O 17 de novembro, ás 12:00 horas, no Auditorio Neira Vilas (Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura), terá lugar “Asaltos! á letra: poesía” (a reserva pode facerse aquí):
“Os ollos da poesía observan o mundo e a nós cun prisma de moitas cores, mais… vémola nós igual?
Neste duelo a tres versos asaltaremos os grandes mitos da poesía, os seus mecanismos de canonización e expansión ou a capacidade dun só verso para construír, desde o minúsculo, un mundo enteiro.
Loitaremos neste ring co poético e contra a poesía, para extraer dela o maior número de visións: a poesía que mira a música, a poesía que mira o canon, a poesía que mira o slam…
Modera: Silvia Penas, poeta, filóloga, performer, e vocalista de Cinta Adhesiva. Púxiles:
– Chus Nogueira, crítica literaria, filóloga e ensaísta galega. Foi presidenta da Asociación Galega da Crítica.
– Antón Blanco, poeta, filólogo e músico. Foi batería de Atrás Tigre.
– Elías Portela, o poeta pontevedrés é Premio Poesía Afundación. Considerado un dos escritores máis importantes da literatura islandesa actual.”
Arquivos da etiqueta: Cidade da Cultura
Compostela: “Asaltos! á letra: oralidade”
O 16 de novembro, ás 17:30 horas, no Auditorio Neira Vilas (Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura), terá lugar “Asaltos! á letra: oralidade” (a reserva pode facerse aquí):
“Desde a Odisea de Homero ata o verso dunha regueifa, pasando polo último disco dunha cantautora, a oralidade estivo intimamente vinculada á forma de nos expresar poeticamente.
A visión desta manifestación artística e a súa identificación coa literatura será o fío de Penélope do que tiraremos para deconstruírmos un tapiz de ideas do máis variado ao redor da voz cantada, recitada ou rapeada. Tres voces da música serán as que se batan en duelo dialéctico:
Modera: Xurxo Souto, o cantante d’Os diplomáticos de Monte Alto é, ademais de músico, filólogo e dinamizador cultural. Púxiles:
– Sés, cantautora galega que cun estilo ecléctico enche auditorios, salas de concertos e teatros de toda Galicia.
– Alba María, cantante, investigadora e regueifeira.”
Compostela: “Asaltos! á letra: tradución”
O 10 de novembro, ás 12:00 horas, no Auditorio Neira Vilas (Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura), terá lugar “Asaltos! á letra: tradución” (a reserva pode facerse aquí):
“Que nos contan as palabras que viaxan desde o galego a outros lugares cando volven? E as que veñen desde outras linguas para ficar?
Estas e outras cuestións voan sobre un ring aberto dedicado á tradución, no que se incidirá nas súas riquezas e dificultades, na diversidade que esta achega, na súa capacidade para nos visibilizar no mundo e facer que o mundo se abra tamén para nós.
Un auténtico duelo autora VS. tradutora para coñecermos o poder da nosa voz emitida por outras gorxas.
Modera: María Alonso Seisdedos, tradutora ao galego de series como Shin Chan e Premio Nacional de Tradución pola co-tradución do Ulises, de James Joyce. Púxiles:
– Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil Xuvenil.
– Sara Margherita Cavarero, prestixiosa tradutora que levou ao italiano Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas.”
Compostela: “Asaltos! á letra: divulgación”
O 9 de novembro, ás 17:30 horas, no Auditorio Neira Vilas (Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura), terá lugar “Asaltos! á letra: divulgación” (a reserva pode facerse aquí):
“Desde Internet, a televisión, a edición, a radio, a libraría ou o xornal, o sector do libro loita por facerse visible, audible ou simplemente comprensible.
Tres destas figuras da divulgación cultural e literaria medirán as súas forzas verbais neste ring que pretende achegar unha visión desde dentro e fóra dos retos que a lectura ofrece no aquí e no agora, no alí e no despois.
Modera: Francisco Castro, editor, escritor e director de Galaxia. Púxiles:
– Ramón Nicolás, crítico literario e creador do blog Caderno da Crítica
– Óscar López , xornalista cultural especializado en literatura, ideólogo do programa de TVE Página 2.
– Alejandra de Diego Lata, dinamizadora cultural e unha das propietarias da libraría Berbiriana, na Coruña.”
Compostela: “Xornada sobre políticas culturais en Galicia. Un debate necesario”, o 13 de novembro
Compostela: “Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra”
Desde a Cidade da Cultura:
“O 5 de outubro inauguramos no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura Castelao maxistral, unha homenaxe ao papel dos mestres e mestras de Galicia e ao importante labor que fixeron —nunha época (1900-1936) de gran precariedade de medios no ensino e sen material pedagóxico— para intentar mudar esta situación e acadar unha maior alfabetización da poboación e, sobre todo, que as clases sociais máis desfavorecidas tiveran tamén acceso á educación, e en galego.
Deste xeito, este proxecto expositivo — comisariado polo historiador e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane— céntrase, por unha banda, en recrear a situación do ensino en Galicia nesa época —principios do século XX ata 1936— e por outra, en pór en valor os avances que se realizaron grazas ao esforzo e implicación persoal enorme destes docentes para asentar as bases da educación pública tal e como hoxe a coñecemos, cunha transformación con ideas pedagóxicas renovadoras que se viu truncada co estoupido da Guerra Civil.
O eixe desta exposición é a primeira mostra en Galicia da simbólica pintura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, A derradeira leición do mestre (1945), e elixiuse a Cidade da Cultura de Galicia como sede. Esta obra consérvase no Centro Galicia de Buenos Aires, cidade na que foi realizada polo autor, e nunca ata agora tiña saído desta institución. A pintura, de dous metros de altura, baséase na estampa n.º 6 do libro Galicia mártir publicado por Castelao en 1937. O tema é o do mestre asasinado na Guerra Civil española ante uns nenos que se laian conmocionados. Unha escena tráxica chea de tristeza e denuncia. As descricións desta obra apuntaron o paralelismo entre o fusilamento do mestre e o do seu amigo, o intelectual Alexandre Bóveda, o 17 de agosto de 1936.
Castelao maxistral recolle este testemuño e contextualiza a situación do ensino en Galicia en tempos da República e incide na importante tarefa e o grande interese de Castelao a prol dunha educación en Galicia: libre, universal e en galego, da que foi un acérrimo defensor. Precisamente, débese salientar que Castelao maxistral é o primeiro proxecto expositivo que recolle todos os debuxos (40) que o artista de Rianxo lle dedicou ao ensino obrigatorio, que na época era ata os 9 anos de idade.”
Compostela: concerto de despedida do Pergamiño Vindel con Ensemble Micrologus e Dores Tembrás
A sexta feira 2 de marzo, ás 20:30 horas, no Museo do Centro Gaiás (Cidade da Cultura), terá lugar un concerto de despedida do Pergamiño Vindel, a cargo do grupo de música antiga Ensemble Micrologus, que interpretará seis das sete cantigas con melodía de Martín Códax, mentres que Dores Tembrás recreará a única sen notación, pero á que lle porá musicalidade co seu recitado. Máis información sobre as entradas aquí.
Compostela: Uxía-o, Uxía canta poemas de Uxío Novoneyra
Compostela: presentación de Da lectura e outras cousiñas, de Xosé Luna Sanmartín
Nexos convida a… Nélida Piñón
Nexos convida… volve neste 2016 para conversar con figuras de recoñecido prestixio das letras, as artes e o pensamento. O martes 4 de outubro, a partir das 18:30 horas, na Cidade da Cultura de Compostela, terá lugar un diálogo íntimo e directo con Nélida Piñón, Premio Príncipe de Asturias 2005. Da man da profesora de Literatura Galega, Dolores Vilavedra, Nélida Piñón fará na Sala Eisenman un repaso pola súa traxectoria literaria e vital. A entrada é de balde previa inscrición aquí.