Compostela: Diálogos ao redor de Castelao, con Carlos L. Bernárdez

Desde a Cidade da Cultura:
“O 30 de xaneiro, ás 18:30 horas, na Aula Seminario do Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, terá lugar a conferencia de Carlos López Bernárdez Fronte da Arte. Castelao e a plástica galega durante a Guerra Civil, nos Diálogos ao redor de Castelao. A entrada é de balde, previa inscrición, aquí.”

“Obradoiro de Novela Cidade da Cultura”

Desde a Cidade da Cultura:
“Escribir é arte e tamén oficio. Require de vontade e de talento, pero tamén de ferramentas que poden ser aprendidas. Enfrontarse á páxina en branco –ou hoxe en día máis ben á pantalla– énchenos de preguntas: como creo personaxes interesantes? Desde que punto de vista conto a miña historia? Estou sendo artificioso nos diálogos? Aburrirei ao lector? Que fago coa novela cando estea rematada?
No Obradoiro de Novela da Cidade da Cultura aprenderás a dar resposta a todas estas cuestións da man de escritores e escritoras galegas de éxito e co apoio dunha axencia literaria profesional, Rolling Words, que brindará a súa experiencia no mundo da edición.
O obradoiro estrutúrase en dúas partes, unha teórica e outra práctica. A parte teórica consistirá en 9 clases maxistrais que terán lugar os venres entre o 1 de marzo e o 3 de maio de 17:00 a 19:30 horas na Biblioteca e Arquivo de Galicia. Cada unha porá o foco nun aspecto concreto da creación literaria e será impartida por autores e autoras especialistas no tema.
1. Introdución ao curso. Empezar unha novela.
[1 MARZO]
Imparte: Javier Peña.
2. O punto de vista narrativo
[8 MARZO]
Imparte: Manuel Gago.
3. Personaxes e diálogos
[15 MARZO]
Imparte: Antón Riveiro Coello.
4. O estilo
[22 MARZO]
Imparte: Arantza Portabales.
5. Estrutura e tempos da novela
[29 MARZO]
Imparte: Xabier Quiroga.
6. Os xéneros
[5 ABRIL]
Imparte: Miguel Anxo Fernández.
7. A corrección da novela
[12 ABRIL]
Imparte: Diego Giráldez.
8. O mundo editorial
[26 ABRIL]
Imparte: Lourdes Díaz.
9. O mercado do libro
[3 MAIO]
Imparte: Siscu Pérez.

Na parte práctica terás, por suposto, que escribir a túa novela, ou polo menos as primeiras 40 ou 50 páxinas. O día 7 de xuño volveremos xuntarnos para poñer en común e corrixir os traballos.
Durante todo o obradoiro terás acceso a titorías co profesorado e disporás dun correo electrónico no que consultar dúbidas ou ampliar coñecementos.
Ademais de adquirir as habilidades e recursos para levar adiante os teus propios proxectos literarios, participando no Obradoiro de Novela Cidade da Cultura acadarás contactos profesionais de calidade e, no caso de demostrar un talento literario sobresaínte, terás a oportunidade de ingresar na nómina de autores e autoras representados pola axencia Rolling Words.
A matrícula xa está aberta a través de ataquilla.com. Dálle forma ao teu talento literario da man de escritores e escritoras galegas de éxito na Cidade da Cultura!”

Compostela: actividades arredor da exposición Castelao maxistral

Na Cidade da Cultura de Galicia continúase no 2019 coas actividades que están a arroupar e dinamizar a exposición Castelao maxistral, mostra que permite contemplar por vez primeira en Galicia a A derradeira leición do mestre, lendario cadro visitado xa por máis de 20.000 persoas. Deste xeito, o 17 de xaneiro esperamos contar contigo nun programa de actividades que poñen o foco no exilio, que marcou o artista e intelectual galeguista e a tantas e tantos do seus coetáneos, xa que foi nesta circunstancia cando pintou o óleo que artella o relato da mostra.
Así, no Museo Centro Gaiás celébrase ese día, ás 20:00 horas, un concerto da Real Filharmonía de Galicia (RFG) que, baixo o título Os camiños de Castelao, ofrece un repertorio centrado nos países que percorreu na diáspora e no exilio o artista de Rianxo (máis información aquí). E previo a esta actuación, organizouse un encontro con persoas refuxiadas e exiliadas en Galicia, en colaboración con Aministía Internacional (toda a información sobre esta actividade, aquí).

Vídeos da “Xornada sobre políticas culturais en Galicia. Un debate necesario”, o pasado 13 de novembro

Desde a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural:
“O pasado 13 de novembro desenvolvimos na Cidade da Cultura unha xornada sobre a política cultural en Galicia. Foron moitas as persoas que acudiron ao convite da nosa asociación para coñecer a situación do noso sector da man dos seus profesionais, escoitar opinións diversas sobre as políticas culturais galegas e tamén opinar e debatir, convertindo a cita nunha experiencia moi enriquecedora para tod*s nós.
Por se non puideches acompañarnos -ou o fixeches e apetéceche escoitar de novo algunha intervención- aquí tes a xornada vídeo a vídeo:”

Compostela: Xornada técnica “Redescubrindo o patrimonio bibliográfico”, o 14 de decembro